Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A situación da poboación reclusa (Achegamento mínimo)

lunes, 16 de noviembre de 2015
Só uns puntos de reflexión, tipo telegrama, para achegármonos minimamente a esta realidade tan ampla e complexa que nos afecta persoalmente a todos e a cada un.

Galiza non ten transferidas as competencias Penitenciarias. A situación da poboación reclusa en termos xerais é a de España, salvo Cataluña e algunhas ao País Vasco, sobre todo en sanidade.

Os reclusos galegos, como o resto, están espallados por todo o Estado, incluídas as Canarias. Pero na Galiza temos cárceres e presos, que son nosos, e deben doernos. Os presos estranxeiros tamén son nosos e doen igualmente.

Os presos de hoxe hai pouco tempo estaban connosco na sociedade e na rúa. Conversaban connosco e pode ser que formasen parte incluso da nosa propia familia. Facían a nosa vida. Somos a sociedade quen crea os presos e tamén os cárceres. Todos podemos ir a prisión algún día.

Dixo Mercedes Gallizo: “A fotografía dun país pode facerse coñecendo as súas prisións. As prisións son un reflexo da sociedade na que vivimos; Vese se se trata dunha sociedade igual ou desigual, respectuosa ou non cos dereitos humáns, etc.” Por iso máis que falar da situación da poboación reclusa, ficando eu, ti ou nós da parte de fóra, coma se fosemos máis “puros e dignos” ca “eles”, é ben situármonos tomando parte nesa mesma realidade. Só así nos doerá. Imos facer xuntos esa viaxe.

1.- Represión e vinganza.. Coas sucesivas modificacións do Código Penal, a golpe de populismo e titulares fundamentalmente demagóxicos e electoralistas, España logrou o sistema penal más represivo de toda Europa occidental, cando temos unha das taxas de criminalidade máis baixas do mundo, incluídos os delitos violentos graves, para os que se imporá a cadea permanente revisábel, tras cumprir cando menos 25 anos de cárcere consecutivos. A revisión posíbel non está prevista antes dese período. En países como Alemaña a revisión da situación é obrigada xeralmente aos 15 anos de cumprimento efectivo.

A demagoxia do “que apodrezan no cárcere” ademais de inhumana e inmisericorde é inútil. Por recoller ósos humanos do cárcere para os cemiterios non se arranxou endexamais ningún problema existencial en ningunha sociedade. A vinganza sobre vencidos ou enfermos non é de lei. Haberá que coller outras vías de enfocar e solucionar os problemas, tanto preventivamente, como durante a prisión ou ao saíren. Non semella que o esteamos facendo ben.

2.- Nos países de todo o mundo os cárceres están cheos de pobres. En España e na Galiza tamén, Os procesos de exclusión e desigualdade non só son inxustos para quen os padece, senón que son perversos para a sociedade no seu conxunto. O sistema xera pobreza, desigualdade e miseria. E logo, a continuación, crea presidios, que tamén son un enorme negocio nas mans de non sempre sabemos moi ben de quen.Podes visualizar este enlace:https://youtu.be/8wArezH2V5M.

3.- A poboación reclusa constitúe un colectivo en risco de exclusión múltiple, xa que, ademais de estar privada de liberdade e das consecuencias que de esta privación se derivan, é frecuente que sobre ela recaian outro tipo de causas de exclusión como, por exemplo, a toxicomanía, a pertenza a grupos étnicos ou culturais minoritarios, a discapacidade ou unha escasa formación, etc.Por máis que a exclusión social poida proceder dunha única causa, existen colectivos cunha maior probabilidade de padecela porque se atopan inmersos en varias destas circunstancias á vez:A inclusión no mercado laboral é unha peza fundamental para evitala, xa que o desemprego pode conducir ao illamento e á pobreza. Cando esta situación se combina coa carencia da formación adecuada, iso dificulta a consecución dun traballo, e a saída da espiral que conduce á exclusión resulta máis complexa. Para a poboación reclusa, ademais da condena pola comisión dun acto delituosoé frecuente encontrar varios motivos que poden xerar exclusión, xeralmente vinculados ao delito cometido.

4. Hai presos que non queren saír. Analizando as actitudes e aptitudes mostradas cara a algunhas cuestións clave na situación das persoas que cumpren condena nos centros penitenciarios e de inserción social na Galiza e vendo tamén as posibilidades de inclusión posterior da poboación reclusa, constatouse nese estudo a interrelación entre esas actitudes e o nivel de estudios e a formación do individuo, así como coas pobres redes sociais coas que conta na súa propia consciencia dada a situación que está a vivir.

En Alacante está a pasar que varios reclusos da prisión de Fontcalent néganse a acollérense ao terceiro grao e abandonaren o encerro durante o día, pola falta de traballo e recursos para subsistir, segundo o xornal local. Sinxelamente, téñenlle medo á vida e prodúcese neles un fenómeno de regresiónIsto é grave. O sindicato penitenciarioAcaip alertou desta situación por estarse a xeneralizar polos cárceres españois.

5. A poboación reclusa estranxeira está en risco de exclusión múltiple. Os colectivos de estranxeiros que non están en prisión e os internos que non son estranxeiros con frecuencia son discriminados. Cando pertenceren a ambos, ser estranxeiro e preso, fai que o risco se multiplique. Se ademais, se trata de mulleres ou discapacitados, a probabilidade de ficar excluídos da sociedade é aínda moito meirande. E pode ser de por vida.

6. Ser muller e presa.Só por ser muller, coa mesma condena a penalidade multiplicase. Algo de estatística. A 18 xuño 2015 en España hai 51.891 homes e 4.432 mulleres en prisión. As mulleres representan o 7,9% da poboación total internada nos centros penitenciarios dependentes da Administración Xeneral do Estado. A maioría son españolas entre 40 e 60 años, segundo o informe de impacto de xénero dos Presupostos Generales del Estado (PGE) para 2016. Por situación procesual: 643 son preventivas, un 14,5%. E as penadas, 3.789, un 85,5%, Por idade: De 18 a 20 años: 42 mulleres. Dos 21 a 25: 419. De 26 aos 30: 655. De 31 a 40: 1.552. No grupo máis numeroso, dos 41 a 60, son 1.643. De 60 para riba hai 121. Son datos do Goberno .

Por que detallar aquí tanto estas cifras cando son tan poucas as mulleres en número? Precisamente por iso. Porque a muller, por ser muller, e por seren poucas en número, sofre máis pena e penalidades na cadea. Están todas mesturadas nun único módulo porque non dan o cota suficiente para abrir outros módulos. Deste xeito a convivencia faise moito máis difícil. Pode ser. e xa é, outro inferno máis. Hábitos de vida, formas educativas e de hixiene e intimidade, etc. Hai algunhas moi rotas pola vida e que chegan abusadas, violadas, violentadas, prostituídas, moi maltratadas, etc. O resentimento sole ser moi grande. Moitas delas foron obrigadas a delinquir e outras designadas a “ofrecérense” como culpábeis no canto doutros. Hainas inocentes pagando longas condenas.

Os homes poden seren clasificados entre 14 ou 15 módulos e se a convivencia se fai difícil ou perigosa nun sitio, hai posibilidades de cambios a outros módulos máis acordes co seu modo de ser e comportarse menos perigoso e máis seguro e con actividades coas que encher o tempo libre.

As mulleres, en xeral, teñen unha formación cultural e profesional máis precaria. Por tanto están moi desmotivadas para toda clase de autoestima e promoción. E tampouco se lles ofrecen oportunidades. Nin os mesmos voluntariados traballan tanto con elas.
As estranxeiras e as de grupos de marxinación aínda están peor. Os problemas psiquiátricos nelas son moito máis acentuados. E que xa non sexan abusadas por outros alí dentro.

É un colectivo moi invisibilizado. Ser muller e estar presa é un suplicio engadido. A sociedade temos de espertar diante deste drama mundial.

Xa podes berrar. Alí dentro ninguén te verá nin escoitará. Son pobres con pobreza esencial.
Non só iso: Como o hábitat non é o adecuado axiña se queiman os máis entregados en axudarlles. Non poden coa situación estrutural. Estes logo dirán con pena: “É que coas mulleres é imposíbel facer nada”. Terminan sendo elas as culpábeis. Por riba de burros de carga, malladas a paus.

A implantación dos módulos de respecto naceron como un intento de crear un ambiente máis distendido, que facilite a educación, xa que o seu obxectivo é fomentar a actividade dos presos, hixiene e os bos modais. Pero todo isto para elas é unha utopía que só chegará cando a delincuencia feminina se incremente en moitos miles. Triste esperanza.

“Rehabilitación, reinserción, resocialización”, palabras moi lindas na Constitución. Iso. Palabras.
Por que non se abren outros dous módulos nos que todo o mundo ve que hai unha solución? Diría Clinton: “Trátase da economía, imbécil”. Hai que liberar presuposto para novas dotacións de materiais e equipos de persoal.

Sr. Montoro e Sr. Ministro do Interior, unha preguntiña: Valería a pena escoitar o clamor destas pobres e empobrecidas mulleres? Xa sabemos que na conta de dividendos, non. Pero non haberá outros valores na sociedade, porque os cartos son do común. Aínda outra: Se unha filla de vostedes ou a nai tivese de ir para aí, como farían con elas? Só se ve ben desde o corazón, lle dixo o raposo ao Principiño. Conste que na sociedade actuamos coma o Sr. Montoro e o Sr. Díaz.

7. Cárceres ou xeriátricos? O envellecemento da poboación tamén chegou ao cárcere. Nos últimos trece anos, nos penais españois tamén houbo un aumento de vertixe na idade media da poboación reclusa. Só no século XXI, os centros penitenciarios do noso país pasaron de 584 reos con más de 60 años a 2.071. Son datos dun estudio da Agrupación dos Corpos da Administración de Institucións Penitenciarias (Acaip), o sindicato maioritario entre os funcionarios de Prisións. Que está a pasar para que de vellos se dean estas problemáticas?

8. A sanidade penitenciaria en España é punteira. Pero, na opinión de seus profesionais sanitarios ten unha grande eiva: pertence ao Ministerio do Interior. Os médicos dos cárceres defenden que a integración normal na rede autonómica melloraría a atención aos pacientes. “Xa só o feito de podermos utilizar unha historia clínica única supón un salto cualitativo extraordinario para o paciente e para o profesional”, “Podermos acceder inmediatamente a todo o historial médico dunha persoa que acaba de ingresar na prisión, ademais de facilitarnos o traballo, supón que non haxa unha ruptura nos seus coidados médicos, nin cando entra nin cando sae do cárcere. Pois cando o interno recupera a liberdade e vai ao seu médico ou Centro de Saúde, tampouco este pode acceder á historia que fomos elaborado nós”. Iso tamén evitaría abusos ou desatencións, pois sempre ficarían reflectidas, polo menos minimamente, moitas incidencias.

Formar parte do sistema sanitario tamén beneficiaría “enormemente” as condiciones laborais dos profesionais sanitarios. Terían a posibilidade de trasladárense a outros centros de AP, aumentaría a calidade no traballo e a mellora na remuneración, ao teren a posibilidade, coma todos, de acceder á carreira profesional que nunca tiveron e que o consideran “un verdadeiro agravio comparativo”. Por outra parte o cárcere “queima” moito. Non son postos para estar aí toda a vida sen cambios.

9. O 80 % dos reclusos son enfermos. Moitos son mentais. Problemas de drogas, VIH, ou outras patoloxías serias e de difícil curación.
É o cárcere o lugar adecuado? Por que hai tanto reincidente? Moitos deles naceron e desenvolveron a vida en medios desestruturados e desestruturantes onde para viviren tiñan que delinquir xa desde nenos. Sen escolas e mala sanidade. Con mala alimentación. Algúns xa naceron e pasaron os tres primeiros anos no cárcere. Logo pasaron á adopción. Volver ao cárcere será como volver á casa primixenia? Mágoa, non si? Concepción Arenal berrou forte contra destas inxustizas. Por iso a cesaron e perseguiron. E tamén a Xoana de Vega, a súa amiga e colaboradora. E hoxe?

10. Detrás de cada preso hai familias enteiras. Só con estar calquera día ás catro da tarde nas portas da entrada dun Centro Penitenciario, incluso sen falar con ninguén, xa abonda para contemplar e decatarse dos diversos sufrimentos que hai detrás. A vestimenta xa revela a inmensa pobreza e as moitas carencias e problemas nos maiores e nos nenos, nos rapaces e nos anciáns, sobre todo nas mulleres. E hai outras impresións que non quero citar aquí. As caras reflicten grandes doses de dor e bágoas. E cando se lles vai visitar ás casas, daquela si, compréndense os dramas dos que xa non van saír da miseria por máis que saian do cárcere. Séntense todos atrapados polo infortunio de por vida.

11. Falamos das vítimas e discurseamos coa súa defensa. Estas son outras invisibilizadas. Viches algunha vez algunha vítima? Tes trato con ela? Visitáchela? A vítima non quere selo, nin ir de vítima, nin ser vista. Ninguén ten esa vocación. Pero o sufrimento e os medos son indelébeis. Agora púxose de moda levantar esa bandeira nas proclamas de certos políticos e certos “benefactores”.. Non teoricemos. Porque as vítimas seguen aí cheas de medo e sen seren reparadas case por ninguén. Necesitan achegamento silencioso, profesionalizado e moita compaña sincera e sandadora. Pero non todo vale. Isto requiriría un artigo amplo e ben documentado. É urxente tomar conciencia e prepararse en serio para un verdadeiro counseling ou relación de axuda de calidade. Porque tamén se pode facer dano se non se actúa axeitadamente.

Concluíndo por hoxe. Dixo Pío XII despois da 2ª Guerra mundial: ´”Temos un mundo que hai que refacer desde os seus alicerces. De salvaxe facelo humano”. E aí estamos todos e cada un. Un novo xeito de pensar e actuar.

Vai vir o Nadal. Unha simple tarxeta ou unha carta de salutación pode levar moito contento a quen nunca recibe nada.

E de seguro que ti tamén estarías mais alegre. Anímate. Non está prohibido.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES