Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por unha rede de centros etnográficos

miércoles, 27 de enero de 2016
Como as hemerotecas non deixan mentir -ou se un minte, logo sácanlle a un as cores-, non podo negar que teño sido bastante crítico nesta columna con esa sorte de almacéns de trebellos deste ou daquel oficio, desta ou daquela vella profesión perdida no tempo, ós que se lles chama recorrentemente museos sen cumpriren nin a primeira de liñas da lexislación que regula precisamente a clasificación e funcionamento dos museos.

Pero, o denominado "museo Olimpo Liste" é radicalmente outra cousa, por máis que algunha das súas salas, agora pechadas a cal e canto, conten con centos de pezas. Por iso, do mesmo xeito que fun un máis dos milleiros de ourensáns e non ourensáns que sentiu tristura cando se viu abocado a pechar definitivamente as súas portas, do mesmo xeito lin con xúbilo a información que hai uns días recolleron, entre outros, este mesmo xornal, na que se abordaba a posibilidade de que a Deputación provincial asumise nun futuro próximo a xestión do centro expositivo situado na antesala do maxestoso Escorial galego, alá polas terras montesías de Cea.

Malicio -se as contas non me fallan- que máis ca unha cuestión meramente económica, nestes momentos será bastante máis delicado dar co encaixe administrativo ou xurídico axeitado para que a Deputación se poida encargar da xestión directa dunha colección privada, pero estou ben seguro de que han dar coa tecla para que isto poida ser unha realidade que había convertir, sen lugar a dúbidas, o centro Olimpo Liste na cabeceira de cartel da rede provincial de centros etnográficos que aínda está por crear e pola que agardan con devezo unha ducia ben cumprida de pequenos espazos espallados por aquí e por acolá ó longo e largo do mapa provincial. E sobre todo os entusiastas, esforzados e en moitos caos anónimos promotores de todos eles (arestora pasan por diante da miña memoria unha serie de fotogramas coas súas caras), que agardan que o incansable e case nun recoñecido traballo realizado ó longo de anos e anos para conseguir -poñamos por caso- o centro da Olería de Niñodaguia, o centro da Memoria dos Milagres, a casa do tecido da Camila na Veiga ou a casa do chocolate de Parada de Sil -que ten sido o último-, contabilizando ata o de agora unha vintena de pequenas "lambetadas" da nosa memoria etnográfica, que ven a ser o mesmo cá nosa razón de sermos.

E chegados aquí, loxicamente, non podo esquecer o que debería acabar sendo, xunto coa exposición de Liste, o paradigma da futura e necesaria Rede de Centros Etnográficos da provincia de Ourense. É dicir, o Museo do Afiador, polo que tantos anos leva arelando en silencio o traballo nunca valorado de Florencio de Arboiro e tantos anos leva agardando o espírito de afiador que cada ourensán levamos dentro.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES