Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O meu fillo Enrique (de Pambre)

jueves, 29 de octubre de 2015
Permítaseme a lembranza garimosa de Enrique Guitar Costa (Enrique de Pambre), que hai uns días nos deixou, mozo infatigable malia os seus noventa e cinco anos.

O meu fillo Enrique (de Pambre)Tiña unha especial sensibilidade para facer e conservar amigos. Coñecino no momento en que se creou o Teleclub de Pambre, hai máis de corenta anos, cando o fervoroso Enrique se fixo responsable do centro, como se encargou moitos anos despois de transformalo na Asociación de Veciños de Pambre.

Fun seguindo canto Enrique soñaba e traballaba… como foi aquel traballo colectivo do camiño pola veira do río para poder chegar a Pambre e ao Castelo. E a construcción do local do Teleclub, e as misas que no teleclub se celebraban porque non había igrexa parroquial a disposición dos feligreses, e a defensa que Enrique sempre facía do carácter público da igrexa románica do interior do circundo do Castelo e anterior a este monumento.

Enrique era un loitador nato, que levaba Pambre no corazón, que lle doía o abandono do Castelo, que chegaba sempre con Pambre nos beizos, apoiándose nos seus amigos –cos que era extremadamente xeneroso sempre- para facer oir máis alta a súa voz, porque era un namorado da súa terra, defensor das súas xentes: Era a persoa que toda parroquia necesita para vivir progresando.

Cunha vitalidade desbordante, viña a Lugo, pero ao non querer conducir pola cidade, ía no seu coche desde Pambre ata Melide, alí collía o coche de liña e chegaba a verme como se fosemos da familia. Certamente, Enrique de Pambre era da miña familia, como a min me fixo sentir parte da súa; amigo sen límites.

Cando en maio o felicitei polo seu cumpreanos número 95, prometinlle: Enrique, dentro de cinco anos imos facer unha festa rachada… botouse a rir, e respostoume: Quen sabe quen chegará aló!… e eu asegureille que se estaba como unha rosa aos noventa e cinco anos, cinco máis non serían problema. Pero non puido ser. E o común amigo Penoucos -para Enrique, coma un irmán- deume a incrible noticia do seu pasamento.

A pesar de que me superaba en idade, sempre me dicía: Ti eres un pai para min; ti eres “mi padre”. E na miña casa, medio en serio, medio en broma, a miña muller e os meus dous fillos xa están afeitos a escoitarme falar do meu terceiro fillo, Enrique de Pambre.

Despedimos a quen para min -e para moitísima xente- era moito máis ca un amigo. Descanse en paz este patriarca que pasou pola vida repartindo amizade, defendendo a súa terra e as súas xentes, sempre sorrinte, sempre coa man aberta, sementando paz.

(Este texto pretendín leelo na igrexa de Cabana, no seu funeral, pero non puido ser).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES