Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Encontros para soñar

martes, 22 de diciembre de 2015
Dentro dun par de días é xa “Noite Boa”. E agora estamos a facer aquí entre nós un encontro de irmandade e mutuo aprecio para dar comezo ó merecido descanso dos días de Nadal. Para axudarnos a este encontro, nada mellor có encontro que nos describe o evanxelista Lucas nun fermoso e entrañábel texto seu que pertence á liturxia do último domingo de Advento.

Unha mociña chamada María, chea de graza, ou mellor “enchida” por Deus da graza do seu Espírito (como di o orixinal grego), adiántase con presteza (“con moita présa”, dinos Lucas), con moita xenerosidade e humildade, a percorrer o camiño que a leva á casa da súa curmá, Isabel. Tanto María como Isabel están á espera de dar a luz. Isabel á espera do seu neno Xoán, o futuro anunciador ou precursor do Señor, e María á espera de agasallarnos cun don infinito de Deus para nós: Xesús.

En realidade, Deus mesmo é desde sempre mutuo encontro fondo e inimaxinábel na súa misteriosa Trindade. Encontro impenetrábel para nós, entre Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito. Este íntimo encontro divino, tan fondo e íntimo que xustamente por iso mesmo non podemos falar máis que dun só Deus, quixo e decidiu ampliarse ou manifestarse máis alá do interior de si mesmo cara ó encontro concreto, histórico, coa humanidade toda en Xesús.

Por iso todo encontro humano, tamén este noso de hoxe, ten carga divina. Así foi tamén o mutuo encontro agarimoso de María e Isabel. Encontro anticipado tamén de Xoán con Xesús, que enche de alegría o neno Xoán que está tamén para nacer, ó que fará “brincar de alegría” no seo da súa nai Isabel.

Desde o acontecemento de Xesús, o Deus humanizado, sabemos que os encontros de Deus con nós son sempre encontros igualitarios, amorosos, xenerosos, servizais. Deus salva, verte o seu Espírito, dende a proximidade e fraternidade de Xesús. Non dende o “ordeno e mando”, desde o imperio, desde o poder ou desde a intimidación ou a angustia.

É só así como poderemos prepararnos para o noso próximo encontro con Deus e coas persoas na Noite Boa. Unha noite á que xustamente chamamos “boa” porque ela é todo o contrario de raios e tormentas, medos e desazos, turbulencias ou violencias. Os relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as tradicións dos nosos nacementos artísticos e populares soubérono expresar moi ben. Un encontro que se realiza no máis espontáneo e inmediato da natureza: alí onde flúe clara a auga e se pode tocar o brando brión, entre años e ovelliñas, á beira do boi quente e tranquilo e do fermoso e manso burriño. Símbolos todos que falan co seu silencio e coa súa presenza de paz, tranquilidade, humildade e irmandade universal.

Estamos todos necesitados, ó longo das nosas vidas, desta aura propia do Nadal. A vida humana, toda ela, está chea de encontros. Que estes encontros se malogren en desencontros depende en boa parte de nós. Encontros que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen palabras. Semellantes a ese pai ou nai de tódolos encontros que é o encontro do Nadal. O encontro cun neno que nin sequera sabe falar, mais, iso si, que está disposto e aberto a querer e a ser querido. Para que sexa verdade aquilo de Xoán de que Deus é “amor”.

A mediados do século pasado escribiu aquí neste colexio noso José Luis Martín Vigil, cando era “mestriño” (no argot xesuítico), profe novo coma vós polo tanto, unha novela moi lida, admirada e reeditada que leva como título “La vida sale al encuentro”. É ben verdade. Toda vida está tecida de “encuentro”, de encontros.

Por certo nisto de sermos profes (eu funo tamén durante arredor de corenta anos) pode haber un equívoco. Pois tamén os chamados alumnos, os pequenos, os nenos e as nenas poden ser, e sono de verdade, profes e mestres. Apréndennos ós maiores ca eles a forza da vida, a alegría, o compañeirismo, a inocencia, o impulso da liberdade, a esperanza e moitas cousas máis, aínda que eles non o saiban expresar en palabras axeitadas e sisudas. Apréndennos incluso a sermos pais e nais, como saben ben os psicólogos ou antropólogos. Segundo eles, non existe propiamente, a nivel humano, un instinto autónomo de paternidade ou maternidade. Iso constrúeno en nós eles. De modo que son eles, os fillos e fillas, en certo modo pais e nais da nosa propia paternidade ou maternidade.

Foi así como o Neno Xesús sentou tamén cátedra en Belén. Anos despois dirá el que se non nos facemos coma nenos non entraremos no reino dos ceos. Escoitade e admirade que ben se fixo eco disto, á súa maneira, o gran Miguel de Unamuno naqueles versos seus: "Agranda la puerta, padre, / porque no puedo pasar; / la hiciste para los niños, / yo he crecido a mi pesar. / Si no me agrandas la puerta, / achícame, por piedad; / vuélveme a la edad bendita / en que vivir es soñar".

Vivir é soñar. A lingua galega distingue ben entre “sono” e “soño” mentres que o “sueño” castelán pode estar en relación tanto co “sono” coma co “soño”. É que lle dámos nós así máis autonomía e consistencia ós soños ca outras culturas? Non o sei.

En calquera caso aquí diante temos o coñecido lema para o colexio: “Elixir para soñar”. Para “soñar”, si. Soñemos, pois, porque sen soños non pode haber nin esperanzas nin ilusións, nin vida polo tanto. “Soñar” é o motor da vida.

Que nestes días de descanso poidades dedicar un chisco máis de tempo ó “sono” (o de durmir) e tamén ó “soño”, ós soños. Feliz Nadal!

(Palabras do noso colaborador, no comezo das vacacións de Nadal, aos profesores do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES