Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Humanización de Deus

jueves, 31 de diciembre de 2015
Nestes días está de aniversario, é dicir, cumpre anos aquel a quen intentamos seguir os que con temor e tremor nos chamamos cristiáns: Xesús, o Cristo, o Fillo benquerido de Deus e irmán maior noso.

Teriamos, pois, que felicitalo e ó tempo felicitármonos a nós mesmos. Xesús, o fillo de Deus encarnado, cumpre anos, séculos, de vida humana. Pasou, si, pola morte, facéndose nisto tamén igual a nós. Mais como el era a Vida mesma, a morte non puido facerse dona del. De modo que podemos dicir con verdade que segue a vivir, aínda que dunha maneira diferente ó seu vivir anterior á morte. Sobre Xesús, ademais, estritamente non deberiamos dicir que morreu, senón que o mataron inxustamente, aínda que isto só puido ocorrer en canto que foi el, a Vida mesma, quen se entregou ou aceptou libremente á morte para o noso ben. Morrendo desa maneira foi xustamente como el se converteu en vida para sempre, para el e para todos.

Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos, se é que de verdade cremos nese Neno de Belén que naceu á súa vida humana no primeiro Nadal da historia, hai agora aproximadamente 2015 anos.

Parecería que no Nadal está fóra de lugar falar da morte ou cousas semellantes, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo de quen é a Vida (con maiúscula). E, con todo, a liturxia do 25 de decembro faino, polo menos indirectamente, cando se di na oración final de despois da comuñón o seguinte: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que El nos conceda tamén o don da inmortalidade”.

Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como nos di Xoán, ó se converter nun de nós, ó se unir en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle comunicaba o Anxo da Anunciación a María- “para Deus non hai imposíbeis”.

Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que se fai en Belén irmán noso e que nos converte en inmortais, supón para nós unha laboura cotiá, que chegará certamente a boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús e así acadamos participar da propia vida de Deus. De feito, na primeira oración da Eucaristía da festa de Nadal dise ben claramente: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.

Agora ben, que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?

Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal. A ver se me explico. Cando Deus se fai presente en Xesús, isto quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, a un Deus humanizado. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e deberiamos querelo) temos que ser verdadeiramente humanos.
E, desde logo, non debe de ser moi doado iso de sermos verdadeiramente humanos cando Deus mesmo houbo de tomar a iniciativa de se facer el mesmo humano para aprendernos a sérmolo de verdade.

Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e amar a todos, sobre todo ós que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran, e moitas máis cousas que se poderían engadir aquí e que son ben sabidas.

Todo isto está incluído na mensaxe, incríbel e universal, do Nadal.

E como andan as cousas da nosa sociedade despois da vinda humana e humanizadora de Deus onda nós? Non fai falla argumentar moito para decatármonos de que queda aínda moito por facer para que o Deus humanizado do Nadal sexa realmente un Deus “Emmanuel”, un “Deus connosco”. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade e do noso mundo deben mellorar aínda moito máis para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa no noso tempo ó seu cumprimento.

Dunha sociedade concreta poderase dicir que está en boa forma cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, hai nela fe e ilusión no futuro, porque os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir.

Unha sociedade está en boa forma cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus fillos; cando os nenos bulen polas rúas e hai máis rapaces e mozos que xente maior, bastante eivada xa polos anos; cando son máis os que nacen que os que nos deixan.

Unha sociedade está en boa forma cando hai xustiza e traballo, cando estranxeiros, inmigrantes e pobres son aceptados nela como irmáns.

Unha sociedade está en boa forma cando os seus membros son respectados nos seus dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos.

Unha sociedade está en boa forma cando se amosa sensíbel á palabra que Deus nos dirixe, de maneira especial á esa palabra total e definitiva de Deus a nós, que é o Xesús de Nadal. Unha palabra esta que está dirixida no só a nós, senón á humanidade toda.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES