Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre miserias e alegrías

miércoles, 20 de enero de 2016
Había ben tempo que Manuel Seixas non regresaba á actualidade literaria para nos ofrecer unha nova proposta narrativa. Aínda non dera a volta o século cando soubemos del por última vez e comentamos a interesante Entre miserias e alegríasBailarina (1999). Logo, o deserto da voz, un baleiro que apenas se mitigaron as súas incursións poéticas ―Diario de Ausencias (2001)― e a súa literatura musical ―o disco en solitario Presentimento (2001) e mais as gravacións coa Neuroband que se chamaron Microse (2004), Proceso amniótico (2011) e, aínda hai nada, Verde (2015).

Por tanto, é xa un feito positivo que Seixas retorne, sobre todo cando o fai para brindarnos Interferencias, suxestiva novela curta que publica a que vén sendo a súa editora de cabeceira, Xerais, quen lle concedera o premio homónimo en 1996 á súa narración A velocidade do frío.

Interferencias é a historia de dous personaxes, María e Xosé. Ela, fisoterapeuta nunha residencia en Vilagarcía. El, profesor nun instituto da mesma vila. Ela, orfa e solteira, ten para alugar o segundo andar da súa vivenda unifamiliar. El, divorciado e senlleiro, procura un novo espazo no que reconstruírse como persoa. Ambos os dous, náufragos dun pasado violento que desexan deixar atrás definitivamente.

O encontro destes personaxes redefinirá as súas circunstancias vitais, axudaralles a reinterpretar o seu pasado e, sobre todo, abrirá unha esperanza a un luminoso futuro en común. Mais a realidade é complexa, a vida arrastra limos do camiño andado e as dificultades son sempre sombras ominosas.

Interferencias é, neste sentido, unha novela sobre a identidade e o destino, sobre a capacidade de vencer a natureza propia, unha sorte de fatum caracteriolóxico do que cómpre escapar. Eros e Tánatos enfrontados e, ao seu redor, as forzas positivas da amizade e as negativas da premente sociedade.

O resultado deste choque de enerxías é unha historia de amor que Entre miserias e alegríassoergue do seu abatemento os personaxes, frustrados no inicio, ancorados nunha vida zombie que comeza a darlles unha tregua no mesmo instante que se coñecen, pero que ao final reclamará tamén o seu óbolo.

Todo este fluír de paixóns encontradas nárrao Seixas co saber ao que nos ten adoito, engastando capítulos breves, lóstregos de prosa que se suceden nunha continuidade de engrenaxe en perfecto mecano, mostra da pericia que é quen de desenvolver o autor á hora de tecer os fíos dun relato que intriga dende a primeira páxina, pois un vai ficando atrapado na curiosidade por saber qué vai ser deses dous personaxes que semellan empeñados en recuperar o temón das súas vidas pese a todo.

Como nunha constelación de soles secundarios, en Interferencias orbitan tamén outros corpos temáticos de indubidable interese, como a reflexión a propósito dos tratamentos médicos nos centros de saúde ou vía farmacopea, a soidade da vida urbanita moderna e outros que fan desta novela un retrato non sempre amable da sociedade dos nosos días, especialmente atinada á hora de describir algúns dos males que nos atoan: “A dor física como evidencia da cara dura do mundo. A dor psíquica como constatación da insufríbel dor que causa en ocasións pretender estar no mundo. Ser no mundo. Ser e estar no medio de miserias e alegrías”.

Venturosa nova, por tanto, esta da volta de Manuel Seixas ao panorama literario galego con Interferencias, unha novela que agradará pola súa capacidade para levigar as grandes cuestións daqueloutras realidades pulverulentas que tantas veces nos distraen do que de verdade importa e o escritor vilagarcián tan ben sabe retratar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES