Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Museo Renacentista de Nogueira de Miño

miércoles, 30 de diciembre de 2015
Agora podemos definir a igrexa románica de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada), como museo pictórico renacentista, polos frescos descubertos e restaurados nos laterais da nave, con a resurrección de Cristo, na banda dereita, e na esquerda a representación do Xuízo Final, con todos os apéndices apocalípticos. A restauración das pinturas da nave tivo diversas fases, desde fai tres anos e que agora conclúen.
O Museo Renacentista de Nogueira de Miño
Hai poucos días que Yolanda Gómez Mirón, directora técnica de CREA Restauración, informoume do final do restauro das pinturas do arco toral. Esta foi a última fase de rescate das pinturas renacentistas (de matiz manierista) da segunda metade do século XVI, mesmo no transepto principal desta igrexa. Yolanda dirixiu a primeira fase de restauración que atinxiu aos frescos do Xuízo Final. Con esta última etapa conclúe a descuberta deste conxunto pictórico, no que se ofrecen unhas escenas moi peculiares do manierismo galego. A figura do pantocrátor, na cimeira do arco toral, o arcanxo Gabriel anunciando a María (recollida e orante en seu apousento) que concibiría un varón, o mesías, por obra do Espírito Santo, representado nunha pomba. Este conxunto de tres apartados, confirma que estamos ante un dos logros pictóricos mais importantes da cromática sacra da Galiza, que converten á igrexa de Nogueira de Miño en protagonista, e seu espazo mural nun excelente museo, digno de estudo e observación.

O impresionante deste tema é a descuberta, nas dúas bandas inferiores do arco toral, na entrada do presbiterio, dunha Trindade (dereita) e o martirio de S. Sebastián (esquerda). Podíamos considerar a estas figuras anexionadas ás temáticas da Anunciación, Resurrección e Xuízo Final, como unha extraordinaria descuberta que vén a engrandecer os matices figurativos e realistas dun temario tan importante como foi o misterio da Trindade, na prédica da Igrexa medieval. Neste fresco de Nogueira de Miño, está a figura sedente e corpulenta do Pai Eterno, que ben pode ser a representación dun pantocrátor, coroado cunha tiara papal de tres corpos, con longas barbas ao estilo dos patriarcas hebreos, con saial branco (pureza) e manto vermello (poder). Os seus pés están sobre un planisferio ou mapamundi dividido en tres cartelas que simbolizan o poder de Deus sobre o ceo, a terra e o mar. A imaxe primordial e cosmolóxica do poder omnímodo de quen señorea o universo. O Pai Eterno presenta ao Fillo dunha maneira enfática, crucificado na cruz. No centro superior da cruz está pousada unha pomba branca coas asas estendidas, representando a alma volátil e universal (anima mundi) e proclamando o símbolo do Espírito Santo.
O Museo Renacentista de Nogueira de Miño
A chamada Santísima Trindade, que en Nogueira se representa, sempre foi un tema de suma importancia na doutrina da Igrexa e que tomou un cariz pedagóxico e teologal, para que os crentes asumiran o tema das tres persoas e un só Deus, algo que desconfigurou o monoteísmo oficial e doutrinario do cristianismo. O énfase posto na difusión desta imaxe, na iconografía pictórica e escultórica desde tempos da Patrística aos nosos días, tivo unha relevancia na difusión e no recoñecemento doutrinario por medio da imaxe. Un dos membros mais importantes da Patrística, Tertuliano, foi un dos primeiros en usar o termo Trinitas, no século III, que copiou do grego, trias (tríada). Estes conceptos crearon disensións moi forte entre Tertuliano e Práxeas. Este último apostou pola chamado “monarquianismo”. Mentres Tertuliano manifestaba: “Os tres son un, polo feito de que os tres proceden de un, por unidade de substancia”. A idea tertuliana foi tomando corpo doutrinario no século IV. O Concilio de Nicea confirmou e adaptou a consubstancialidade do Fillo no Pai. Mais tarde, no Concilio de Calcedonia admitiuse a consubstancialidade do Espírito Santo. A doutrina trinitaria tivo grande oposición por parte dos arrianos. Arrio afirmaba que Xesús era fillo de Deus pero non Deus. O arrianismo cuestionou eses conceptos doutrinarios da Igrexa oficial, até crear un cisma que ocupou un debate partidista que durou moitos séculos, desbordando o concepto monoteísta que encontramos na teoloxía das epístolas de Saulo de Tarso (S. Paulo). Foi un tema que dividiu a cristiandade dunha maneira moi radical, sobre todo nas igrexas africanas. Sabemos que a invasión árabe na península Ibérica en 711, o paso do estreito e a consolidación do triunfo do exército árabe, debeuse ao apoio dos arrianos que detestaban da doutrina oficial da Igrexa e que mantiña o dogma da Trindade. Sen o apoio arriano, posibelmente, non se houbera consolidado Al-Andalus.

Observando este tipo de figuras que evocan a chamada Santísima Trindade, lévanos a reconstruír o tema que foi tan nefasto na desunión das igrexas cristiáns. A Igrexa católica mantívose firme ao espallar a doutrina trinitaria e expoñer elocuentes conxecturas, transmitíndoas a extraordinarias mostras plásticas de utilidade teolóxica, como a que se expón neste espectacular mural de Nogueira de Miño.

A figura de S. Sebastián serviu como testemuña exemplar dun cristián que se deixou torturar e chegou ao martirio por non renunciar a fe cristián. Aquí está o relato en imaxe, dun martirio moi peculiar, configurado pola tradición cristiá e o mito, como exemplo do bo e sacrificado militante cristián, que non renuncia a súa practica relixiosa. Esta estampa de S. Sebastián, na igrexa de Nogueira, lembra ao pobo cristián ás boas accións e a permanencia na fe. Vemos como a imaxe, na iconografía sagrada, ten un poder de persuasión interesada que nos leva a varias reiteracións e outros activos de conmoción. Como é o caso do martirio de S. Sebastián e tantos outros exemplos.

S. Sebastián naceu en Narbona (Francia), no ano 256, foi un militar do imperio romano en Milán e Roma, co que tivo problemas ao negarse a participar da idolatría pagá. Exercitouse na apoloxía do cristianismo, visitando a cristiáns encadeados e participando clandestinamente, até ser descuberto e presentado ante o emperador Maximiano, dándolle a escoller entre seguir sendo soldado imperial ou correr o risco por ser cristián. S. Sebastián confirmou a súa fe de cristián. Conta a tradición oral e o mito histórico que o emperador enfureceuse e o condenou a morrer aseteado. O centurión mandou atalo a unha árbore e os soldados lanzáronlle decenas de frechas, dándoo por morto. O recolleu Irene, unha nobre cristiá, e o mantivo escondido até que o curou das súas feridas. Tentaron que fuxira de Roma, mais el negouse. Presentouse ante o emperador, mostrándolle as súas feridas, manifestándolle que o poder de Deus dos cristiáns o tiña salvado. Masimiano mandou que o torturaran até morrer, lanzándoo a un lamazal onde finou, o recolleron os cristiáns e o enterraron na célebre catacumba da Vía Apia de Roma. Morreu en 288, á idade de trinta e dous anos.

S. Sebastián foi un dos símbolos mais potentes co que contou o martiroloxio dos primeiros séculos do cristianismo. Modelo dunha prédica que convidaba a resistir ao poder pagán do imperio. A iconografía recolle a S. Sebastián atado a unha árbore na que non se consumou o martirio, e si o milagre. Ese matiz redencionista catapultou a este mozo, membro da soldadesca imperial, como activo de preservarse na fe e non renunciar a ela, ante perigos e ameazas. Esta exemplaridade serviulle como atributo de ser invocado como protector da relixión e contra a peste.

A través dos séculos, S. Sebastián estivo caracterizado en función dos estilos artísticos e dentro duns canons iconográficos que representan a cada época. Partindo da tradición mantivéronse elementos moi reiterados nos diversos estilos dos que falamos. Esta representado imberbe, mozo, nu e asistido por anxos. Con rostro efeminado, houbo no medievo unha corrente gnóstica que se lle atribuía unha manifestada homosexualidade. Este termo nunca foi aceptado pola Igrexa. O a iconografía sebastianista tivo un enorme impacto en varios modelos universais que os grandes pintores do renacemento e barroco foron estruturando e expoñendo, como Botticelli, Rafael, Palmezzano, O Greco, Rubens e un longo etc.

O martirio de S. Sebastián, que termina de descubrirse na igrexa de Nogueira de Miño, é un dos modelos pictóricos mais interesantes dos que temos visto na Galiza -dos que non abondan-. Rostro ambiguo e sereno, cabelo longo e trenzado, ao estilo feminino da época e cabeza aureolada. Olla cara un anxo, de vestimentas brancas, que lle sinala o ceo. Pese a ter oito frechas cravadas no seu corpo, parece non sentilas, paciente e resoluto, desafiando a morte, como argumentando as palabras do apóstolo S. Paulo: “Onde está, oh morte, a túa vitoria? Onde está, oh morte, o teu aguillón?” (1ª de Corintios 15, 55). Corpo esvelto e vigoroso, co seu brazo dereito alzado e atado como proclamando vitoria. A súa dereita e debaixo do anxo, están dous arqueiros disparando frechas ao seu abdome. Un deles leva un lucido vestido de diversas cores, calzas bordadas e un requintado chapeu. O outro arqueiro está tapado baixo un retablo que urxe desprazalo a outro espazo da igrexa e recuperar ese treito oculto de pinturas, del soamente vemos a mao e o arco.

O mais curioso e sorprendente deste fresco, que narra o martirio de S. Sebastián, é a aparición doutro mural pictórico anterior ao que estamos mencionando. As restauradoras descubriron uns pes crucificados e unha dama exhibindo espléndidos vestidos de seda. Pode que represente a Magdalena ou algunha das mulleres presentes na crucifixión de Xesús. Quere dicir que anterior ás pinturas renacentistas do século XVI houbo outras que, posibelmente, formaron parte dos murais de estilo gótico flamenco, que podemos observar na banda dereita do presbiterio. Este xacemento testemuña a grandeza pictórica da que gozou esta igrexa.

A configuración cromática desta figura de S. Sebastián, colócanos ante un gran creador e coñecedor das regras pictóricas do renacemento. A súa peculiar pincelada, o exhaustivo tecido de formas, o dominio do espazo, as particularidade das cores e puntos de fuga son elementos que nos descobren o gran pintor destes frescos. Un enorme creador anónimo que o nomeamos como mestre de Nogueira de Miño.

Recoñecemos o esforzo de Patrimonio e, tamén, o esmerado traballo das restauradoras que fixeron posíbel a descuberta destes dous últimos frescos, con temas non demasiado abastecidos na pintura sacra galega, como son a Trindade e S. Sebastián. Fica por restaurar as pinturas góticas do presbiterio; esas dúas escenas marabillosas: Xesús orando cos seus apóstolos no horto de Getsemaní e a entrega de Xesús por parte de Xudas. Eses rostros tétricos esclarecen a traxedia do Nazareno. Urxe recuperar estas dúas estampas para completar o conxunto pictórico de Nogueira de Miño, desde agora configúrase nun museo que non podemos deixar de visitar. Tampouco debo esquecer o entusiasmo e o empeño de recuperar este conxunto pictórico ao párroco de Nogueira, D. Anxel Caseiro e do sancristán, Antonio Vázquez Porto, ademais de amar as pinturas é un excelente tanguedor das sonoras, grosas e voluminosas campás de Nogueira de Miño, unha persoa sempre predisposta a mostrar o engado románico e renacentista da súa igrexa. Dada a súa dispoñíbel vontade cara os visitantes, autorízanos a divulgar o seu teléfono: 699122740, para conectar as persoas que, previamente, desexen visitar este conxunto artístico.

Fotos: Yolanda Gómez Mirón
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES