Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rompendo fronteiras

lunes, 02 de noviembre de 2015
É un tópico recordar aquí que a nosa visión no nos permite ver, polo menos nitidamente, o que temos moi cerca dos ollos, nin tampouco o que está situado moi lonxe. Se cambiamos os nosos ollos fisiolóxicos polos intelectuais, cadaquén coas súas miopías, é un tópico afirmar que aquilo que estamos vivindo no presente temos dificultade para xulgalo con obxectividade, e o que temos lonxe no tempo esixe un traballo de investigación e sempre teremos que velo ao través dunha necesaria mediación.

Wendy Brown, profesora de Ciencias Políticas na Universidade de California, en Berkeley, publica un traballo traducido ao español, en E. Herder, Barcelona, 2.015, co título de ESTADOS AMURALLADOS, SOBERANÍA EN DECLIVE, que vale a pena de lelo, na miña modesta opinión, porque nos ofrece un presente das fronteiras amuralladas que, con paradoxo, consagran aquilo que pretenden evitar, e entóxame un espello no que podemos ver reflectidos algúns eventos do noso entorno, que se esvaecen no mesmo presente coma se foran folerpas virtuais.

E non se compliquen a vida, porque isto non pode entrañar ningunha dificultade de comprensión para os / as lucenses, co admirable exemplo da Deputación Provincial, á que se lle pode aplicar este parágrafo da autora, quen, referíndose aos muros que marcan límites fronteirizos, di: “Mais ben consagran a mesma corrupción fronteiriza que quixeran impedir e representan, de forma teatral, unha soberanía que entrou en crise irreversible”. Vale?!.

Como estamos experimentando o incómodo que é vivir revoltos entre nosoutros mesmos, queremos evitar o inevitable, as filtracións que consideramos espurias, e construímos barreiras que non van encamiñadas directamente a defensa de posibles ataques de países inimigos, senón máis ben para impedir a entrada de fluxos inmigratorios, contrabando, terroristas, etc. Pero isto xera, a vez, unha serie de tensións pola necesidade de incorporarse a un certo nivel de globalización, o que comporta esforzos de equilibrio entre a apertura e o cercado.

O paradoxo está en que, por un lado, aplaudíase o “derrubamento dos vellos bastións da Europa da Guerra Fría e do apartheid de Sudáfrica” e, polo outro, EE.UU. mantén o colosal muro da súa fronteira con México e Israel constrúe o serpeante muro que atravesa Cisxordania. Pero isto vale só coma exemplo, porque hai muros en moitos outros países, como os postes de formigón de Arabia Saudí, na fronteira con Iemen, os aramados indios, ...

E mesmo non esquezamos os tres valados que rodean os enclaves españois en Marrocos, e quen sabe ata onde a contumaz estupidez deixará que nos bordeen outros aramados.

Reparemos, pois, nas razóns que nos da a autora neste parágrafo que non ten desperdicio. Di: “De modo que os muros xeran o que Heidegger denominou unha “imaxe tranquilizadora do mundo” nunha época na que FALTAN cada vez máis os HORIZONTES, a CONTENCIÓN e a SEGURIDADE que os humanos esixiron historicamente para a súa integración social e psíquica e para a súa pertenza política”. (Miñas as maiúsculas). Mais nosoutros encargámonos de quebrar a historia!.

En todo caso, este frenesí actual na construción de muros que nin tan sequera serven para defender o país contra posibles ataques bélicos, permítenos interpretalo como resposta a un sentimento de debilidade, aínda que sexa relativa, tal e como o describe W. Brown, “máis que expresión renovada da soberanía do Estado, os novos muros son a icona da súa erosión”.
Pero todo este empeño non enerva o máis mínimo a construción dun complexo labirinto de muros internos e desmedidos controis (checkpoint), que tensan os sentimentos ata estremos que descontextualizan as condutas das persoas no século XXI, facendo que a razón se poña ao servizo dos instintos máis tribais (como xa dixemos noutra colaboración). Non en balde o rei Filipe VI pediu, na súa excelente disertación co gallo da entrega dos Premios Princesa de Asturias, que non se construíran muros cos sentimentos.

Tal vez deberíamos aquí traer a esta modesta reflexión o feito de que non é o mesmo romper BARREIRAS que romper FRONTEIRAS. E nada mellor para isto que valerse dos conceptos dun famoso arquitecto israelí, que ten a habilidade de aplicar unha metodoloxía propia da Arquitectura ao estudo das problemáticas sociais e políticas. Estou a referirme a Eyal Weizman, que publicou, entre outras obras, e numerosos artigos, dúas interesantes: “Hollow Land” (que eu traduciría ao español por “Terreno cavernoso”) e “Una ocupación civil”.

Cando este arquitecto distingue entre “barreiras” e “fronteiras” refírese ao muro israelí, e
tamén ao que separa Estados Unidos e México. Pero o interesante para nosoutros aquí é quedarnos coa idea de que as barreiras non separan o interior do exterior estranxeiro, “senón estruturas continxentes para impedir movementos ao través do territorio”. E eu engadiría, tamén algo que di Weizman: “Coa rápida proliferación de ´barreras de profundidade`, o aspecto do territorio foi parecéndose cada vez máis aos mapas que recordan a liña da costa de Escandinavia, onde os fiordes, as illas e os lagos debuxan unha inconclusa separación entre o mar e a terra”. Todo se aproveita!.

Esta clase de barreiras, traducidas con Weizman do arquitectónico ao social e político, fóronas consentindo o PSOE e o PP, en España, e agora hai que romper, en vez de barreiras, fronteiras, non menos sinuosas no noso caso, y moito máis consistentes, porque, ao traveso das distintas lexislaturas, non foron capaces de facer bo uso da PRUDENCIA, nin de aplicar a PROPORCIONALIDADE ao lento proceso de mentalización nacionalista, e sabe Deus canta corrupción tiveron que ignorar, para chega a confundir a FIRMEZA coa teimosía.

Pero non nos alarmemos, porque España é un Estado de Dereito e conta co sobado art. 155 da Constitución, e, coma sempre, mentres se aplica vaise desenrolando, que ao SOSEGO PRUDENCIAL non hai que poñerlle barreiras: Non faltaría máis...!.

Pero ollos á boia, señores...!, porque a prudencia non ten que impedir chegar a tempo, a proporcionalidade non pode aplicarse á descarada vontade de delinquir, xa que, si isto falla, a firmeza carece de contido e devén teimosía.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES