Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Europa ante o terrorismo

jueves, 26 de noviembre de 2015
A resposta contra o terrorismo en Europa precisa atender ás causas profundas. Alén dos factores relixiosos e culturais, certo que ten a súa longa historia, pero para entender o que enfrontamos non hai que mirar moito atrás. Se non o facemos así, o terrorismo continuará expandíndose. Unha cuestión importante é reflexionar sobre por que hai tantos estados fallados hoxendía. Podemos pensar que responde a unha estratexia deliberada (canto peor, mellor) que alenta o caos e facilita a reclamación dun xendarme mundial. Ou simplemente que os métodos utilizados polas potencias occidentais para gañar influencia en determinadas áreas xeopolíticas vólvense en contra delas saíndolle o tiro pola culata por seren erradas.

Se un pensa en Iraq ou Libia, dous casos emblemáticos, onde houbo un desmedido empeño dalgunhas potencias en derrocar os réximes existentes, constatamos que a posteriori non se plasmaron as democracias que algúns prometían. As “revolucións de cor” promovidas por Occidente acabaron por se converter en fábricas de estados fallados ou moi inestables. E, obviamente, ninguén explica por qué os ditadores de Libia, Iraq ou Siria son dunha perversidade insoportable mentres que os de Arabia Saudita ou Catar son uns santos varóns que poden campar ás súas anchas por Marbella. A dobre vara de medir non só abarca a réximes e países, tamén a terrorismos. Occidente sempre diferenciou entre o necesario (en Afganistán, contra os soviéticos), o inevitable (o dos uigures en Xinjiang fronte aos chineses) e o indesexable (aquel que nos converte en vítimas directas). Por citar algunhas referencias claras.

Cando se nos presentan as accións do terrorismo como o resultado da conduta de persoas que sen explicación lóxica simplemente tolearon ou son vítimas do seu propio baleiro, pasamos por alto que un factor obxectivo que pode explicalo é a nosa propia política, é dicir, o noso propio fracaso. Ou fracasos. En primeiro lugar, dunha integración cultural difícil de plasmar cando a súa esencia nos remite a tradicións monoteístas que son expresión dunha mesma intolerancia. Historicamente, no noso entorno, as diferentes crenzas relixiosas levan a un conflito interminable e á guerra. Por outra banda, o multiculturalismo revélasenos como un ideal loable pero difícil de materializar incluso en democracias liberais e asentadas porque na propia cultura dominante o factor relixioso é un magma tan unificador como excluinte. Isto fai que as probabilidades de éxito do multiculturalismo sexan reducidas e requirirá, en todo caso, tempo, moito tempo, e unha acción meticulosa. En terceiro lugar, compre significar a importancia do fracaso das políticas sociais e económicas, agravado nos últimos tempos. Xa non é que a política social se amplíe ou non o suficiente a determinadas minorías senón que o modelo imperante sacrifica a xustiza social en aras do beneficio económico e isto desgarra as propias sociedades marxinando a determinados colectivos, empeorando a súa situación. A solidez das políticas sociais que podían exhibir as sociedades occidentais está en cuestión.

Non sabemos canto pesa na reacción gala o severo dramatismo da situación vivida ou a perentoriedade das esixencias da política curtopracista ante as eleccións rexionais do 6 e 13 de decembro próximos, nin se o terrorismo pode ser, como alguén dixo, o magma que agora ofreza un norte a un proxecto en deconstrución como o europeo. Unha motivación pouco edificante, sería.

Tralo fin da guerra fría e o mundo bipolar, os intereses xeopolíticos e as paranoias ideolóxicas levaron a Europa a unha perda progresiva de identidade, subsumida no atlantismo dominante. En 1991, soñábase coa Casa común europea e imaxinábase a Bruxelas como unha voz xenuína no concerto global. Aquela Europa está desaparecida no mundo. Sarkozy meteu de cheo a Francia na OTAN cando tradicionalmente París apostara por desenvolver posicións propias ata o punto de consolidar unha ambigüidade europea, poida que con mala prensa pero mais eficiente a longo prazo que o uso da forza sen pensalo dúas veces. As solucións militares poden permitir certo acurralamento do terrorismo e a liquidación da súa base, similar hoxe a que puideron ter na década dos 90 Al-Qaeda en Afganistán. Pero Europa non precisa unha alianza de circunstancias nin caer nos erros de EUA senón asumir un liderado, un discurso e unha estratexia que afirme unha diplomacia propia. Tampouco máis Francia, nin máis Alemaña nin menos Reino Unido.

Europa pode e debe mellorar a súa seguridade sen escusas para seguir laminando as nosas liberdades con mordazas a eito, pero, sobre todo, debe formular unha política exterior xenuína conforme á identidade da súa naturaleza. Sen iso, fracasaremos.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES