Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Vitorio de Ribas de Miño (I)

lunes, 11 de enero de 2016
Quizais non sexa novidade para historiadores e para os que rebuscan en documentos sobre diversos núcleos locais de poboación, como son as parroquias, de interrogar a memoria e a crónica escrita e coñecer o vital da nosa identidade. S. Vitorio de Ribas de Miño é un deses entes notábeis do que compre esculcar a súa historia. Esta parroquia ocupa unha extensión xeográfica e estratéxica no norte do concello do Saviñao moi importante. Tiña un amplo dominio nas chamadas terras baixas do río Sardiñeira (o antigo territorio do Sardinarius) asentado en toda esa viravolta por onde as augas do Miño serpentean. Esta parroquia estaba denominada como abadía, freguesía, coto e xurisdición, tal como consta en varios documentos e, sobre todo, no Catastro de Ensenada (1753), no que se relatan unha serie de elementos moi determinantes sobre a configuración de varios perfís e atributos que esta parroquia tivo no século XVIII. Un século que acumulou para a historia local, non poucas referencias de seu status señorial e eclesiástico.San Vitorio de Ribas de Miño (I)
O Catastro de Ensenada referencia varios elementos da vida labrega e ribeirá de S. Vitorio de Ribas de Miño, que entrañan a súa personalidade, que se constata dentro dunha xeografía con connotacións sociais e económicas moi peculiares. Sinala temas moi elocuentes do seu perfil e vida social, de como estaban plantadas as árbores: “sin orden ni regla, dispersos e extendidos”. Ademais, que o territorio tiña 6154 ferrados de sementeira de varios produtos, e de viña 350 ferrados, polo que caracteriza a esta terra de ser opulenta en pan e viño. Hai curiosidades que poden interesar aos estudosos, como son os prezos dos produtos que esta parroquia poñía no mercado rural. O ferrado de centeo valía tres reais de vellón; o canado de viño nove reais de vellón; unha galiña dous reais; un ferrado de castañas secas catro reais e medio; un porco cebado trinta reais; un cabrito tres reais; un cuartillo de manteiga tres reais. Ademais contaba esta parroquia e coto xurisdicional, con cinco muíños fariñeiros dunha roda ou moxega. O mel o producían sesenta e tres colmeas, propiedade de trece veciños. Había unha taberna que rexentaba Simón Vigo, tamén aparece citado como estanquilleiro. Tamén fala dunha barca de transporte de persoas e animais que cruzaba o Miño polo lugar de Porto (asolagado polo encoro de Belesar en 1972). O dito Catastro de Ensenada di textualmente sobre esta barca: “Hay una barca que sirve para pasar gente y caballerías el río Miño en el sitio Porto Sardiñeira donde se paga por cada persona cuatro maravedís y por cada caballería ocho, la que es propia de Antonio Fernández a quienes se le regula de utilidad por ella en cada un año trescientos reales de vellón y a los barqueiros Domingo Monte Agudo y Fhelipe Rodríguez a cada uno cien reales”. O salario dun xornal era de dous reais, nesta xurisdición.

O poder eclesiástico, en S. Vitorio e Ribas de Miño, tiña nesta época, uns atributos moi personalizados na recadación de produtos que recollía a igrexa en concepto de dezmos e primicias. Coidamos que a riqueza eclesiástica que posuía a abadía de S. Vitorio de Ribas de Miño no século XVIII, procedía do dominio e privilexios que tiña o antigo mosteiro. A súa igrexa é estilo románico, e conta coa enorme casa da Abadía, mais tarde reitoral. Este patrimonio obríganos a pensar no poder eclesiástico desta freguesía. O Catastro de Ensenada fala de que tiña un cura párroco que administraba os sacramentos e catro clérigos “mercenarios” (coido que quer dicir mercedarios). O dito documento catastral subliña que o párroco cobraba pola lutuosa un carneiro, ou seu equivalente. Faise cita dos froitos e gando de cría que o párroco cobraba por eles o dezmo e recibía por cada vaca dez maravedíes. De primicia pagaba cada casa un ferrado de centeo. Os que “labraban con xuntas de vacas” pagaban con dous ferrados de castañas secas cada ano. Os habitantes desta parroquia, pagaban primicia á catedral de Santiago, por “razón de voto”.

Estas circunstancias eclesiásticas desde os monxes do medievo pasando por priores, abades e párrocos xerouse unha valiosa documentación sobre rendas, foros, ventas e cesións, preitos, contratos, arrendos e un longo etc., que se custodia no Arquivo Diocesano de Lugo. Un valioso legado documental que non disimula o dominio e o patrimonio que tiña esta abadía. Este eficiente fondo é sumamente importante e eficaz para reconstruír con rigor, o estado feudatario da abadía e coto xurisdicional de S. Vitorio de Ribas de Miño. Esta parroquia tiña como anexo a de Santa María de Segán, compartindo entre as dúas a documentación de bautismos, matrimonios, defuncións, confirmacións e de fábrica. Mais o legado documental desta parroquia que se garda no devandito arquivo, consta de catro mazos, ben individualizados que suman 244 documentos. Un dos primeiros está datado en 1548. Este fondo documental é un dos mais importantes das parroquias da diocese de Lugo.

Ademais da referida igrexa románica, S. Vitorio contou con varias capelas como a de S. Xoán de Porto, situada entre o Miño e a foz do Sardiñeira, asolagada polo encoro de Belesar. A mais importante delas está situada na cimeira da chaira, na terra alta do lugar do Val, dedicada á Virxe de Guadalupe. Trátase dun enorme santuario fundado polo abade, Pedro Losada Prado de Sotomaior, tal como se manifesta nun documento do 12 de xullo de 1775, ano do inicio das obras. Un edificio que San Vitorio de Ribas de Miño (I)manifesta moi pouco o barroco galego. Tendo en conta que o barroco galego de Casas e Novoa, arquitecto da fachada do Obradoiro, identificouse con certas manifestacións e tendencias decorativas que chegaron dos templos construídos en México. Nada ten a ver este conxunto arquitectónico con esa tendencia. Na ornamentación dos retablos e na policromía dos mesmos, matízanse formatos expresivos do que se estaba construíndo nos santuarios mexicanos no século XVIII.

É curioso que a Virxe de Guadalupe, aquela que no medievo apareceulle ao pastor, Gil Cordero, xunto ao río Guadalupe en Cáceres, tivo connotación colonial a ser reinventada outra aparición en México polo seu bispo, o franciscano e erasmista, Frei Juan de Zumárraga, natural de Durango que exerceu como prelado de México de 1528 a 1548, el foi o que marcou unha liña de evanxelización cara a integración dos indios, poñéndoos baixo o padroádego da Virxe de Guadalupe, que se lle apareceu ao indio cristianizado, Juan Diego no cerro de Tepeiac, o nove de decembro de 1531. O tan famoso Juan Dieguito, o das aparicións, fecundou unha historia relixiosa moi atractiva para os índios, modelada e potenciada por Juan de Zumárraga. Sen este prelado, non sería posíbel tan entrañábel e exótica aparición.

A aparición da Virxe en México foi tan eficaz, que se repetiron en moitos lugares e erguéronse santuarios coa advocación de Guadalupe. Quizais en S. Vitorio de Ribas de Miño se lle apareceu a algún pastor de ovellas, a un viñateiro errante e bébedo, ou a un fatigado labrador do Val. Quen o tiña que saber era o párroco, Pedro Losada Prado de Sotomaior, interesado fundador, mais finou co segredo de non descubrir ao agraciado. A este santuario peregrinou unha solícita multitude desde longas terras, como as de Chantada que cruzaban o Miño na barca de Porto, subían a ribeira e chegaban ao santuario, sobre todo das parroquias limítrofes: San Fiz, Pesqueiras, Merlán, Sabadelle, Pedrafita e das veciñas terras de Taboada, que repetían andaina de ofrecidos o 25 de marzo de cada ano. Mais a festa grande repítese o 8 de setembro.

Nesta parroquia naceu Frei Xerardo Xosé Andrés Vázquez Parga, bispo de Salamanca de 1807 a 1821. Tocoulle un período de disidencia política, coa invasión francesa tivo que refuxiarse e con motivo da batalla dos Arapiles, ausentouse da cidade. Na etapa mais reaccionaria de Fernando VII, Vázquez Parga, xa metido en anos, foi un home pasivo e contrario á Constitución de 1812. Curiosamente, o seu sucesor na sede salmantina, foi Lorenzo Varela de Temes, natural de Sabadelle (Chantada), parroquia estremeira coa de S. Vitorio de Ribas e Miño. Na parede da escada do Museo Provincial de Lugo, que puxa ao primeiro piso, están pendurados dous cadros co retrato destes dous bispos.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES