Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A seita

viernes, 20 de noviembre de 2015
O título non pode ser máis breve. Pero eu pénsolles que canto máis embarullado temos o medio político–social no que vivimos, máis debemos evitar comprendelo cunha tacada, adoptando una perspectiva sinxela, habitualmente coñecida, para, dende ela, ir pulsando ese balbordo que nos aprema a estar en todas partes, sempre con dificultades de entender algo, porque a irracionalidade impera por todas partes.

Penso que nin os acontecementos no noso país, é dicir, en España, nin os recentes en París, cando menos, non parece que sexan moi impropios dun tratamento sectorial. O problema aquí non está en poder decidir que algo é sectario, porque seita significa sector; pero..., que é o que non é sectorial?. Só un todo, o estritamente global, que tamén, teoricamente, articula no seu seo o sectario.

Este galimatías terminolóxico impide cualificar ou descualificar o sectario. Porque...¿dende que verdade, ou presunto xuízo con pretensión de xusto, podemos xulgar a mentira, a aberración, a estupidez, a condición de sórdido, etc.? Acaso dende unha concepción impecable doutro modo de ser sectario?. Por ventura, non é partidista a visión que os políticos teñen do mundo?. D. Andrés Ortiz-Osés, un hermeneuta de fama mundial, define a SEITA como un grupo “soteriolóxico” ou “salvacionista”, con marcado matiz relixioso, mais sen excluír o político–militar, de tal maneira que inclúe o IRA e tamén a ETA, aínda que non se esquece tampouco de cualificala de escurantista, como unha asociación nesgada, con disidencia acoirazada, cercada de barreiras (lembren a última colaboración): É un cercado que, segundo o Dr. Ortiz, corta o fluxo da comunicación.

E pregúntase este hermeneuta cando nacen estas seitas (el fálanos de “setos” (sebes) simbólicos, e di: “Podería responderse que estes “illotes” nacen cando o Todo, que mantén os canles da comunicación militarmente ocupados, se dilúe e fragmenta: así entre nosoutros tras o franquismo constitúense grupiños que intentan salvarnos dun naufraxio co Todo, ao desaparecer a Armazón político–relixiosa”, e pensemos, igualmente, na estrutura de Iraq antes e despois da guerra.

A pos–modernidade, na que din que vivimos, foi cualificada como a “época do fragmento”. Lembremos, noutro espazo, a desaparición dos “metarrelatos” (Lyotard): Morre Deus, e aparecen deuses por todos os currunchos!!. A seita, neste contexto, hai que vela asemade como a resposta a esa avalancha de comunicación na que estamos inmersos.

A verdade é que sempre estamos en plan sectorial; pero o problema non está aquí, senón en que pasemos a sectarios, quero dicir, que nos empeñemos en TOMAR A PARTE POLO TODO, precisamente cando a seita prefire ser íntegra e integrista, en vez de integradora. Como exemplo pode valernos ese nacionalismo catalán independentista, teimosamente desintegrador.

Pero agora, xa que chegamos aquí, aproveitemos un pouco máis o pensamento do Dr. Ortiz-Osés, e nada mellor que recollelo literalmente: “Hai algún modo – pregúntase D. Andrés – de escapar a semellante oclusión sectaria?. A resposta xeral parece, tras o dito máis arriba, obvia: Se trataría de comunicar lo incomunicado”. Claro, as seitas poden ter unha función social; pero o seu sectarismo, segundo Wilhelm von Humboldt, debería ser unha perspectiva aberta e universal e nunca unha cosmovisión en–cerrada.

Por isto mesmo hai que adecuar as actitudes, pois, se de verdade queremos recoñecer a condición sectaria cerrada e soberbia dalgúns nacionalismos, é mester diagnosticar correctamente a súa evolución, o que non se compatibiliza con actitudes de compracente conveniencia, por moito que se pretenda recuperar o tempo perdido, se foi desprezado o momento oportuno, correndo o risco, incluso, de caer naquilo que din os nosos paisanos: “tarde piaches, amigo”.

Parece oportuno non pasar por alto o terrorismo, pola recente intervención do “xihadismo” en París, porque tamén nace como unha resposta sectaria a intervencións sectarias en distintas partes do mundo: Guerra de Iraq contra Saddam Hossein, Sucesos de Somalia, Guerra Chechena, Guerra Civil en Arxelia, Convulsións na India pola destrución da Mezquita de Ayodhya, o terrorismo en Filipinas de Abu Sayyad, e non digamos as ameazas nalgunhas partes de África e en Europa, e España en lugar destacado, coa frenética pretensión de construír unha sociedade mítica de valores orixinarios, ata acadar, na loita contra un modernismo incompatible coa súa tradición, estender o Islam por todo o mundo.

Pero este sectarismo, nucleado relixiosamente, dotouse dunha estratexia singular: manter no mesmo territorio inimigo, camuflados, os elementos terroristas suficientes para, esporádica e ocasionalmente, sementar o terror entre a poboación civil, facendo realidade o que algún dos xefes expresou nestes mesmos termos: “Utilizaremos a vosa democracia para destruír a vosa democracia” (sic). Ten a singularidade de ser autóctono, aproveitando as fisuras democráticas.
Creo que esa é unha frase clave para empezar a pensar que algo estamos facendo mal, e sobre todo un mal uso da democracia, que, en España, leva impreso o selo dunha certa demagoxia anarquista, como evidencian as desafortunadas palabras dalgúns líderes políticos e dalgúns cargos con responsabilidades en gobernos locais. Un paradoxo, porque tal vez sexamos o país onde o termo “democracia” sae a palestra máis veces, para avaliar o exercicio dela por quen o expresa, como manido recurso contra os fascismos dos “outros”: Unha saída tópica e dun infantilismo político teimosamente recorrente.

O caso é que da semántica orixinaria estamos afastándonos, por exceso ou por defecto: No primeiro caso, facendo da soberanía nacional algo teatral, e no segundo caso, desacreditando un bo sistema de goberno ao servizo de poderes bastardos, estraños aos intereses do pobo. Desta maneira, os sectarismos desintegradores contan con espazos apropiados para por en práctica os seus proxectos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES