Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

150 anos de Alicia

sábado, 19 de diciembre de 2015
Río Támesis. 4 de xullo de 1862. Na Ponte Folly, pretiño de Oxford, soben a unha pequena barca o diácono Charles Lutwidge Dodgson, o reverendo Robinson Duckworth e mais as tres fillas do decano da Christ Church, Henry Lidell: Lorina Charlotte, Alice Pleasance e mais Edith, de trece, dez e oito anos respectivamente.150 anos de Alicia
Van camiño de Godstow, a onde queren chegar para, beira do río, tomar o té. Os oito quilómetros de camiño fanse eternos. As nenas desesperan, así que solicitan do señor Dodgson, profesor de matemáticas no prestixioso college que seu pai dirixe, que lles conte unha das súas fabulosas historias para entreter o tempo. Dodgson accede e comeza a improvisar un relato deliciosamente absurdo dunha nena que, como a mediana delas, viaxa por un país imaxinario cheo de abraiantes personaxes onde habitan un coello branco viaxeiro e falabarato, un sombreireiro doído e mesmo unha raíña de corazóns desapiadada.

As nenas reloucan de ledicia en oíndo a historia e o reverendo Duckworth, estrañado pola fluidez fantástica que vai cobrando o relato, acaba por preguntar a Dodgson nun aparte: ¿verdadeiramente estalo a inventar todo, querido amigo?, ao que aquel tatabello hermético e fabulador responde divertido: do principio á fin, benquerido.

Aquel relato foi o xermolo da narración que o profesor de Lóxica Charles Lutwidge Dodgson, máis coñecido polo celebérrimo pseudónimo de Lewis Carroll, publicou tres anos despois baixo o título de Alice’s Adventures in Wonderland, unha historia fascinante, que abala entre o ludismo verbal, o absurdo psicolóxico e o cripticismo simbólico e que ten cativado a xeracións e xeracións.

Este 2015 alcanzouse o sesquicentenario de Alicia no país das marabillas e, con tal motivo, unha morea de actividades e publicacións están a celebrar a efeméride: edicións especiais onde se recolle o texto íntegro daquela primeira edición xunto á súa continuación seis anos posterior, Through the Looking-Glass, and What Alice Found There (Alicia do outro lado do espello); impresións especiais de selos postais no Reino Unido nos que se recrean escenas da obra; exposicións nas que se exhibe algún dos vinte e tres únicos exemplares que se conservan da editio princeps; obras de teatro, concertos e musicais; reedicións da biografía referencial de Carroll asinada por Morton N. Cohen; volumes co epistolario do autor; proxectos de ilustración colectiva da obra como o 150 Alice Project (www.150alice.com) e ata unha Alice in Wonderland. An Interactive Children’s Story Book, versión dixital para rapaces que integra vídeo, narracións e actividades a modo de relato animado do clásico.

A influencia e actualidade deste clásico da literatura universal é enorme. Sen Carroll non se entendería o fascinio polas infantes da Lolita de Nabokov (quen, por certo, traduciu ao ruso a novela do británico), nin tampouco Joyce podería ter absurdizado a viaxe interior do Ulises ou apostado tan decididamente polos xogos de palabras do Finnegans Wake, que tanto abundan tamén na obra do diácono.

Noutras artes a Alicia foi igualmente obxecto central de recreación, caso da pintura (velaí algunhas das achegas de Max Ernst, René Magritte ou Salvador Dalí), a música (non é preciso máis que recordar algúns temas dos Beatles, Tom Waits ou Aerosmith) e, xaora, o cinema, onde se 150 anos de Aliciacontan por ducias as adaptacións, entre elas a moi gabada Alice in Wonderland dirixida polo incomparable Tim Burton no 2010.

Non cabe dúbida, pois, de que estes primeiros cento cincuenta anos lle sentaron ben a aquela surreal narración improvisada no Támesis, unha historia na que os nosos medos e pesadelos, as nosas ilusións e devezos, os nosos estrañamentos e perplexidades se ven espellados nun universo fantástico e subxugante que nunca deixará de nos sorprender.

Alicia en Galicia
Hai xa máis de tres décadas que Alicia adeprendeu a falar galego. Os seus mestres foron Teresa Barro e mais Fernando Pérez-Barreiro Nolla, dous tradutores excepcionais que aceptaron o reto de trasladar as súas aventuras á nosa lingua para que Edicións Xerais publicase en 1984 Alicia no país das marabillas.

Aquela excelente tradución foi recoñecida nada menos que co Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís en 1985, galardón que o Ministerio de Cultura concedía, por vez primeira, a unha obra editada en galego.

Este mesmo ano, no prestixioso The Grolier Club de Nova York inaugurouse unha grande exposición na que se amosaron exemplares da Alicia nas diferentes linguas do mundo ás que foi traducida. Alí figurou tamén a versión de Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Teresa Barro, quen explica como foi o proceso de vertido da obra no ensaio “My Story of the Galician Alice”, inserido no magno Alice in a World of Wonderlands publicado hai uns meses pola Oak Knoll Press.

Por remate, ao moi meritorio labor de Barro e Pérez-Barreiro Nolla (quen tamén traduciron en 1985 para Xerais Alicia do outro lado do espello) veu sumarse estes días atrás a aparición das Aventuras de Alicia no País das Marabillas, nova versión da obra nesta ocasión trasladada con oficio por Xavier Queipo e impecablemente ilustrada por Fausto Isorna para El Patito Editorial.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES