Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Debuxos no aire

viernes, 08 de enero de 2016
Frida é unha rapaza especial. Unha desas alumnas que todo mestre quere ter na súa aula. A viva imaxe da alegría, a ilusión e as gañas de aprender. Ademais desa tremenda curiosidade conta cunha paixón, o debuxo, ó que adica gran parte do seu tempo. Debuxar é para ela coma respirar, e así se reflexa en case todo o que fai. O seu material escolar está repleto de fermosos debuxos que amosan unha personalidade singular. O caderno de matemáticas por exemplo está inundado de bolboretas que revolotean entre números e símbolos. O libro de lingua pola súa banda está cheo de fadas e bruxas que parecen divertirse xogando coas palabras.

Toda o que a rodea parece inspirala, especialmente a natureza. As nubes, coas súas formas curiosas, os  charcos sobre os que salta de camiño á escola... Esas realidades que resultan cotiás para o resto de persoas son para ela o estímulo perfecto, o acicate para a creación de debuxos que se inspiran na realidade pero van moito máis alá, amosando unha visión mellorada desta. A orixinalidade dos seus debuxos, as reaccións que provocan nos demais, deixan claro que esta rapaza de tan só dez anos, leda e cariñosa a partes iguais, conta cun extraordinario don. Este talento, lonxe de traducirse en soberbia ou ego excesivo, é canalizado a través dunha personalidade sinxela, cercana, coma a da maioría dos xenios.

Nunha ocasión tivo que estar unha semana co pulso escaiolado por mor dunha escordadura que sufriu patinando. Ó principio a súa mestra estaba preocupada porque Frida semellaba triste. Aínda que non chegou a perder o sorriso notábase que sufría por non poder debuxar. Pero a partires do terceiro día algo cambiou. Os seus ollos parecían acender de novo, aquela mirada recuperara a alegría perdida e desprendía creatividade con cada pestanexo. A mestra non estaba segura de que fora o que cambiara. Por este motivo aquel día decidiu baixar ó recreo e observar á rapaza dende lonxe. Pronto as súas dúbidas se viron resoltas. Frida estaba sentada nun banco, cabelo castaño recollido en dúas longas coletas, merendando tranquila mentres ó seu arredor nenos e nenas bromeaban e xogaban xuntos. Ela tamén disfrutaba pero á súa maneira. Todo a súa alegría parecía concentrarse na súa mirada. Permanecía inmóvil, observando embelesada o voo dunha bolboreta que revoloteaba arredor do seu banco. Absorta nesta especie de baile, a rapaza semellaba estudar cada un dos movementos que o insecto describía no aire. Os seus ollos brillaban coma se aquel arco iris voador estivese a esbozar no aire o máis fermoso dos debuxos. Quizais aquilo estaba ocorrendo realmente e ela era a única capaz de aprecialo. Aquel ollar atento, de quen se rende cativado ante o que ten perante si, lembroulle á mestra aquela curiosa obsesión de Leonardo da Vinci quen, fascinado pola idea de deseñar unha máquina capaz de voar, soía observar durante horas o voo dos paxaros coa esperanza de chegar a entender o segredo que aquelas aves agochaban.

Inmersa neste pensamento a mestra achegouse despacio a Frida e sentou ó seu carón. Que sintes cando debuxas? A pregunta brotou automática, sorprendendo á propia emisora da mensaxe. A rapaza permanecía inmóvil no seu banco, sen deixar de mirar a bolboreta, coma se non escoitase a pregunta ou non quixese interrumpir o debuxo. Ó cabo duns segundos a bolboreta desapareceu e a rapaza virouse cara a mestra cun aceno de gratitude, coma se levase tempo agardando por aquela pregunta. A resposta non tivo palabras, máis aquel abrazo dicía moitas cousas, cousas que de seguro ningunha das dúas había esquecer.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES