Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lexítimo pan de Mondoñedo

viernes, 27 de noviembre de 2015
“Desde hoy se expende en la caseta número 29 de la Plaza de Abastos, LEGÍTIMO PAN DE MONDOÑEDO fabricado con harinas de trigo del país y elaborado con el mayor esmero. Precio: 40 céntimos kilo”. Así rezaba un anuncio nos xornais lucenses “La Voz de Verdad” e “El Norte de Galicia”, nos números de ambos editados desde o 23 de xullo ata o 30 de agosto de 1913. Unha campaña que debeu ter unha resposta de éxito na capital da provincia, aínda que os moi puntillosos detectasen que o prezo do quilo de pan nun dos xornais era un pouco máis alto: 50 céntimos.

Quen pare a xantar, merendar ou cear en Mondoñedo sabe ben o ben que sabe alí o pan. Uns din que é cousa das augas, realmente saborosas; outros aseguran que a fariña, outros bótanlle a culpa ao lévedo, ao aire, á humidade... Tamén se comenta que pode ser consecuencia da delicada moedura dos muíños de roulón. Non descarten a mestría dun amasado temperado, case sempre feito por mulleres. Ou a leña para quentar o forno, normalmente toxo vedraño. Fose o que fose, o pan do Mondoñedo xa era daquela, e segue sendo, unha exquisitez con risco de ser profanada por mans imitadoras.

Os que vimos e vivimos o proceso completo da fornada, desde a sementeira ata o cribado da fariña, o roxado e enfornado, só lembramos o resultado. O sabor da bola, sen nada dentro, o da empanada envolta en verzas (torresmos, chourizo, coello, sardiñas, mazás, ou cebola, pementos…), o das pezas grandes de pantrigo, ou de centeo, medradas e douradas, dispostas para matar de vez fames e penas.

Había e hai leis non escritas a ter en conta. Non pasar por debaixo da pa cando se enforna, xa que couta as medras. Controlar a cor da pedra chamada endego para saber se a temperatura é a axeitada no interior do forno e, en consecuencia, regular a calor sobrante ou excedente. Metendo ao doente dentro do forno, sabíanse curar algunhas enfermidades, mais a verdadeira saúde dáa este pan que distrae a fame, o remedio infalible de case todas as doenzas.

Como lle soe suceder aos de certa condición, sempre dá tranquilidade andar a “pan sabido” (ter o alimento asegurado), aínda que “non hai pan sen afán”. O reporteiro de “El Progreso” que asina a crónica da viaxe que fixo o 2 de xullo de 1914 a infanta Isabel de Borbón fixouse ben. Despois da obrigada parada da comitiva en Mondoñedo, a infanta decide non xantar na cidade e seguir camiño. Mais, ao pouco, diante da casa dos camiñeiros do Alto de Arroxo, nos lindes entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá, éntralle a fame.

Naquela humilde morada, na que vivían os peóns Francisco Cazón e José del Valle, dispúxose a mesa, uns bancos, unhas cazolas de barro, unhas copas de cristal e unhas xerras de louza. Mentres, servizo, autoridades e prensa acompañante se acomodan onde poden, alguén ofrece á S.A. unhas libras de pan de Mondoñedo “del típico, del renombrado pan” e a infanta, marabillada co aspecto do manxar, consente en que se poña sobre a mesa. Pan real, dirían nalgures, se contasen cun antecedente tan memorable.

Un detalle secundario. Conta o sempre ben documentado Andrés García Doural que o avogado A. Goás e E. Lence volveron a Arroxo uns días despois e mercaron as cazolas onde pousara o bico a nafra herdeira. Onde andarán?

(Antonio Reigosa é Cronista Oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES