O marisco de Galicia, marca rexistrada
viernes, 21 de julio de 2006
Hai que recoñecer que Galicia ten mellor imaxe fóra ca dentro do noso territorio. Eso que algúns chaman autoodio funciona á perfección dentro de nós e estamos dispostos a aceptar o de fóra como mellor ca o noso, sexa no terreo que sexa.
En cambio, fóra, Galicia ten unha sona inmellorable. Pola paisaxe, pola gastronomía, pola frescura dos veráns, polo agarimo da xente
Galicia é como un destino lonxano, especialmente para os centroespañois, a fin do Gran Camiño e do mundo antigo, onde teñen a súa casa a tranquilidade, a ledicia e o placer.
E se a gastronomía é un dos nosos grandes poderes, o marisco dentro desta rama do saber e do disfrutar é o Rei absoluto, e así é proclamado en toda xuntanza, concentración ou cenáculo, onde o único pero que se lle pon ó marisco galego é o seu precio.
Diante deso temos que da-la benvida a unha idea da Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, en relación co marisco xa que o seu departamento está traballando na creación dunha marca de calidade para distinguir os productos galegos derivados do marisqueo e da pesca artesanal.
Unha marca así, levada con rigor, pode ser un empuxe definitivo a un producto que se vende só, que ten prestixio gañado a pulso, e que está presente nos mellores establecementos e nas mellores mesas.
Porque no do marisco, como en calquera outro eido da actividade, hai calidades de primeira e de segunda, hai productos xenuinamente galegos e outros non tanto, hai moitas veces gato por lebre.
O marisco con marca rexistrada de Galicia terá que ser, efectivamente, galego, ter sido capturado nas vintecatro horas anteriores á súa posta á venda, e ter os niveis de calidade que se determinen para manter e potenciar a súa consideración e a súa estima.
Agardemos pola norma e polos seus beneficiosos efectos. Se xa Galicia na actualidade está na boca de todos cando de gastronomía se trata; se xa o marisco é un excelente producto para comerciar con todo o mundo civilizado, con esta disposición que marque ós nosos mellores productos, rozaremos a perfección, á que sen dúbida debemos aspirar.
Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora