Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando con vodka

viernes, 08 de enero de 2016
Fuxindo da praga das televisións que compiten ofrecendo o mesmo, recalas nas viaxes dun tal Rick Stein, chef inglés á procura dos sabores puros do Mediterráneo. Desta volta atópase no interior de Cerdeña. Hai festa no pobo e na verbena participan todos. Invítanlle a bailar pero o inglés tímido négase. Dedícase a observar, que non só vivimos do bandullo. A xente baila. Apenas necesitan un acordeón. A praza estoupa coa vitalidade de xente tan extravertida. Rapazas, vellos e novos mostran na danza a alegría de vivir. Observa Rick Stein que bailan e non hai bebidas. Non necesitan alcohol para acender a festa. Só alegría de gozar xuntos. De romper a cadencia do calendario cun día de festa.
Aquí, no Lugo en festas, hai verbena en Augas Férreas. A praza, a rebentar, non baila. Beben con entusiasmo. Os únicos que bailan son os e as cantantes do Combo Dominicano sobre o escenario. A xente nova berra e salta. E bebe.

Pola mañanciña, a tropa municipal de limpeza recolle a alfombra de ron Negrita que cobre a praza. Os montóns de plásticos, cristais, viño e rosas amoréanse esperando polos camións do lixo. Tardarán horas en despexar de plástico, cristal, alcohol e merda a pradaría de granito.

O silencio da mañá limpa os restos da esmorga onde se gastan os cartos para divertir aos que sempre se divirten: se non hai futuro cómpre muxir o presente. Tímidas protestas dos veciños. Polo ruído. Pola merda. Os xornais nin se molestan xa en publicar fotos: resérvanse para as paparotas do pulpo. A festa fai medrar a caixa dos supermercados cunha oferta masiva de alcohol barato.

Bebemos compulsivamente. Alguén recorda que o alcohol forma parte do noso ADN social, mentres a OMS alerta de que España, fai perigar a mellor esperanza de vida e saúde en Europa cunha tríade diabólica: tabaco, sobrepeso e… alcohol.

Na Enquisa do Plan Nacional de Drogas do 2015 alértase de que o consumo de alcohol é de 11,2 litros por persona e ano. O dobre da media mundial e superior á europea. Bebemos como cosacos, é dicir como galegos, un 50% de cervexa, o 28% de alcohol de alta gradación e o 20% de viño. E para ‘colocarse’ rápido medra o consumo dunha cervexa finesa Olvi Tuplapukki, non pola súa calidade senón porque ten o dobre de alcohol.

Bebemos con impunidade. Entre familias dimitidas e gobernos ausentes, ninguén controla o alcohol nos menores. As festas cada día parecen menos festa: visten de lixo e rematan en botellón. Somos porcos de pé: ao día seguinte, a praza de Augas Férreas éche un xigantesco vertedoiro. Unha aposta asumible para os políticos: o botellón é a fonte populista da eterna mocidade, agacha a heterodoxia da rapazada e adurmiña revolucións pendentes. E, ao fin, todo se soluciona cunhas brigadas de limpeza onde as escobas aprenden a bailar con vodka.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES