Entender os nacionalismos
viernes, 11 de diciembre de 2015
Hai días apareceu no xornal El País (6 de novembro de 2015) un artigo de opinión co título de ¿Entenderse con los nacionalistas?, que pola miña parte quero comentar brevemente.
Certamente o tema do nacionalismo préstase a opinións moi encontradas, pasionais tamén se se quere, mais non por iso debería estar á marxe de dilucidacións críticas ou racionais. Trátase -así me semella a min polo menos- dun dos temas que máis precisan de ter nel en conta unha serie de importantes dimensións (política, social, económica, antropolóxica, filosófica, etc.) que o afectan ineludibelmente. Calquera visión unilateral defórmao necesariamente. Con iso non exclúo tampouco a posibilidade de que este comentario peque tamén en certo grao daquilo mesmo do que quixera estar exento.
Fago alusión inicialmente a algúns asertos ou explicacións do mencionado escrito coas que non me podo sentir especialmente cómodo. Dise nel, por exemplo: La dificultad es insuperable: el nacionalismo se levanta sobre la negación de la posibilidad del debate.
Tal suposta negación basearíase en boa parte na apelación nacionalista á unha identidade propia que diferenciaría (de maneira especial lingüisticamente) o propio nacionalismo doutras diversas comprensións ou concepcións que os distintos grupos sociais poderían ter verbo de si mesmos. É aquí sobre todo onde o autor intenta desligar a íntima relación, que polo menos ó meu ver existe, entre o que desde un punto de vista antropolóxico chamamos cultura e a respectiva lingua na que esta se expresa. Teño a impresión de que a lene ou laxa conexión entre lingua e cultura que neste contexto parece defenderse está motivada ante todo porque, segundo se vén soster, nun mundo tan interrelacionado coma o de hoxe hai de feito sempre unhas linguas que gañan e outras que perden. Sen que esta apelación á crúa realidade pareza suscitar, polo que coido entender, ningún grave problema ético ou antropolóxico. En realidade, vénse dicir, bastante aséptica e aproblematicamente, que en boa parte do mundo la superviviencia de unas [lenguas] requiere la desaparición de otras. Cousa que para min non deixa de emitir sutís recendos dun certo indesexábel modo de darwinismo social. Múltiples formas de poder político ou económico que só buscan a súa propia autoafirmación atoparanse seguramente moi en sintonía con esta visión da competitiva relación entre as linguas e unha determinada concepción do progreso humano.
Semella intentarse así, como é doado ver, diminuír ou reducir o peso das linguas na conformación das identidades culturais para dese modo intentar arrebatarlles ós nacionalismos peninsulares (he de supoñer que se fai referencia ós de Cataluña, Galicia ou País Vasco, aínda que non se nomeen explicitamente) unha das súas características máis ostensíbeis. De tal modo que en relación co tema da suposta identidade invocada polos nacionalismos chegará incluso a dicirse: Sea lo que sea la identidad tiene bastante más que ver con la condición sexual, la clase social o la religión que con la lengua.
A afirmación máis arriba formulada sobre que el nacionalismo se levanta sobre la negación de la posibilidad del debate ficará remachada aínda cara ó final deste xeito: los nacionalistas no se sienten obligados a dar razones aceptables para sus conciudadanos. En menos palabras, los demás les importamos una higa...
Pois ben, coido que non debería resultar excesivamente ousado soster que os nacionalistas si teñen as súas coherentes razóns para manter a súa postura, por diferentes que poidan ser as explicacións que os distintos nacionalismos ofrezan sobre si mesmos. Naturalmente isto non leva consigo que os seus concidadáns as consideren aceptábeis por máis que estes mesmos concidadáns sexan tamén, aínda que non o manifesten expresamente, verdadeiramente nacionalistas tamén.
Pois por moito que se diga, dificilmente se libra un de ser nacionalista. O que ocorre é que a conciencia do nacionalismo só xorde como tal no caso de ser percibido un mesmo xunto co grupo social ó que pertence como ameazados ou negados. É dicir, cando a propia cultura, a propia lingua, en definitiva o propio grupo humano ó que un pertence son obxecto de desprezo, ameaza, burla, explotación, dependencia, inxustiza, etc. etc. Esta situación social ou grupal pode permanecer subterránea, agachada, descoñecida, latente, durante un tempo indeterminado, incluso séculos. A toma de conciencia da mesma non se atén a previsións concretas e fiábeis. Xorde ou non en relación con experiencias individuais e históricas, coa instrución e os coñecementos adquiridos, etc.
As razóns dos nacionalismos non están polo tanto unicamente e sobre todo en relación con simples consideracións asépticas, científicas, etc. sobre se as linguas son ou non elementos esenciais ou constitutivos das culturas, tal como se pode debater eruditamente en estudos antropolóxicos ou lingüísticos, senón con algo moito máis simple e decisivo, coa xustiza, con aquilo sobre o que se basean ultimamente os que adoitamos chamar dereitos humanos.
Concretando algo e sen distanciármonos do nivel lingüístico. Os anti-nacionalistas, que como digo non son máis ca nacionalistas que agachan tal nome en relación consigo mesmos mais que o lanzan porén coma un dardo contra os que eles chaman nacionalistas, queren (obviamente coma todos) vivir cómoda e placidamente, sen teren problemas nin no seu territorio cultural nin fóra del coa súa propia lingua (no caso que nos ocupa, a castelá ou española), sen vérense obrigados a escoitar ou aprender outras linguas ás que eles deprecian (ou depreciaban) como dialectos (o galego, éuscaro ou catalán). En troques, e como miserento e inxusto contrapunto, os por eles chamados e fustrigados nacionalistas son os que teñen que apandar co ingrato e custoso deber de aprender no ámbito do seu propio territorio cultural (e lingüístico), ademais da propia lingua, outra máis que para o normal desenvolvemento humano ningunha falta lles fai pois élles xa abondo coa propia, como ben sostiña xa no seu tempo o espelido frade bieito Martiño Sarmiento. Outra cousa é que lles poida convir coñecela por outros motivos ou intereses prácticos. Mais iso en modo algún tería que deberse a imperativo legal ou a obrigado sometemento característico de países colonizados.
É xustamente, sobre todo, esa patente inxustiza unha das motivacións máis fortes que lle confiren verdadeiras e xustas razóns (aquelas que no mencionado escrito lles son negadas) ós nacionalismos e que tanto parecen sorprender e tamén ofender ós que se teñen como non-nacionalistas.
Os debates actuais sobre a complexa situación política de Cataluña mostran en boa medida non pouco disto.
Cabada Castro, Manuel