Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inodoros e filósofos andamos de festa

viernes, 27 de noviembre de 2015
Algún aigo lector estrañarase seguramente, se é que antes non estivo case tentado de se rir a cachón, lendo un enunciado dese cariz. E iso que minorei un chisco o impacto visual (e auditivo) do mesmo ó utilizar a fina expresión de inodoro no canto da máis directa e sonorade retrete. Pois que teñen que ver os venerábeis filósofos co retrete máis alá de que tamén eles, aínda que profesen o idealismo máis depurado e abstracto, de cando en vez teñan que facer uso del? Non pretendo forzar artificialmente as cousas nin de poñelas en mutua relación sen vir ó caso, pois foron altas instancias internacionais as que construíron de feito esta relación e aí está ela solemnemente entronizada desde entón.

Resulta que os que simpatizamos coa tarefa da filosofía levamos celebrando desde hai xa dez anos aínda que coa necesaria sobriedade o noso Día Mundial da Filosofía no 19 deste mes de novembro e agora, desde hai nada máis cada dous anos, xuntáronse a nós os que nesta mesma data festexan o Día Mundial do Retrete. Así, tal como soa. Pois benvidos sexan, abofé! Alédome moito dos novos compañeiros.

Así como os interesados na reflexión filosófica reclamamos o fomento e apoio dun necesario pensamento crítico, lúcido e independente, ameazado con frecuencia na súa mesma existencia por espurios intereses económicos e de poder, reclaman eles con toda razón algo aínda máis elemental, concreto e urxente: a posibilidade de a xente dispoñer de inodoros ou retretes dos que aínda carecen millóns de persoas neste noso mundo actual, tan abismalmente dividido entre ricos e pobres, coas moi prexudiciais consecuencias que de tal situación se derivan. Mais coido que máis alá diso nos une a ámbolos dous celebrantes a denuncia da inmundicia coa que nos ensucia tanta corrupción, violencia e opresión como aínda campan polo mundo adiante, sen que pareza polo que se ve que vaia ir a menos.

Reclamamos para iso (aínda que só sexa unha vez ó ano) unha seria toma de conciencia e un decidido esforzo común polo afloramento dunha maior abundancia de augas claras e limpas, as da intelixencia crítica e as do fomento e respecto da dignidade humana, que nos liberen de tanta lorda física e moral procedente da degradación ambiental e da humana, tanto no noso mundo exterior coma no interior das conciencias.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES