Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esconxuros cósmicos

jueves, 15 de octubre de 2015
Manuel Francisco Reina é un dos máis destacados poetas peninsulares das últimas décadas, aínda que a súa connatural polifacecia teno popularizado mercé a outras súas querenzas, poño por caso o ensaio documental, eido Esconxuros cósmicosno que asinou a moi aplaudida Los amores oscuros, a propósito do derradeiro amor de Federico García Lorca, ou o seu lúcido labor como crítico e articulista no ABCD las Artes y las Letras do ABC, o Babelia de El País ou as páxinas culturais de La Vanguardia, por citar só algúns medios nos que a súa sinatura é habitual.

E, secasí, Reina é, sobre todo e antes nada, poeta. A súa irrenunciable condición para ver o mundo na revelación do verso regalounos epifanías como Razón del incendiario, Naufragio hacia la dicha, Del insumiso amor, Consumación de estío, Las islas cómplices, El amargo ejercicio, La lengua de los ángeles, Las liturgias del caos, La vocación del zángano ou Los Secretos felinos, obras que confirman unha extraordinaria andaina que abeira xa as dúas décadas.

O último poemario de Reina, La paternidad de Darth Vader, é a confirmación do vieiro ascendente polo que a súa escrita camiña dende hai tempo. Pulcramente editado polas madrileñas Ediciones La Palma, este libro é todo el un sotelado esconxuro, revisitación dunha infancia secuestrada pola loucura violenta dun pai decidido a negar a felicidade do fillo e facelo, ademais, exercendo a violencia máis irracional.

Polos poemas de Reina van e veñen os silencios estraños, a incomunicación palpitante, unha soidade espacial, que some a un nun buraco negro insondable. Imposible a anagnórise reconciliadora cando o odio e o rancor esmagan calquera luz, cando o país da infancia é unha terra vastata, territorio da desolación onde a culpa ferve e o reverso tenebroso axexa en cada relanzo.

O acaído xogo coa saga galáctica de Star Wars resulta aquí un código ben revelador: a sombra Esconxuros cósmicosominosa de Darth Vader -ese pai antimateria, destrución encarnada-, a irmá Leia -que (com)padece a espiral virulenta-, a secuestrada princesa Amidala -a nai compasiva, sufrida, melancólica e entristecida- e, xaora, a voz poética, o fillo Zeus que se revela contra o devorador tirano Cronos para autoproclamarse Luzbel Skywalker.

La paternidad de Darth Vader é unha viaxe ao corazón das tebras, aos limos edípicos, un cauterio necesario, tamén unha “cosmoagonía” que se entoa como unha ladaíña que clausura un tempo e enterra, en paz, un pasado que fere ata o abismo das entrañas, un esconxuro cósmico que se conduce como un rito de devecida purificación versal.

Paga a pena aprehender a luz maina que habita a palabra de Reina, aveciñada na de Félix Grande, Francisco Brines, Luis Rosales, Claudio Rodríguez, irmáns maiores. Velaí unha aria, na voz nosa, coido que a primeira que na milenaria lingua dos trobadores é:

A inocencia asediada

Entre as patrias do silencio e a verba
hai istmos intermedios en penumbra.
Hai limbos e interregnos sen custodia
nin anxos gardiáns nin Deus omnipotente
nin leis nin dereitos nin xustiza
que velen pola pel da inocencia.
Por iso entre a voz e a censura
existen mil idiomas borboriñados,
ollos clamando auxilio sen pedilo,
alegacións xordas en acenos mínimos.
Deserto no que o neno se fai home
ferido por un lume de intemperie
que é estar exposto á tolemia,
tentadores ventos dos diaños.
Imposible calar, mais o ouveo
é só un exorcismo; os retrincos
dunha linguaxe impronunciable; os golpes
do recordo da infancia asediada.
Entre as patrias do silencio e a verba
hai espazos ermos, témeros,
como filme mudo que cobra vida
con cada liña relida e viva
resurrecta dor infante no corpo adulto.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES