Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sen estribos

viernes, 01 de enero de 2016
Si..., neste noso país hai moitos afeccionados a ir no cabalo, e apresúranse tanto a cabalgalo que non se preocupan de afianzar os estribos e galopan como sinxelos xinetes, sen firmeza e cambiando as posturas ata tal estremo que, quen os ve, non sabe se son eles os que levan o cabalo polas bridas ou é este o que as bebeu (entendan “beber as bridas” como burlar o control do xinete). Os que teñen práctica nisto, tamén aprenderon que os burros anícanse para desfacerse da carga.

Ao home, que aprende moitas cousas por mimese, tenlle máis graza o enxeño do burro que a elegancia do cabalo; pero imitar imita aos dous: “bebe as bridas” unhas veces, e anícase outras, liberándose da carga, rinchando aquel as diabruras, que este ornea. Son dúas maneiras de expresarse, que, con matices, tamén o aprendeu a facer o home.

Xa dixemos nunha colaboración anterior que non poden perderse de vista as para–linguaxes, e sobre todo as xestuais, porque rinchar e ornear son un medio de comunicación moi necesario para embarullar e manifestar máis sentimentos que ideas, sen descoidar tampouco reparar como o xinete cambia de postura ou con que destreza “cae do burro” o “sancho”.

Se deixamos de lado algunhas denotacións do MIMO, tomamos as connotacións derivadas da linguaxe xestual e percibimos o movemento facial dos músculos do rostro, que acompaña e substitúe, incluso, á linguaxe oral, veremos que o dominio xestual impera sobre o sentido do discurso, e cando as meixelas se afunden a expresión de sentimentos miserables está servida.

Así opinan os especialistas nesta materia, que tamén afirman que o desenrolo xestual da emoción de carraxe ten dúas canles: a que conduce ao rancor e a que desencadea un estado sentimental de soberbia, e, tanto nun caso coma no outro, non é difícil albiscar un certo ton de orgullo e cobiza, acompañado todo por un endurecemento da mirada, seriedade da faciana, contracción bucal, retrotracción labial, etc.

Sabido é que os nosos políticos – que segundo parece non hai que tomar en serio – , como non podía ser doutra maneira, seguen representando nas súas andanzas a D. Quixote e Sancho Panza . Uns cabalgando gallardos en lustrosos rocinantes e outros a cachapernas da albarda do seu burro.

E lévenme os diaños se D. Miguel, o de Cervantes, non preveu o que está a ocorrer hoxe en España, como consecuencia do resultado das eleccións do 20-D. E se non, lean os seguintes parágrafos, por min, seguramente, non moi ben traducidos ao galego, coa retranca política de fondo:

“E neste tempo xa se levantara Sancho Panza, algo maltratado dos mozos dos frades (eu diría das eleccións), e estivera atento á batalla do seu señor don Quixote, e rogaba a Deus no seu corazón fose servido de darlle vitoria, e que nela gañase algunha insua da que lle fixese gobernador, coma llo prometera. Vendo, pois, que se acababa a liorta, e que o amo volvía a subir sobre Rocinante, chegou a aguantarlle o estribo e, antes de que subise, fincouse de xeonllos diante del e, colléndoo da man, bicoulla e dixo:”

--“Sexa vosa mercé servido, señor meu don Quixote, de darme o goberno da insua que nesta rigorosa pendencia gañou; que, por grande que sexa, eu síntome con forzas de sabela gobernar, tal e tan ben como outro que haxa gobernado insuas no mundo”.

“Ao que respondeu don Quixote:”
--“Advirte, irmán Sancho, que esta aventura e as a esta semellantes non son aventuras de insuas, senón de ENCRUCILLADAS (e perdoen pola licenza das maiúsculas, que se lle pasaron a D. Miguel); nas que non se gaña outra cousa que sacar rota a cabeza, e unha orella menos (“en escoitar os debates”, engade o tradutor). Ten paciencia; que se ofrecerán aventuras onde non sómente vos poida facer gobernador, senón máis adiante”.

Acaso os nosos políticos, so pretexto de beneficiar aos cidadáns, non andan en greas de “sanchos” e “quixotes”, implorando gobernos, aínda que as insuas non sexan moi grandes?. ¿Non están, incluso, algúns dispostos a dividir o solo patrio, por moito que os poñan a caer do burro?. E, incluso, non ofertan en almoeda os restos que lle aquedan da súa dignidade persoal?.

Non esquecemos, meus amigos, que os tempos pasaron e con eles os idealismos e os realismos inxenuos de antes. “Quixotes” e “sanchos” segue habéndoos; pero aplicar racionalidades proveitosas para uns e lesivas para outros acaba pagándose abondo caro: Os xinetes teñen que controlarse e coidarse de ser dignos de ocupar postos de responsabilidade, porque a linguaxe xestual denuncia os sentimentos degradantes e indignos, que evidencian as carencias que os afectan.

Sen embargo, quen non soubo apearse do burro a tempo para suxeitar a albarda, non pode esperar outra cousa que soportar que se anique para desfacerse del. Son moitas neste país as albardas sen reparar, sen baixarse do burro, e non se albiscan albardeiros responsables para empatar as roturas.

Talvez poidan ofrecernos os militantes da CUP algún incrible empate...!!!. Pero, mentres tanto, polo escenario teatral español desfilan toda clase de personaxiños, destacados especialistas en pantomimas, fértiles en imberbes expresións mímicas dunha simulada serenidade, que espera o apoio, nos atrís, do infantilismo dunha ancianidade mal asumida, aquela que avala promesas que xamais foi capaz de cumprir.

Pois...quen se queda sen estribos, desmándase!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES