Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tres síntomas dun malestar global

martes, 29 de diciembre de 2015
A situación internacional en 2015 estivo condicionada por tres grandes eixes transversais. Dunha banda, a intensificación das acción terroristas; doutra, a loita contra o cambio climático; por último, o agravamento da problemática dos refuxiados. Respecto ao primeiro, a reiteración de atentados nos cinco continentes co selo común da confrontación coas políticas occidentais puxo en vilo, sobre todo, ao mundo desenvolvido. As accións do Daesh, simbolizadas no atentado suicida de París e nos asasinatos dos reféns secuestrados, amosaron vulnerabilidades e impotencias nunha guerra asimétrica que aventúrase longa e complexa, ameazando con laminar as propias liberdades e dereitos individuais que están no cerne da identidade europea. Mais alá de Europa, en África consolídase especialmente como un fenómeno en auxe que prolifera ante a ausencia de cooperación eficaz entre os Estados, a deficiente preparación dos diferentes servizos involucrados na súa represión e a persistencia combinada de pobrezas e conflitos que nutren os seus principais bastións.

No que atinxe á loita contra o cambio climático, o cumio de París abriu a posibilidade de fixar un horizonte de caducidade ao carbón e o petróleo como motores do planeta. Pese a que non todo quedou resolto no cumio, en especial polo carácter non vinculante das medidas acordadas para atallar os gases de efecto invernadoiro, o pouso que deixou París foi mellor ca o de Copenhague. Está por ver, non obstante, que os países mais desenvolvidos e que causaron o problema sexan quen de comprometerse para axudar ás comunidades máis vulnerables polo quecemento global. Os gobernos deben tomar medidas rápidas e con maior ambición para urxir un cambio de modelo que asegure o debido financiamento para alentar o uso das enerxías renovables. Sen un cambio no modelo de produción e de consumo, que require unha maior concienciación das propias sociedades, será difícil converxer en solucións cribles.

Entre as chaves de axenda do ano que remata cabe significar, en primeiro lugar, o trunfo da lóxica rusa no conflito sirio. A actitude de Moscova, claramente decantado do lado de Bashar al-Assad, involucrouse de cheo e sen miramentos na guerra civil, conseguindo que os países occidentais sumaranse a ela a certa distancia ante o agrandamento dos perigos asociados tralas experiencias vividas noutros entornos semellantes. Agora, al-Assad é o mal menor.

En América Latina, os comicios de Arxentina e Venezuela aventuran cambios na rexión. As economías da zona retrocederon case medio punto en 2015 e apenas medrarán un par de décimas no vindeiro ano, se ben Centroamérica podería crecer arredor dun 4 por cento. As posibilidades dun diálogo nacional entre oficialismo e oposición en Caracas semellan tan lonxe como imprescindible é para adiantar solucións á situación económica do país, lastrada polo desabastecemento e a superinflación (170 por cento a final de ano).

Tamén Cuba seguirá acaparando gran parte da atención internacional. Na Habana espéranse novos avances cumprido un primeiro ano de normalización das relacións con EUA, celebrado coa restauración dos voos comerciais. Tralos progresos no terreo político-diplomático, coa apertura das embaixadas respectivas e a exclusión da illa caribeña da listaxe de países presuntamente patrocinadores do terrorismo, cabe esperar medidas incentivadoras do comercio e os investimentos polas acreditadas vantaxes de Cuba en termos de proximidade xeográfica, estabilidade, seguridade e alta cualificación da súa man de obra. Se ben o bloqueo non terminou e as diferenzas en materia de apertura política e dereitos humanos persisten, as contradicións non paralizarán o proceso iniciado.

O xigante brasileiro, a maior economía de Sudamérica, atravesa un sintomático punto de inflexión. Os episodios de corrupción (un 67 por cento dos brasileiros atribúelle a responsabilidade da crise económica) alimentan un clamor popular que sitúa contra as cordas o mandato de Dilma Rousseff e o liderado político do PT.

En Asia, co conflito intercoreano na corda frouxa primeiro e con sinais de calma relativa cara o final de ano, as miradas centráronse nos grandes actores rexionais, especialmente China e Xapón. As dificultades económicas do xigante asiático propiciaron mais de un sobresalto nas bolsas alertando da dificultade de dar cumprida conta dos obxectivos de crecemento (7%). A transición cara un novo modelo de desenvolvemento discorre en medio de tensións políticas internas, encirradas cunha campaña anticorrupción dunha envergadura descoñecida. Pola súa banda, os cambios na doutrina de seguridade en Xapón e a intensificación das disputas polo control dos recursos nos mares de China oriental e meridional, con implicación de países próximos pero tamén de EUA ou Australia, aventuran un escenario quente onde tamén pode rexistrarse algún que outro sobresalto. Para China, o ano político comezará en Taiwan, onde a vitoria electoral dos soberanistas matizará o proceso de achegamento vivido desde 2008.

¿Intervir ou influenciar?
Con EUA apuntando certa mellora da situación económica interna reflectida no anuncio da suba dos tipos de interese, Europa segue en apuros. Dunha banda, viviu en 2015 a súa peor crise de refuxiados desde a II Guerra Mundial, co éxodo de países devastados por guerras como Afganistán, Iraq, Libia ou Siria. Os países europeos, moitos deles involucrados nesas guerras, responderon con diferentes medidas, incluíndo a construción de valados para blindar as fronteiras. A afluencia de refuxiados –arredor dun millón- supón tamén unha pesada carga para nacións de tránsito como Turquía ou Líbano, que reaccionaron sen o alboroto europeo. A UE viu ameazada a súa propia unidade ante a imposibilidade de achegar acordos cribles en materia de asilo ou distribución de refuxiados, coa zona de libre tránsito de Schengen ao bordo do colapso. Por outra banda, a esta fenda aberta súmanselle as expectativas do Reino Unido que reivindica un acomodamento diferente na Unión pois do contrario podería optar pola saída.

A expansión do problema dos refuxiados leva de cheo ao cuestionamento das intervencións militares occidentais. A conseguinte desestabilización de rexións enteiras alimentou o xurdimento de organizacións terroristas que agora sacoden as capitais occidentais e outras áreas do seu interese. Os empeños por derrocar gobernos e instalar outros afíns aos seus intereses levaron ao caos en non poucas ocasións. Sen un final á vista, EUA e Europa deben asumir a súa responsabilidade. A Jamahiriya que París, Londres e Washington querían converter en democracia pasou directamente a ser un estado fallado e a primeira fábrica africana de terror….

A baixa global dos prezos das materias primas, a cronificación de numerosos conflitos, a persistencia da crise global e o afrouxamento do interese xeopolítico afondaron a condición periferia africana. A pesares das súas sombras, tan só a China semella manter e ata acentuar o interese estratéxico polo continente, apoiando a súa industrialización e os investimentos en infraestruturas ou en formación. Cousa que nin EUA nin Europa fixeron nos mellores tempos pasados.

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política China.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES