Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ver beleza

miércoles, 02 de diciembre de 2015
A semana pasada tiven a oportunidade de estar na Xornada de VIgalicia titulada “Asistencia Sexual, un dereito para a diversidade funcional”. Aínda que o programa estaba coidado, o interese do público era óptimo e o debate tivo contido, tróuxenme para a casa máis dúbidas e inquedanzas que certezas. Iso non quere dicir nada malo sobre a organización ou os poñentes, todo o contrario. Coido que asistín a un acto imprescindible, valente e revolucionario que trata de visibilizar un problema evadido conscientemente ante a dificultade de darlle resposta práctica. O dereito á sexualidade é un dereito humano básico que se define no acceso ao propio corpo e na necesidade vital de autocoñecemento.

É necesario naturalizar a diferencia ata ver en cada persoa beleza máis alá da diversidade funcional. Neste sentido, coido que é fundamental erotizar a discapacidade, construír unha visión naturalista na que calquera corpo teña a oportunidade de ser contemplado e xerar desexo. Para chegar a esta situación temos que saber fomentar a autoestima e a comunicación empática que permita a identificación coa diferencia; poñerse no lugar do outro valorando o seu mundo emocional e nel visualizar as necesidades coas que, día a día, se enfronta.

çIntroducir o termo “sexualización” no mundo da diversidade funcional equivale a recoñecer desexos silenciados e lumes que se consumiron na soidade. “Sexualizar” é ver cuns ollos distintos, uns ollos que esquivan límites para descubrir fonduras igualitarias da humanidade. É un exercicio que nos leva a descubrir a beleza interior para exteriorizala e darlle azos de existencia. “Sexualizar” é virarlle as costas a homoxeneización dos diagnósticos e das etiquetas para recoñecer a cada persoa como única e irrepetible no mundo esixíndolle vivir e procurar unha autorrealización aceptable.

É necesario rachar os límites da beleza (sobre todo, porque a miúdo cadran cos límites da estupidez) para construír unha inclusión que teña como centro o ben máis prezado do ser humano: o amor. Un amor que se moldea na mornura dos corpos que se queren xuntos e que senten o desexo de misturarse entre aromas e sabores.

Haberá que desterrar moitos prexuízos, apartar de nós visións do mundo finalistas e sectarias. Haberá que negarse unha e outra vez a determinadas morais castradoras pero ao final a revolución será con todos ou non será e instaurará un modelo de beleza e amor inclusivo destruíndo os arrabaldes da soidade para mirarnos no espellos da igualdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES