Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A memoria dos castiñeiros

viernes, 13 de noviembre de 2015
O vello castiñeiro mira atrás. A súa memoria é longa: máis de corenta millóns de anos. Vén dando sombra, castañas e follas moitísimos máis dos que o home leva na terra. Agora que está a espirse de follas e que agasallou as castañas está a cavilar que apenas queda un 5% dos castiñeiros que había en Galicia no século XIX.
Ninguén llo dixo pero sospeita que é unhas das árbores máis lonxevas. Aquí cerca, en Manzaneda, aínda vive un vello de mil anos. Si, contra eles pouco pode o tempo, nin a choiva, nin o vento, nin as treboadas.
O que si pode con eles é a cobiza dos madeireiros que arrasan os soutos. O que non derrota o tempo faino o lume asasino. E láiase da impunidade suicida que baleira e empobrece a terra, mentres medra imparable o monocultivo do eucalipto.
Oíu falar e moito de enfermidades terribles que acaban cos máis fortes. A tinta, unha especie de fungo, arrasou moitos soutos. Nas palabras que lle trae o vento escoitou que o cancro producíu unha catástrofe ecolóxica matando máis de corenta millóns de exemplares só en EE.UU. A globalización tamén existe para fungos e enfermidades. Pero mentres que os humanos teñen bos valedores nas súas pandemias, as árbores non. A quen lle doe a desaparición de tantos irmáns?
Recorda o tempo en que os castañeiros non se cortaban: eran a despensa do futuro. A castaña era un produto básico da alimentación humana e animal. Pero agora o rural está como está. A xente desaparece e con ela vaise a cultura da terra, os cultivos, os animais, as plantas. E as árbores.
Patacas e cereais empurraron aos castiñeiros cara ao interior de Galicia. Alí resisten os últimos exemplares enfrontados ao abandono, ao esquecemento, ás enfermidades e ao lume. Se ninguén llo impide acabarán levando por diante o corpo e a alma dos que son testemuña da historia da terra. Seguirán así o camiño a ningures que emprenderon antes os umeiros, e que están a transitar agora mesmo os amieiros.
O valor económico dos froitos e da madeira é ben grande. A madeira dos castiñeiros é eterna, dicían os vellos. Tamén a castaña ten valores engadidos. Pero o principal valor é o ecolóxico. As follas do castiñeiro fan solo, ao redor medran moitas especies vexetais e as castañas alimentan fauna grande e miúda.
- Vede a nosa sombra: é amable e fresca. E as paisaxes que xeran os soutos onde vivimos son patrimonio natural de Galicia. Xa, xa sei que os homes medides todo polos cartos, pero… canto custa unha paisaxe?
Recorda o vello castiro que a súa raza de árbores leva corenta millóns de anos viaxando no planeta. Oxalá a súa viaxe fora eterna e non rematara nunca!
O vento para, a árbore cala. Os recordos do escaso 5% dos sobreviventes apenas chegan máis aló do silencio polo abandono e a desfeita do medio rural. Ou do terror abrasador do lume. Ou das enfermidades que minan por dentro a estes xigantes.
A memoria do vello castiñeiro, chea de tanto pasado, mira agora o futuro.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES