Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dicir os nomes

miércoles, 13 de enero de 2016
Este ano fará vinte que se publicou aquel disco de A Quenlla titulado “A casa que nunca tivemos” que empeza e remata con versos de Marica Campo aínda que, como en case todos os discos, hai máis poetas implicados. O caso é que dese disco sempre me impactou a canción de “Alén do teu recordo” escrita por Marica e tamén o recitado na voz de Mero que dicía “quero dicir os nomes, darlles vida, que quen olvida mata novamente e quen recorda salva da ruína”. Non sei porqué estes versos de Marica sempre me levaron a pensar naquelas mulleres que viven de xeito clandestino e sen ningún apoio social, sufrindo a violencia da marxe que, case sempre, queda impune.

Estes días atopeime cunha película estremecedora que leva por título “La mosca en la ceniza” que trata dun xeito maxistral o que trae consigo a prostitución. O drama empeza, como sempre, cun engano e continúa cun encerro nun piso sórdido e en condicións infrahumanas. Pouco a pouco, no rostro das mulleres secuestradas baixo o peso dunha débeda vaise debuxando a desilusión que remata sempre nunha rúa sen saída que leva o nome da desolación. É unha película gris e claustrofóbica onde a cousificación da muller vai paralela á súa forzada mansedume. Evidentemente, isto significa a eliminación total de toda lei para que o deus diñeiro anegue todo de violencia.

Desgraciadamente, este drama non é unha ficción xa que facilmente pode ter unha inspiración real e non sería raro coñecer “trasuntos” de historias que aconteceron ou están a acontecer. Temos grandes arrabaldes sociais nos que o prexuízo está negando e anegando vidas baixo as eternas anestesias das conciencias. É moi cómodo pensar que é porque queren, que aquí hai liberdade para tod@s e que é unha opción coma outra calquera. Se isto fora así, os nomes non terían ningún tipo de ocultación e non existirían paredes que separan mundos distintos. A realidade é outra, a realidade é que non se poden dicir os nomes sen ocultar a historia nin se pode contar a historia sen ocultar os nomes. A realidade é, tamén, que a violencia rodea o mundo da prostitución e impide poñer luz e taquígrafos sobre o tema.

Con películas como esta, con reportaxes, con libros, con debates, con entrevistas...temos a necesidade de debuxar o que se quere desdebuxar, de contar vidas con identidade propia e non esquecer nunca cada nome. Como dixo ManuChao “me llaman calle” pero ata as rúas teñen o seu nome, o que quizais nos indique a tremenda agresión que leva a cabo quen sementa clandestinidade. Contra a clandestinidade está o desterro do prexuízo que se produce no xurdir da empatía cando cada nome empeza a contar o que foi, o que é e o que quere ser. Un día, cando a clandestinidade pase á historia , a humanidade poderá trazar no espello da vida os camiños do porvir.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES