Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bromas e bromas

lunes, 25 de enero de 2016
Nunca fun eu moi amigo das bromas, cando estas deixan a alguén en evidencia. E non tanto pola cara de paspán que lle pode quedar ó protagonista involuntario do enredo, como polo "leite" que logo lle poden quitar outros ó improperio e polo estigma co que pode quedar marcada a víctima por un tempo, xa que logo, cando acontece algo disto máis ca se riren co afectado, o que acostuma facer o "respetable" é rirse do afectado. E iso deixa moi mal corpo.

Algo así -ademais da lóxica empatía que tamén adoita provocar un feito destes co "bromizado"- foi o que sentín eu hai un pouco, despois de ter escoitado a broma coa que os locutores dunha emisora musical catalá pretenderon facer víctima ó presidente do Goberno do Estado e, inesperadamente, acabaron eles mesmos por seren reos da realidade, que a veces colle a un co pé cambiado e non é tan retorta como dende a distancia se pinta, incluso por moito que o pretendido interlocutor durma nun palacete da Moncloa.

Se cadra, porque nestas xornadas de pouca axenda (non sei se por iso, porque os días son moi grises en Madrid ou porque o seu futuro semella ir fundindo paseniño ó negro) todos estamos vendo a un presidente do Goberno en funcións como transmutado naquel amortallado -Fiz de Cotovelo- que deambulaba polo bosque de Cecebre á procura do camiño de San Andrés de Teixido espantándolle as víctimas ó intrépido Fendetestas, o caso é que incluso con máis motivo me acabo de sentir solidario coa alma en pena de Mariano cando se soubo publicamente sabreado por uns "simpáticos" cataláns que por desgracia para el non tiñan naquel intre outra cousa na que entreteñerse.

Dame que, se desta se lle dera, ó outrora todo poderoso presidente, sementar cabazos, estou seguro de que lle habían nacer chícharos ou no mellor dos casos unha sorte de olivas acedas.

E é que hai bromas e bromas. Hai bromas coma a dos locutores ó presidente, na que o bromista -ou bromistas- son os que saen peor parados. E hai outras bromas chabacanas e de mal gusto, soeces e ruíns que poderían teren quedado nos miolos do "pensador" e faríanlle un ben á humanidade e á súa propia hixiene humorística.

Estou falando dunha que circulou onte pola rede, con ínfulas de homenaxe á retranca e que tivo como protagonista involuntaria á pequena imaxe da Virxe do Cristal, agora que volve estar no medio das conversas.

Sen dúbida, hai bromas e bromas. E esta última tiña tanto de broma como Mariano Rajoy de Fendetestas.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES