Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Encontros Symbios: Un proxecto oportuno e con futuro

martes, 13 de octubre de 2015
É gratificante comprobar que desde a administración autonómica se busca información fiábel que permita afrontar os desafíos do cambio demográfico e as súas consecuencias no medio rural. Estamos tan acostumados a que a información flúa de arriba a baixo que, cando se utiliza a estratexia diferente -que flúa de abaixo-arriba-, un sorpréndese.

Ese grande reto é o que a Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar está impulsando co Proxecto Symbios do Eixo 4.80 do Fondo Social Europeo. Este proxecto transnacional ten como obxectivo o intercambio e a aprendizaxe das persoas directamente implicadas, algo que permita buscar solucións ao lacerante abandono do rural, principalmente nos concellos do interior de Galicia.

Trátase de encontrar padróns de éxito, pautas ou estratexias, que permitan solucións creativas e innovadoras, en base ás competencias e os recursos endóxenos de cada comarca, para aproveitar ese cambio tan profundo nunha oportunidade de ben estar e de inclusión social.

Para abordar a inclusión territorial desde a planificación pública, é necesario contar coa experiencia e contraste das administracións e axentes locais, dado que son quen operan directamente sobre o terreo. Polo tanto, poden achegar a súa experiencia para garantir que as recomendacións sexan factíbeis e adaptadas ao territorio. Coa súa participación activa, será máis doado alcanzar os obxectivos perseguidos.

O proxecto Symbios explora a correlación que se dá entre o cambio demográfico e a exclusión social e territorial. A través del, trátase de encontrar as claves que permitan saír dese círculo vicioso da pobreza, da exclusión e do éxodo rural.
Téntase identificar iniciativas que marquen a dirección da inclusión social, a creación de emprego, os servizos sociais dignos e sustentábeis, que favorezan unhas expectativas de futuro parellas ás realidades percibidas.

Neses encontros trátanse os seguintes apartados, de vital importancia:

1. Incorporar a dimensión territorial nas políticas de inclusión. Abordar o problema de raíz, o que de verdade determina a exclusión. Determinar a correlación que se dá entre a exclusión territorial a exclusión social e buscar solucións sobre o propio escenario. É sabido que a exclusión territorial actúa como acelerador do proceso de expulsión dos residentes das zonas demograficamente vulnerábeis.

2. Garantir a gobernanza participativa na planificación, na execución e na avaliación dos programas. Precísase dunha transversalidade dos diferentes departamentos da administración, xunto cunha participación activa dos afectados. Cando sexan escoitados e se teñan en conta os seus contributos, o seu grao de implicación e compromiso vai a ser maior e o proceso de implimentación dos diferentes programas vai ser máis fácil e rápido.

3. Impulsar a innovación desde a identidade. A identidade e a autoestima son factores clave na busca do equilibrio territorial. Por exemplo: as chancas que con tanto mimo facían os nosos avós, as cestas e cestos e tantos outros utensilios poden servir de base para sacar ao mercado novos produtos. Coa promoción da innovación nos territorios e a través do intercambio dos diferentes actores, nos lugares de encontro, conseguiremos tecer as redes de comercialización dos seus produtos, facelos visíbeis e dalos a coñecer.

4. Prestar unha atención específica á dimensión técnica profesional. Tratase de implementar plans que se poidan levar a cabo, contar cos medios técnicos e económicos, e cun seguimento por se é necesario realizar axustes.

5. Reformular a forma de prestación dos servizos para garantir a accesibilidade. A dispersión da poboación, combinada co despoboamento, contribúen de forma drástica á desvertebración do territorio. É necesario ir á prestación de servizos que se apoien na flexibilidade, funcionalidade e a polivalencia.

6. Procurar que o valor económico derivado da acción pública redunde no contorno.

7. Adaptar as políticas públicas á diversificación de medios de vida existentes no rural. É fundamental partir desta realidade e dar un soporte adecuado a esta diversificación con medidas fiscais, económicas e ecolóxicas, minimizando as externalidades negativas e potenciando as positivas.

8. Aproveitar os innumerábeis recursos rurais para o desenvolvemento e a inclusión. Descubrir os recursos ocultos, os infravalorados e os latentes.

No medio rural dáse o escenario ideal para fomentar a cultura do emprendemento. Coidar, querer e mimar o rural, máis que un deber, é unha obriga que temos contraída cos nosos fillos e netos. Coa nosa desidia de nos pormos de perfil ou de mirar cara outro lado, estamos levando ao esquecemento esa sabedoría acumulada que con tanto cariño nos foron legando os nosos antepasados.
Salvemos o rural; estamos a tempo. Iso é cousa de todos.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania