Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A marea

martes, 03 de noviembre de 2015
Ó ritmo da marea -vai e ven, ven e vai- leo que as distintas formacións políticas andan a tecer traxes a medida para poder vestir con roupa de domingo o próximo día 20 de decembro.

Digo con relativo éxito porque tamén leo que algunhas siglas que nos comicios anteriores colleitaron victorias relativas -poño por caso a Compromiso por Galicia- nalgunhas alcaldías significativas ou relativamente simbólicas pola súa centralidade xeográfica ou antecedentes na alcaldía, acaban de ver cómo os seu intento de subirse ó carro electoral amarrándose a un feble estadullo fendeu porque fracasou o proxecto colectivo -ou, mellor dito, proto-parroquial- de presentar unha candidatura nacionalista única á que se ve que non lle dá chegado a concentración parcelaria necesaria para salvar dunha vez por todas a irrelevancia social na que levan décadas instalados.

Neste contexto, pero dende outra perspectiva, leo tamén que xa existen algunha quinielas alicerzadas en enquisas provinciais sobre as posibiidades que unhas formacións e outras teñen nunha fórmula con moi poucas variables como é a que permite colocar senadores ou parlamentarios nas dúas sedes capitalinas.

Leo, pois, no xornal de onte que tales enquisas andan a debullar cifras que se veñen repetindo case dende tempo inmemorial no caso do Congreso dos Deputados. É dicir, 3 deputados para o Partido Popular -por certo, aínda descoñecidos- e 1 para o PSOE, deixando para outras provincias se cadra máis dinámicas ou ausentes de medo por experimentar, a exploración de novas propostas que a min non me parecen mal porque o dinamismo é algo que fai que unha sociedade viva e camiñe cara o futuro e non se estanque na inanición na que demasiado tempo levamos nós estancados e a piques de nos afogar.

Leo isto e aínda que a nosa provincia non é, nin moito menos, exemplo de nada no sentido tradicional da marea -se cadra, porque non temos mar e si abondosos encoros coa súa auga en calma total-, si que me ratifica unha idea que me ronda na cabeza dende hai meses cando vexo o percorrido mediático cara a costa dunha formación coma a de Ciudadanos, que dende onte mesmo supera en previsión electoral ó mesmísimo PSOE a nivel nacional.

Hai tempo que a min me resulta, cando menos "chocante" que unha formación á que tan só se lle coñecen non máis de media ducia de líderes catódicos -é dicir, que saen na televisión- en todo o Estado poida contar con tal previsión electoral que mesmo ameace o presunto liderazgo do Partido Popular.

Por iso me pregunto con frecuencia: Solucionará algo deixarse levar pola marea electoral e poñer o noso futuro nas mans dunha absoluta incógnita con moita telexenia na cabeza pero sen a máis mínima rede por aquí e por acolá a mes e pico da cita electoral?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES