Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vaia! Portugal existe!

lunes, 11 de enero de 2016
É certo que por mera intuición lóxica ou simple conclusión de cercanía, se un vive unha xornada meteorolóxica coma a que sufrimos hoxe (onte, para vostede) na miña terra de Amoroce, non se lle ocorre pensar que no litoral de Viana do Castelo ou nos areais da Foz do Douro andaran os nosos irmáns portugueses estarrecidos ó sol na praia.

Como tampouco creo que se alá por Ciudad Rodrigo os seus veciños sentiron zoar o vento do Atlántico con forza inusitada e viron voar nas súas carreiras algún que outro paraugas, non creo que pensaran outra cousa ca que denantes debéronse airear tamén algunhas capas dos estudantes de Coimbra.

E, seguindo a mesma lóxica cara abaixo no mapa, máis ou menos o mesmo poderiamos dicir dos habitantes de Badajoz, que estou seguro que han sentir exactamente, no verán, as mesmas tardes abafantes que senten os veciños da fermosa e romanizada Évora. E igualmente aqueloutros que se van de "ferias" a Ayamonte ou Faro.

En resumo, que se un vai vendo no mapa do tempo de calquera telexornal nacional as nubes, os soles, os raios, as frechas ou os "ovos fritidos" que colocan sobre España, un vai interpretando que nas súas inmediacións, ó outro lado da raia, a climatoloxía será máis ou menos a mesma que marcan os devanditos anagramas.

Sen embargo, este que escribe, por máis que o pensa non da entendido qué razóns lle asisten ós meteorólogos para que non decidan incluír a Portugal no mapa do tempo, de forma que cando ofrezan a información diaria, amosen a de toda a Península Ibérica. E non por nada, senón porque polo menos os que moramos máis ou menos ó pé da raia, se cadra queremos cruzala e, de paso, poder saber se quenta o sol ou orballa na outra cara da franxa.

Ocorréuseme este símil reivindicativo porque máis ou menos así, coma unha franxa de terra grisalla, completamente carente de vida propia -tal e como Portugal aparece nos mapas do tempo-, é como Portugal está almacenada nun estante dos miolos dunha boa parte da sociedade española. E, dun xeito aínda máis difuso, atrévome a asegurar que da meirande caste da clase política de España.

E digo todo isto porque de súpeto, ó secretario xeral do PSOE non se lle ocorre outra cousa ca facer unha viaxe -dis que de estudos- a Lisboa e resulta que iso que chaman "todo Madrid" felizmente decátase de que Portugal non só existe, senón que tamén fai política. E a veces incluso máis audaz e mesmo adiantada cá que deseñan as cabezas pensantes da todopoderosa "villa y corte" de tódalas Españas.

Só por iso, e sen que sirva de precedente, vaia dende aquí a miña simpatía a Pedro Sánchez. Pois, querendo ou sen querer, foi quen de poñer a Portugal no mapa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES