Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Defuntiños e santos. Ben xuntiños

domingo, 01 de noviembre de 2015
Hoxe comezamos o mes de santos, tal e como os galegos chamamos tamén o mes de novembro. A razón é ben clara: este mes empeza sempre coa festividade de tódolos “santos”. Son, pois, estes santos que hoxe celebramos os que lle dan nome ó mes no que, ademais, mañá faremos tamén memoria de tódolos defuntos. Así pois, hoxe e mañá santos e defuntiños andan entre si en boa compaña. Non me parece nada mal que iso sexa así. Porque, por un lado, ós primeiros declarámolos santos só despois de morrer e, por outro, debemos confiar e esperar tamén que tódolos defuntos sexan aceptados polo Deus Pai de todos como queridos fillos e como participantes na mesa do seu reino.

Hoxe, que ademais é domingo, lembramos, polo tanto, os nosos santos, os “normais”, os de andar por casa máis cós oficialmente xa canonizados ou solemnemente considerados como tales. E mañá, luns, lembraremos os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra galega tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa. Moitas lendas, moitos imaxinarios da nosa Galicia tradicional teñen que ver con isto. Aí está, por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: velas e cabazas, que recordan as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están tradicionalmente moi relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos, como ben saben os antropólogos.

Por iso coido que está ben que anden xuntos no noso imaxinario santos e defuntos. Porque en realidade os santos, tal como dicía, só chegan a selo de maneira definitiva coa súa morte, cando teñan pasado a ponte que xunta e separa as cousas do aquén e as do alén. De modo que os santos están unidos ó feito mesmo de teren cumprido entre nós a súa función benfeitora e santificadora en relación coas demais persoas e coa realidade toda.

As dúas festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos teñen, polo tanto, moito que ver entre si. Todos temos, ademais, dereito a esperar que o amor que Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús afecte universalmente a todos. Quero dicir, temos dereito a esperar que a salvación nos abranga a todos.

Baseándonos sobre todo na bondade e misericordia deste noso Deus paternal e maternal.
Deus quere salvarnos a todos. Os teólogos fálannos da vontade salvífica universal divina. E Deus é suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación e o seu amor a todos non rematen en definitiva nun fracaso.

Por estas e outras razóns, a Igrexa celebra hoxe nunha festividade conxunta e especial, a “tódolos santos”, a todas aquelas persoas que en moi diversos tempos, lugares ou culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que puidesen ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa existencia. Persoas que foron tamén pecadoras, mais que recoñeceron ante si mesmos, ante os demais e ante Deus que o foron e por iso lle pediron perdón. Porque Deus tamén nos salva a través dos nosos pecados e dos nosos fallos. E se nos salva dese modo, tamén temos dereito a esperar que nalgún día esteamos tamén nós entre aqueles que sexan lembrados e celebrados por outros, trala nosa vida, nas festividades de “Tódolos Santos” que se celebren despois de deixarmos nós este mundo.

De xeito significativo, Xoán fálanos hoxe no Apocalipse dunha “multitude inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas, pobos e linguas”. Algo que semella corresponderse con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta claramente en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade toda está reconciliada e “santificada”. Deus non veu salvar en Xesús a algúns, senón a todos. Por iso temos dereito, tal como dicía, a confiar e a esperar.

A nosa fe nesta “inmensa multitude” de “santos”, de xente “boa”, de “corazón limpo”, “pobres, “amadores da paz”, etc., cos que grazas a Deus nos atopamos con frecuencia na vida, baséase fundamentalmente na grandeza, magnanimidade e bondade do Deus Pai-Nai de todos. Por iso, Xoán non dubida en dicirnos na segunda Lectura de hoxe cousas coma estas: “Mirade que amor nos tivo o Pai, para nos poder chamar fillos de Deus e selo de verdade”. E dísenos aínda: “Agora somos fillos de Deus e aínda non se manifestou o que seremos. Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes a El, porque o veremos tal como é”. Deus amósase así meirande ca canto sobre el podemos maxinar. En realidade, hai algún pai ou nai que, se puidese, non faría a seus fillos os máis grandes, os máis felices, os máis ditosos, os máis excelentes?

En calquera caso, Deus quere e busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de entrada nos poden parecer contrarios a esa mesma felicidade. Porque para Xesús a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades, que se nos anuncian hoxe no evanxeo e que non son senón un fiel retrato do que foi a vida mesma de Xesús. Dinos, pois, el que serán benaventurados, é dicir, felices, os que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en unión cos que están aflixidos, os que non se comportan de maneira violenta por moito que a violencia os tente, os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e pola paz, aínda que por iso sexan denunciados e perseguidos polos poderosos, os que teñen coma Xesús corazón misericordioso e non condenador ou vingativo. É dicir, os que teñen un corazón sinxelo e limpo coma esas augas que flúen, transparentes e cantareiras, dunha fonte que nace no alto dunha montaña.

Todos estes acadarán felicidade no interior de si mesmos e serán capaces de espallala ó seu arredor.

Hoxe é un bo día para pregarlle a Deus, Pai de todos, que nos encha do espírito das benaventuranzas e que a lembranza viva de tódolos santos e defuntos, de maneira especial dos nosos familiares e coñecidos, sirva para que todos poidamos participar, eles e nós, da súa graza e da súa gloria.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES