Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A demografía minguante

viernes, 27 de noviembre de 2015
Cóntao con precisión nidia o demógrafo francés Alfred Sauvy. "A sociedade resultante dun país envellecido será unha sociedade de persoas maiores discutindo ideas antigas en casas vellas". Así é a fotografía demográfica de Galicia hoxe. Por un momento, á sombra do ladrillo e do cemento que asolagaba o país, pareceron salvarnos as ondadas de inmigrantes con máis paixón pola vida, máis fe no futuro e máis fillos.

Pero chegaron ao país das burbullas económicas que, infladas de nada, medraban desde os 80. Hoxe a inmigración trocouse en emigración. Aínda chegan, fuxindo do inferno, inmigrantes despistados e xentes con pouca cualificación. Vanse os novos e titulados, unha traxedia para un país con demografía minguante onde o fenómeno máis estrondoso é a fuga de talentos e de emprendedores. Galicia volve ser un país de emigrantes: uns cen mil rapaces nos últimos anos. Vanse porque aquí non hai traballo, porque os soldos non permiten vivir con dignidade e porque o cuñadismo imponse á meritocracia. A xente cualificada, con potencial de xerar riqueza e traballo vaise e prefire facelo fóra.

Mentres os políticos andan a fuengueirazos cos cada día máis sospeitosos informes PISA, estudo xestionado pola OCDE, unha organización económica, resulta que as nosas doutoras, os enfermeiros, científicos, enxeñeiras, músicos, investigadoras, informáticos e técnicos son cotizados e benvidos nos países más desenvolvidos demostrando que a formación recibida aquí era excelente e que, sen dúbida, os mediocres son os gobernos.

A crise, como a fame, só permite pensar a curto prazo. Transforma aos gobernantes en burros con orelleiras que ven anacos da realidade, e do futuro só albiscan o horizonte cativo das próximas eleccións. Xusto cando máis necesitamos estadistas só temos o que vemos, xente que se aferra ao poder, que non dubida en cambiar en beneficio propio as regras de xogo de todos, que tenta eternizar as redes clientelares, que é incapaz de enfrontar o principal problema do país o paro, que malgasta xigantescas inversións educativas expulsando aos titulados.

Sen dúbida os maiores, fonte de experiencia e formación, son elemento clave para a sociedade. Aportan pan e teito para moitas familias nunha economía devastada pola crise dos tramposos. Pero a fuga de talentos é máis perigosa que a famosa prima de risco, e a espada de Damocles do déficit imposto pola zarina neoliberal domina a Europa dos mercadores. Sen xente nova non hai futuro. Sen rapaces formados perdemos toda esperanza.

Cómpre rebelarse contra a Galicia que agoiran as proxeccións demográficas: un país de xubilados discutindo ideas antigas en casas vellas. Un país sen nenos. Unha terra con demografía minguante.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES