Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O nobelo de Ariadna

viernes, 15 de enero de 2016
Xa que a razón fracasa no ámbito político, volvamos á mitoloxía, por si aquí sae algo ao paso que valla a pena utilizalo como ponte de acceso (pontifiquemos, pois!) a ese galimatías que teceron os nosos políticos, e nos ilumine un pouco a situación. Porque nesta estraña dialéctica, entre os que din saber o que dixo o pobo na votación do 20-D e o que o mesmo pobo pensa que dixo, non é que non se “atrevan a saber” (sapere aude), é que non se quere atender, en aberta oposición, o imperativo do Século das Luces: Os políticos non queren un saber de consecuencias lóxicas, e os cidadáns dubidan do saber político.

Pois ben; se teimamos en prescindir desa AUTONOMÍA que comporta “atreverse a saber”, porque libera á razón e á vontade de ataduras estrañas as mesmas (e na que un ilustrado tan conspicuo como Kant fai consistir a quintaesencia do Século das Luces), para saír deste labirinto, acudamos á artimaña de Ariadna, filla de Minos e de Pasifae, e amante de Teseo, ao que lle deu o nobelo de fío que este utilizou para saír do Labirinto de Creta, aconsellándolle que o seguira ata dar co mostro durminte, a quen debía atrapar polo pelo e sacrificar a Poseidón. Despois podería encontrar o camiño de volta volvendo a enrodelar o nobelo en sentido inverso.

Isto élles unha lea; pero creo que sería tan imprudente meterse no labirinto dos nosos políticos sen o nobelo, como no de Creta, se non queremos quedarnos dentro, sen perspectivas, ou saír aparvados. O labirinto español, co embarazo do catalán, non é fácil adiviñar se alberga algunha técnica abortiva ou está a espera dunha cesárea. E deixemos, por agora, fora os contextos labirínticos globais, xa que, aínda que saiamos dos nosos, seguimos quedando dentro dos que nos abarcan.

Como os españois non contamos cunha Ariadna que nos dea o nobelo, non nos queda outro remedio que botar man do que encontremos no noso lar, que non pode ser outro que o dos fíos xurídicos que sinalan camiños; pero, ademais, onde está Teseo?. Xa que os distintos teseos utilizados ata agora, en accións ocasionais, ou ben se detiveron no camiño, o ben vagaron polo labirinto sen saber que fío seguir, ou ben adormeceron no traxecto, ou ben prescindiron arrogantemente do nobelo, aplicando artimañas desaxeitadas..., é dicir, foron un fracaso, con estas consecuencias labirínticas, e agora andan xogando a quen será o máis teimoso nas erradas traxectorias, e non creo que Lisboa as despexe en mans tan febles e versátiles camiñantes.

Pero non deberíamos perder de vista que os diferentes fíos xurídicos que conducen por outras tantas vías, están anoados a un fío fundamental, que é o verdadeiro de Ariadna, porque enrodelando os derivados ata el está salvada calquera desorientación, e isto non significa que non se poida repoñer ou reparar, senón que esa suposta reposición, se non se quere correr o risco dunha desorientación convulsiva, non sería prudente acometela antes de clarificar os espazos labirínticos. E sobre todo, cando non se encontra un Teseo verdadeiramente fiel a Ariadna e disposto a sacrificar a Poseidón (o Neptuno dos gregos), por haber conspirado contra o seu propio irmán, Júpiter (Zeus): As conspiracións, xa que logo, deben ser enervadas eficazmente, como nos indica o mesmo Mito do Labirinto de Creta, porque é unha emerxencia que se acocha e disimula facilmente nas espiras burladoras das encrucilladas. Bo exemplo, en Cataluña.

Encontrar o camiño e manterse nel é concederlle á RAZÓN, dentro do mesmo mito, un espazo, que, certamente, se lle está negando para dar pábulo a actitudes e pretensións de matriz ególatra, enzoufadas nunha sofisticada, e non sen paradoxos, racionalidade argumental, á que nos teñen abondo acostumados os nosos políticos, tanto os clásicos como os emerxidos do seo das insoportables situacións xeradas polo desacertado manexo do nobelo de Ariadna.

E nese espazo aberto á razón é onde debería librarse a batalla á crise da mesma, afogando os, por ancestrais e aberrantes, casposos particularismos ideolóxicos. Porque esta crise non é tanto de método, usado adecuadamente, nin de resultados, cando se perseguen con xustiza, como de fundamento e maneira de aplicar, non sómente, á racionalidade que esixen os procesos científicos, senón tamén, á “razoabilidade” cando fan referencia directa ás persoas humanas en canto tales.

E xa que de mitos se trata, sigamos insistindo na afección que os políticos españois teñen a hermenéutica dende fai algún tempo, ata o extremo de que alardean, cada un deles, de interpretar a vontade popular, valéndose de mañas electorais. É curioso, porque o termo hermenéutica fai alusión ao deus grego Hermes, fillo de Zeus, e que, entre os seus moitos atributos (sen eles tampouco se consideran os políticos: din resolver os problemas dos cidadáns nun abrir e cerrar de ollos), posuía o de acercar a palabra dos deuses aos mortais. Para isto era mester dominar a linguaxe de todos eles, un bo exemplo de competencia e actitude democrática, que os nosos líderes políticos rexeitan, con inelegancia verbal e torpeza xestual.

Inda que na hermenéutica subxace un certo carácter mediador, que facilita a mutua comprensión, os aludidos políticos, neste papel de hermeneutas, como en moitos outros que se atribúen, posúen a estraña virtude de manipulalo todo, e, en vez de facilitar esa “mutua comprensión”, crean unha tal confusión que induce ao pobo, e ós mesmos medios de comunicación, á percepción dun certo estado de incerteza, co conseguinte desacougo.
Non é, por isto, de estrañar que, como no caso do señor Mas, que profesa de hermeneuta iconoclasta, acaben, ás veces, caendo no máis absoluto desprezo ao pobo, cuxos intereses din coidar, por máis que a virulencia da egolatría sentimental os traizoe: “hai que arranxar nos despachos o que pobo non arranxou na votación”. Todo un exemplo de arrogancia e desprezo ao nobelo de Ariadna!.

Se volven a celebrarase eleccións, dispoñer deste máxico nobelo, non é, pois, menos urxente e non aprema menos aos españois, na política, que a Teseo, no Labirinto de Creta. Explícome: No labirinto estaba encerrado o Minotauro, un monstro con cabeza de touro e corpo de home, froito da unión de un touro con Pasifae, esposa de Minos, que o levou ao labirinto que el mesmo construíu. Aquí alimentábase de carne humana, e foi precisamente Teseo quen lle deu morte, guiado, como sabemos, polo fío do nobelo de Ariadna.

E sigo explicándome: Se me seguiron, ou dito con menos petulancia, se fun capaz de facerme comprender, os minotauros dos labirintos que crearon os nosos políticos – que a miúdo se alimentan de recursos públicos – e agora son incapaces de fuxir deles, na miña modestísima opinión, están esixindo un Teseo que só pode facilitar a sensatez dos cidadáns, xustamente cando fan uso do poder que posúen como membros da entidade–suxeito da soberanía nacional.

Por conseguinte, o manexo intelixente do nobelo (saber ben por onde debemos ir e por onde debemos retornar) é a única posibilidade de conducir a España polo camiño da cordura, tomando moi en serio o acto de votar, e, con alternativas dubidosas, optar pola que sexa menos pretensiosa dun progresismo extravagante e de retrouso, prescindindo do aparato ideolóxico, polo seu posible manexo hermenéutico supra–estrutural e puramente académico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES