Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imprescindibles de Castelao

sábado, 09 de enero de 2016
Aos clásicos cómpre volver sempre. Hai que relelos, fatigar as páxinas que nos deixaron porque nelas están moitas das respostas que procuramos e que eles souberon dar ante problemas semellantes aos que hoxe nos acoran pero que eles xa resolveron moito antes de que nós puideramos sospeitalos sequera.

Clásico entre os clásicos, Castelao legounos o máis depurado tratado de Imprescindibles de Castelaofilosofía da vida nas súas Cousas. Comezadas a escribir por volta de 1920 para as páxinas da ourensá Nós, ben logo saltaron tamén ás dos diarios vigueses Galicia e El Pueblo Gallego e viron luz por vez primeira en forma de libro en 1926 editadas por Lar na Coruña. Tres anos despois publicou unha segunda entrega e, xa en 1934, un volume no que reunía as dúas primeiras.

As Cousas de Castelao foron reeditadas dende aquela ata hoxe en múltiples ocasións. Cóntanse por milleiros as reproducións parciais, a presenza en escolmas, obras de cartelismo, ilustracións das máis variadas obras. Daquela, unha nova publicación delas, a priori, non debería supor excesiva novidade, mais todo depende do enfoque e concepto co que sexan revisitados os materiais.

Se non se perde de vista o anterior entenderase por que a publicación en seis entregas das ‘cousas’ do rianxeiro na Biblioteca Castelao da Editorial Galaxia constitúe unha aposta orixinal: desagregar anteriores edicións das Cousas da vida en cadanseu volume no que se seleccionen as ‘cousas’ vencelladas a determinado un colectivo protagónico. Así, estas Cousas da vida van dedicadas, segundo os casos, aos Homes, Mulleres, Nenos, Vellos, Caciques ou Animais.

Deste xeito, se nas Cousas da vida. Homes as pezas que se recollen son un mosaico das bondades e vilanías de moitos, nas Cousas da vida. Mulleres hai todo un espellar de dous mundos complementarios: o das mozas humildes e modestas da aldea e o das señoritas esculfuridas da vila. Da súa parte, as Cousas da vida. Nenos son unha revelación das verdades éticas a través da ollada da inocencia infante, como tamén as filosofías máis fondas e sabidas son as que atesouran as Cousas da vida. Vellos. Pechando o conxunto, as Cousas da vida. Animais son un dicir das sabenzas profundas por boca fabulada e, por remate, as Cousas da vida. Caciques a definitiva constatación da iniquidade badoca da cacicada que nos malgoberna.

Como natural complemento a estas seis entregas das Cousas da vida, súmase á Biblioteca Castelao un outro título igualmente conexo co xénero da ‘cousa’ patentado polo de Rianxo: os Cincuenta homes por dez reás, que apareceran en 1930 e que, como as ‘cousas’, son tamén das obras máis recreadas do escritor.

Aqueles que aínda non gozaran (ou xa o fixeran pero queiran recuncar) do xenial hibridismo épico, lírico e dramático destas pezas, os que non se abraiaran aínda pola súa maxistral economía expresiva, a acaída mestura de humorismo e lirismo e o seu xogo populista, humanista e mesmo simbólico poden aproveitar a aparición destas seis entregas exentas das Cousas da vida e mais os Cincuenta homes por dez reás para comprobar ata que punto a clarividente ollada de Castelao definiu boa parte das problemáticas transcendentais de todo tempo, vale dicir as do noso mesmo, pois a espiral da Historia ensínanos que no pasado hai leccións que convén aprender para saír con ben do presente e niso as obras de Castelao han ser sempre lecturas imprescindibles.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES