Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel verán en Lugo (1)

martes, 26 de enero de 2016
Aquel verán en Lugo (1)
Unha xanela aberta ao Lugo romano
do noso Lucus Augusti
nunha tempada de baños,
¡e de leccións maxistrais!,
co Centurión
Servio Tulio Apicus

-o-

“La gran arquitectura tipicamente romana,
posiblemente encuentra su más alta expresión
en los edificios termales.
Nada encontramos más magnífico, más grandilocuente,
más fértil en soluciones arquitectónicas,
más variado,
más lujoso y desbordante en materia decorativa que
una terma romana”.

Fernando Chueca Goitia, Arquitecto.

Aquel verán en Lugo (1)
PRÓLOGO
Cando che piden que escribas un prólogo, din que é “para honra-lo libro”, pero a miúdo, e este pode se-lo caso, o honrado é mesmamente o prologuista, que agradece que se acorden del para estes mesteres, pois así comparte, aínda que sexa minimamente, os méritos do autor.

Xa que logo, teño que agradecer a Xosé María Gómez Vilabella, que é un “argalleiro”, a oportunidade de compartir con el, dalgunha maneira, estes capítulos dedicados ao vello Lugo.

Aínda sen coñecernos persoalmente ata hai pouco, sentía desde hai tempo (descantiá, como el ben diría) admiración e amizade con Gómez Vilabella, e esta afinidade “incógnita” xa xustificaría sen dúbida estas liñas. Pero ademais, quero supoñer que o autor, que coñece a miña profesión e teimas, quería vencellarme a un texto onde asoman de seguido cousas e personaxes que, dalgún xeito, presume que me son familiares. E isto tamén é de agradecer.

Xa avisei ao autor que eu non son crítico literario e, por ende, non semella ser un prólogo o lugar para analiza-la oportunidade e/ou a calidade dun texto. Estas liñas só poden ser simplemente unha moi breve introdución, sentida e sincera, á plasmación escrita de moitas horas de estudio, de vivencias, de parolas, de viaxes e, en fin, de traballo (e de lecer) dun amigo.

Non estamos diante dunha novela histórica, polo menos no seu conxunto e tal como se entende hoxe tal xénero, aínda que haxa capítulos nos que o centurión Tulio semella novelar, libremente, episodios da nosa máis vella historia. Non é tampouco unha historia tradicional novelada, pois as referencias entrecrúzanse, levándonos dunha época á outra, do antigo ó moderno, das vellas mitomanías ás circunstancias máis recentes.

Entendo que o que quere Gómez Vilabella é facer unha longa recreación de escenas históricas e actuais, utilizando para iso, por un lado, as súas vivencias autobiográficas, e por outro, a mediación da figura do citado centurión Servio Tulio, soldado (con nome dun dos sete primeiros reis de Roma) destinado en Lucus Augusti e ao que se lle pegaron, en dous mil anos de “penitencia pre-bautismal”, moitas cousas do carácter oestrímnico (é dicir, indíxena-castrexo-prerromano, que todo vén a se-lo mesmo) que por veces el quere deostar.

Grazas a esa estadía no Balneario de Lugo, de vella e recoñecida sona, é onde os protagonistas, atinadamente, “romanean”, achegándonos á historia antiga de Lucus, pero non só á historia dos importantes, á que nos conta a bibliografía máis clásica, senón, e ese é o seu gran valor, á historia doméstica e pedestre, á aquela que por ser de todos resulta próxima e asumible por todos; en fin, á “intrahistoria” unamuniana.

Ese é para nós o gran mérito, o de enxergarmos a través dunhas páxinas de diálogos ricaces e corridos unha etapa decisiva na historia de Lugo, pero facéndoo de xeito entendible e ameno, case cotián, coma se dun escenario parateatral se tratase. Os personaxes, antigos e actuais, falan e retrucan polas páxinas do libro facendo referencias e ata descricións diversas: desde monumentos como as termas, a calzada, a muralla, ou Bóveda, ata todo tipo de restos arqueolóxicos ou epigráficos, pasando por datos documentais e de arquivo. En fin, boa parte da Historia de Lugo aparece mesturada na conversa e na vida cotiá dos protagonistas, lembrándonos que as xentes do pasado eran humanos e tiñan vivencias coma os do presente.

Grazas a todo o que nos conta Gómez Vilabella, a historia do Lugo galaico-romano non resulta tan lonxana como, ás veces, algúns puideran pensar. Nós mesmos lembrábamos algunha vez que “os galaico-romanos tamén somos nós”. O mundo do centurión Servio Tulio é, en boa medida, o noso mundo: velaí está o noso patrimonio arqueolóxico como recordatorio diario (en moitas ocasións, relembro recalcitrante de tristezas e lamentables actuacións...), aí están as leis, os costumes, certas crenzas, a lingua, boa parte da cultura material, e un longo etcétera. E o autor recórdanos, e tamén hai que agradecerllo, que aí están, tamén, os mesmos sentimentos e as mesmas preocupacións.

Deste xeito, estes capítulos de “Aquel verán en Lugo”, serven algo máis que para “romanear”; serán útiles a todos, eruditos ou non (pois incluso nos aclara moitos latixos, preciosa verba que el recupera na escrita), e achegarannos á Historia mentres nos entretén cos seus contos e lerias, facéndoo ademais nun galego popular de doada lectura, que é outro dos méritos de Gómez Vilabella. Si se consegue que o público común, normal e maioritario, urbano e sobre todo rural, lea en galego con interese, abondará o seu esforzo, e moito máis se o tema o achega á súa historia e lle serve para asumila e defendela, como o amigo Xosé María vén facendo desde hai moitos anos. Que Deus llo pague, para maior honra de Servio Tulio e da súa cidade, que tamén á a nosa.

Felipe Arias Vilas
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES