Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

... Punto por punto

lunes, 04 de enero de 2016
Ocupacións de carácter persoal que non veñen a conto, non me permitiron asistir, como tiña programado, ó Foro Trives 2015, que se desenvolveu a mediados do pasado mes na Pobra de Trives e que tiña como obxectivo -segundo palabras propias- “concienciar sobre que, malia ó abandono do rural, debido ó envellecemento da poboación e á falta de recursos económicos ou de apoio, este pode chegar a converterse en fonte de vida e de ingresos tal e como teñen demostrado algúns emprendedores e proxectos que apostan polo desenvolvemento sostible a través do turismo, a gandería, a agricultura, a transformación de productos da zona, etc.”

Iso non obstou, sen embargo, para que non seguira, dende a distancia, o seu desenvolvemento. Cousa que fixen co interese que a iniciativa merecía, por considerala exemplarizante para o resto das comarcas da provincia, cansadas, na meirande parte dos casos, de ver cómo -de cando en vez e sempre ó rebufo dalgunha subvención institucional- se achegan a elas autorizados "axentes" externos que logo de recoller os datos e as ideas xenerosamente ofrecidas polos axentes locais, acaban refundíndoas -con análise dafo, que lle dá empaque- nun feixe de papeis ben maquetados e elegantemente encadernados, cobrando a subvención e marchando ata que outra subvención esperte o seu interese pola comarca onde segue vivindo a xente.

Animou a miña atención, polo tanto, o feito de ser unha iniciativa xurdida e desenvolvida dende unha comarca que, como as outras nove nas que se subdivide a nosa demarcación provincial, conta cun máis que evidente potencial de desenvolvemento, pero, coma o resto, non ve o día no que dea mudado esa eterna "enerxía potencial" que de seu posúe, nunha "enerxía cinética" que a poña en movemento e xere economía para as xentes que nela habitan.

Pasados os días, leo agora a "Declaración de Trives e Manzaneda en defensa do medio rural", na que os actores do Macizo Central ourensán arremuiñados arredor da cooperativa "TuTrives" lanzan ó aire "unha reclamación, un chamamento e un convite" para que todos canto vivimos na Galicia interior nos rebelemos contra o abandono e nos organicemos con urxencia co fin de transformar esa realidade decadente que nos aboca á desaparición, nunha realidade diferente "na que o esforzo, o emprendemento, a innovación e esencialmente a capacidade de resistir e vencer as dificultades son a base de múltiples proxectos e iniciativas que buscan o aproveitamento sustentable dos recursos". Leo, repito, o manifesto e non podo menos ca referendalo e aplaudilo punto por punto, desexando, se cabe, que despois desta iniciativa veñan outras nas outras comarcas para que de todas elas saia unha conclusión única: Ourense terá futuro, só se os ourensáns nos comprometemos para que o teña.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES