Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

martes, 03 de noviembre de 2015
Quere arder Troia, pero non arde. Axiña aparece alguén para apagar o lume. Ás veces nin tan sequera deixan ver o fume. Non vai ser que cegue a algúns. Quere arder Troia, pero non arde. Non a deixan arder. Calquera a deixa! Quere arder Troia, pero non arde. Non obstante, chove sobre mollado. E iso sabémolo todos. Emporiso, xa secará. Se non é nun día é nunha semana ou en dous meses. Xa veredes como seca. Sempre escampa, home, sempre escampa.

Mira que che dixen: non metas a man no lume!, non metas a man no lume! E metíchela! Agora teño que apagar eu os teus fogos, as túas sedes. Menos mal que teño unha mangueira ben longa, que todo o abarca, que todo o apaga. Quere arder Troia. Chove sobre mollado. Logo da treboada chega a calma. O río volverá á súa canle. Os pensamentos impuros bórranse cun perdón. Os danos colaterais xustifícanse cunha mexericada. Sempre hai unha puntada para un descosido. Un favor para unha falcatruada. Unha realidade que non queremos ver. Que non queren que vexamos. Para que están os bombeiros: apagade ese lume, oh, a ver se se vai queimar alguén. Quere arder Troia, pero non arde. Que vai arder!

FACER BOA MASA

Igor Afiado Sibarita e Leandro Povo Pedralba facían boa masa os dous, eran como unlla e carne desde que se atoparan, hai xa anos, nunha carreira pedestre polas montañas daquel concello que tiña moitas montañas. Igor Afiado corría porque lle gustaba correr, e Leandro Povo corría porque non lle gustaba quedarse quieto. Os dous facían boa masa ata nos alcumes. A Igor chamábanlle O Calmado… porque lle gustaba correr sempre. A Leandro chamáballe O Nugallas… porque nunca se aburría, e de aí que nunca quixera quedarse quieto.

O Calmado era de Cachamuíña e O Nugallas de Chaodarcas. A pesar de ser case veciños (case), non se coñecían. Fóronse coñecer naquelas montañas daquel concello montañoso. A partir daquel día facían boa masa. Se un se queixaba, o outro non podía ser menos e tamén se laiaba aínda que só fose por unha mexericada. Se un se ría a gargalladas, o outro facíao a cachón. Desde aquel día da carreira pedestre víanse practicamente todos os días. Falaban. Bebían. Choutaban. Eran novos. Aínda son novos. E como mozos que son fan boa masa, conxenian ben os dous.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES