Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De pura cerna (58)

martes, 01 de diciembre de 2015
Aida du Mont Cupeiro


A crise do Arturo Arnáldez, se ben con outras magnitudes, tampouco foi miúda: Aquel descubrimento, casual, ou non tanto, en Exteriores, precisamente no Departamento de Relacións Americanas, onde prestaba servizos seu pai, conmocionara a ortodoxia familiar poñéndoo no dilema de escandalizar á súa familia, tan cobizosa de que recaese no Arturo aquela millonada de dólares do fideicomiso Merton, ou rachar a entente do clan de Herminia. Faltoulle, se cadra, aquel carácter recio da Neviñas para impoñer a súa decisión naquela encrucillada poliédrica, aínda que fose ao custe de malquistarse cos seus, así que montou aquel galimatías dun adiamento sine die da súa voda, acompañado dunha serie de contradicións que empezaban pola escrupulosidade de analiza-la noiva por se transmitía hipotéticas enfermidades herdadas do seu proxenitor, daquel ianqui dexenerado, aquel gánster millonario, en pecados, pero tamén en dólares, do que lle falaran a seu pai.

Polo que respecta á Neviñas, cargada de dignidade, esixiulle ao seu prometido un sixilo absoluto, con independencia de que a aceptasen ou non, co sabido sabido, no seo familiar de don César. Foille concedido, non sen certas discusións domésticas, reservándose aquel, ¿diplomático?, de mente feudal, unha xestión de tenteo cerca dos pais adoptivos, do Nicasio e da Neves, por entender que a magnitude da herdanza, ¡en dólares!, dunha menor, aínda célibe para máis agravante, non podía ser refugada simplemente por un acto volitivo daquela nena voluntariosa, incapaz xuridicamente segundo os seus conceptos leguleios; sometida, aínda, á patria potestade naquela moral de formas, máis ben de formas, imperante na España franquista, ¡máxime no estamento daqueles burócratas de Asuntos Exteriores!

Arturo, a pesares daquel sometemento, aquela mediatización familiar, de fillo de familia ben, que se dicía entón, algo se contaminara, algo reaccionara cos novos tempos, coas novas correntes, sequera fose pola rebeldía xeracional daqueles rapaces que tiveron unha guerra por berce e por escola, tan propicia para aprender a lección revisionista dunha España real que ía, que corría, diverxente da España oficial; en tantas cuestións, sobre todo, na abolición progresiva do si bwana filial, pero fíxoo en grado moi diferente á mentalización da Neviñas.

Nunha daquelas vacilacións, o rapaz optou polo rescate da mociña, ¡ou dos seus dólares!, así que, despois de estudar á nai verdadeira, á Herminia, para asegurarse de cómo ían as cousas na outra banda, no outro clan, ou de cómo poderían ir se propoñía un adiamento que lle permitise calma-los ánimos e lenizar aqueles rexeitamentos viscerais na súa tribo pseudoaristocrática.

O revulsivo familiar, máis que na persoa centrárase na estupidez daquela rapaza testana, invencible, disposta a malograr un legado milagroso naquela España faragulleira, peseteira, así que Arturo lanzouse, a tumba aberta, á reconquista da Neviñas, disposto a todo, ou máis exactamente, a un recomezo de relacións que fixese posible e compatible aquela actitude da moza, incluso esguellando a aceptación do piso da clínica. Tiña na manga o as do Exército, unha solución típica, fastosa, á altura dun fillo de diplomático, do fillo pergamiñoso do apergamiñado don César Arnáldez, fidalgo de rancios pergamiños procedentes da Alta Idade Media da Alta Castilla. Índose para África, afastándose do seu qué dirán, apartándoa daqueles parentes, Neviñas igual dicía que si, ¡que non tódolos días se herdan barcos, accións, inmobles...! Neste plan, nesta actitude, neste cálculo, tivo a ocorrencia de intentar conmovela cunha espera teatral, á que podemos asistir:

-...
-¿Que fas aquí? ¡Co que está chovendo, e ti nestas pingueiras...! ¿Recomendoucho o teu médico? ¡Pois vaia matasáns máis incompetente que sodes!

O rapaz sorriu, ou máis ben forzou o ricto, sen apartarse daquelas pingueiras que lle descompoñían o xesto facial; feito un cristo:

-¡Xa ves, esperándote! Pregunteille ao porteiro deste teatro, e díxome que virías arestora, que tedes ensaio. Por iso me parei neste punto, que non sabía por qué rúa viñas, para verte chegar canto antes, de lonxe, ¡das ganas que tiña...!

-¡Ti es parvo! ¿Non o temos falado, falado e decidido? ¡Absolutamente todo! ¿Daquela, qué mendigas? ¡Só che falta estira-la man!

-¡É que non sei vivir sen ti, nin horas! Catívanme os teus risos, esas verbas cantareiras, eses ollazos..., tan distintos cando me miras con carraxe, con carraxe inxusta, sen facerte cargo das miñas circunstancias, digamos que, familiares. Sen embargo, cos teus, ben que acatas eses convencionalismos, a súa sarta de mentiras..., ¡incluso en contra dos teus propios intereses!

A moza ollouno entre ofendida e conmiserativa:

-Arturo, bótalle entendemento á cousa: Nevitas era aquela rapaciña de segundo que se namorou dun mocetón de quinto con aires de infante real, deses das películas acartonadas; o meu nome, o definitivo, o artístico, que xa o verás nos carteis dentro de pouco, é, ou será, Aída. Así que vaite esquecendo daquela Neviñas, ou Nevitas como ti dis, que esa está a punto de desaparecer; ¡periclitou!

-¿Aída, Aída Portas? ¡Non, non o creo, que ti es singular dabondo como para repetir o nome de túa nai, o alias de Herminia, aquela espía de cando a guerra de España, que en Exteriores sábese todo!

Sabían, claro que sabían, ¡demasiado!, pois con aquela xactancia Arturo, con abundante memoria pero non sobrado de intelixencia, demostroulle á rapaza ata qué punto foran investigados, depurados, desde as alturas oficiais, policiais. Por outra banda, sen relación con unha infinidade de países, os de Exteriores, sobrados de tempo, ben podían dedicarse ás rexoubas interiores.

-¡Non, pero case, que iso serviume de inspiración! Elixín o de Aída, Aída du Mont Cupeiro, que así chamaban na antigüidade á parroquia de miña nai. Como ves, -proseguiu Aída-, é un nome baixo, sen estirpe coñecida, pero soa forte, agresivo, con resplandor, nestes tempos tan imperiais e tan ridículos. ¡Algúns presumides de nobreza, sen tela efectiva, así que nada ten de particular que eu converta a miña nobreza, efectiva e afectiva, en nominal! ¿Enténdelo, gato madrileño, Marqués da Puñeta?

Arturo tragou saliva e pasou por alto aquela provocación; tan só lle dixo, con ironía, iso si:
-¿Du Mont? ¿Afrancesada, ti, que estudaches ruso cando mandaban os rusos, alemán cando a División Azul, e inglés a partires do Desembarco? ¿Afrancesada, agora, agora que nos levamos tan mal cos franceses, con ese galo, con ese De Gaulle, maiormente nos problemas do Protectorado...? ¡Di máis ben que o que queres e levarlle a contraria a cantos te rodean, ou te rodeamos; e de paso, tíra-la túa fortuna ao carro do trapeiro! ¡Se chegan a sabelo en Ciempozuelos, daquela mándanche unha camisa, de regalo!

Neviñas cadora máis carraxenta:

-¡Vaia, ho, qué listiño; vexo que me vas entendendo! Pero vente ao portal, que non cabemos os dous debaixo do meu paraugas. ... Agora, señorito rabo de pito, eu son dona das miñas decisións, do meu destino, das miñas preferencias..., ¡que iso vale máis que tódolos dólares deste mundo! ¿Entendes algo disto, machista retrógrado?

Arturo mirouna de fronte, de cerca, pero sen atreverse nin a collerlle a man:

-Neviñas, trátasme coma se fose un grilo, pero aínda así, nestas preferencias ás que aludes, nestas intimidades, quero estar, seguir estando... Mira, muller, en definitiva quero que falemos, detidamente, cordialmente, sen esas pullas que tanto me doen. Así que, desde que saias do teatro..., ¿onde te espero?

A rapaza fulminouno cos ollos, carraxenta e desprezativa:

-¿Iso queres, de verdade? ¿Queres unha repesca..., para setembro? ¿Queres devolverlle as augas ao río? ¿Resucita-los mortos, ou obte-los cartos? ¡Pois iso son milagres, e ti, de santo, nin un pelo!

-Admito que fun indiscreto contigo porque...; mira, a verdade é que aqueles días, ¡que xa cho dixen!, tiven certas presións de meus pais, que non só ti es vítima de erros familiares; pero agora están convencidos de que fomos inxustos contigo. ¡Eles tamén queren unha reconciliación! Xúroche, e agora tamén de parte súa, que gardaremos fielmente o teu segredo, que esqueceremos a túa filiación real. Casémonos; cando ti queiras, mañá, pasado, antes de irme para África, ou despois, para o ano que vén, cando remates a túa carreira...; ¡cando ti queiras!

Neviñas mirouno con un xesto despectivo acentuado, engurrando o nariz:

-¿Agora vés con iso? ¿Resulta que xa non son unha filla de tal, e que non hai que analizarme..., por se herdei un sifilazo? ¡Vaite de aí, mamón; vai mamar ás cabras dos mouros, neno da teta!

Arturo estaba branco, de permanecer á intemperie, pero tamén das cabazas, que todo se lle xuntaba:

-¡Neviñas, ou Aída, ou como queiras que te chame; por favor, non sexas cruel comigo, non me mires así, tan..., desprezativa! Recoñece que algunha culpa, algunha indiscreción, tamén foi túa, que ti mesma me falaches das túas dúbidas sobre a túa idade real; daquela que che contei a historia dese maldito cubano...

-¡Non era cubano, que era ianqui! Pero cubano ou ianqui, por desgraciado que fose, era meu pai, o verdadeiro, así que respecta o seu nome, e máxime de morto; faino por min..., ¡se algo che importo!

-¡Muller, non sexas suspicaz: refírome ao cubano, ao fideicomisario designado por teu pai! Por iso se enguedellaron as cousas, polas túas circunstancias tan..., ¡tan estrañas e tan inesperadas!

-Mira, neno, agora que xa sabes que veño do pecado..., ¡pois iso, déixame no pecado! ¡Por favor! Se a purísima de túa nai non houbese nacido na casa dun chupatintas madrileño, daquela xa veriamos os seus méritos, que esa señora non vale nin para descalza-la miña; ou máis exactamente, as miñas, que teño dúas, e das dúas estou orgullosa, que se mo piden en xuramento, nin sabería por cal delas decidirme! ¿Pureza do sangue para casar cun Arnáldez? ¡Nin que estivésemos na Idade Media!

-Neviñas, insisto, ¿cando falamos de vagar? Para que botes dunha vez esa fel que tes contra min, e contra dos meus pais. Fagámolo hoxe, despois dese ensaio, que espero por ti, dúas horas, dez..., ¡as que queiras, aquí mesmo, sen moverme deste portal, que xa verás cómo nos entendemos, que o ceo sempre queda limpo despois das tormentas!

-Non insistas, Arturo, que todo está dito, ¡e as palabras mal ditas, malditas son! Agora vaite, por aí adiante, a mexar auga bendita, se realmente es fillo dunha santa! A min estame esperando xente do teatro; ¡da comedia, para divertimento, e non de comediantes, deses que amolan ao próximo! ¿Quedas informado? ¡Estes de aí dentro fan teatro, pero non son cínicos, que iso do cinismo faise mellor na túa casa, cos teus faranduleiros!

O rapaz xa non sabía como pedir árnica para as súas feridas, así que, máis que falar, laiou:

-¡Muller, non sexas así, non sexas intransixente, que incluso se parlamenta cos inimigos!

-¡Si, exacto: muller, persoa, que para monicreques chegades vosoutros, ti e mailos teus, esa cáfila de señoritos de caldo á merenda! ¿Intransixente, eu? ¡Mira quen falou, este pijo, un Torquemada...! ¡Hala, miñato, a chupar biberón, que cho dea túa naiciña, esa purísima concepción de Lavapiés, esa chupóptera, que se escandaliza á noite, e ao día seguinte, así chova e sen paraugas, sen un arrepentimento verdadeiro, mándate a reconciliar..., para non perde-las trinta moedas do Xudas, a herdanza dun gánster, que eu podo chamarlle así, pero só eu! ¿Verdade que foi ela quen che dixo que tiñas que recuperarme, coma quen lava un billete sucio? ¡Estou segura de que si, que vos coñezo! ¡Dona Almudena dixit: Xa que esa rapaza ten a desgraza de ser filla dun impresentable, e dunha nai lixeira, que polo menos se contrapese cun bo aporte de dólares! ¿Que non...? ¡Non mo xures, que os fillos de túa nai non son de fiar, e cando xuran aínda menos!

-¡Neviñas, mira para abaixo, que estou de xeonllos...! –Púxose así, tal cal, chorón, diante da xente que pasaba, na mesma beirarrúa.

-Nin de xeonllos che podo perdoar, que aquilo, todo aquilo, aquel rosario de espiñas, non mo tiñas que cravar, non mo tiñas que dicir, e menos con aquela desenvoltura, coma quen conta unha película..., ¡que nin que me vises mendigando! Mira, rapaz, unha foto é unha instantánea, un flash, e xa está, que con iso chega para coñecer unha persoa. Ti, o que é para min, quedaches retratado, definitivamente; e co que me dixeches do enfado de teus pais e dos teus irmáns, máis aínda; ¡ao completo, de corpo enteiro!

Arturo, consciente da inutilidade do seu ridículo, ergueuse, e tratou de collela de man, pero ela retirouse a tempo, un paso atrás.

-¿Ves como temos moito de que falar, -insistiulle Arturo, -aínda moito, para eliminar estas feles, estes malos entendidos? ¡Temos que volver atrás, teño que varrer, coa propia lingua, o chan por onde pises, para que vexas que aquilo foi unha torpeza, un xeito inocente, pero necio, de explicar, de informar algo que nos era alleo a todos, empezando por ti mesma, porque non tiveras, nin tes, arte nin parte nesas circunstancias que outros teceron ao redor teu! E logo que, dilapidar, xa antes de recibila...; ignorar, desprezar, unha fortuna coma esa, incalculable, millonaria, ¡en dólares!, que a podías e a debías trasladar aos teus fillos, se chegas a telos, mais ben parece unha insensatez, impropia dunha muller con estudios. ¿Quéresme entender, quéresme escoitar, ruliña?

-¿Que dixeches de volver atrás? ¡Cara atrás só van os maricas, coma ti! Merton, polo menos, era un machote; con malas artes, si, pero conquistaba; os maricas só atusmades aos traseiros, ás segundas partes...! Nene, con isto vai demasiado, demasiada lección; á parte de que son gratuítas, e non as mereces.

-Dáme as que queiras, con tal de que sigas falando comigo...!

-Arturiño, tu-ru-lú, e non píngue-lo ollo, que me confirmas o pouco home que es. Vaite de putas, pois estas que cho parecen non o son, en absoluto, que eu teño dúas nais, a cal máis pura e máis santa, que asumen os seus pecados, e redímense co seu sufrimento, á vez que adozan a vida aos demais, cousa ben distinta desa Almudena, que tanto gozou, ¡seguro!, pensando que me ía mirar toda a vida de arriba para abaixo, coa chantaxe de dominarme co meu propio segredo, ¡máis ou menos como te domina a ti, e ao teu pai, e a toda esa cáfila de monicreques egoístas, amariconados, que é o que sodes tódolos Arnáldez!

-¡Neviñas, unha vez máis, por favor, espera, déixame dicir algo! –Suplicou, penoso, volvendo a axeonllarse.

A moza non esperou, nin daquela nin despois, que non saíu pola porta frontal do teatro, senón por unha traseira, pola de emerxencia, así que Arturo aguantou aqueles chaparradas, a acuífera e mais a verbal, inutilmente. Aqueles Arnáldez, uns e outros, foran a por la, a por dólares doados de apañar, pero..., ¡Neviñas díxolles, tu-ru-lú!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES