Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nos Vilares, 2 de outubro

sábado, 10 de octubre de 2015
Os xornais nada dín dos vilaregos e vilaregas que ano tras ano foron deixando as súas casas e viñeron en caixas de madeira ata esta igrexa na que foron despedidos antes de baixar á terra.

Elas e eles, os nosos mortos, homes e mulleres sin historia, tamen merecen hoxe aquí estas palabras ben acuguladas de sentimentos.

Vaia onde vaia e veña de onde veña sempre irei e virei para Os Vilares, aquí están as casas feitas coas pedras do Campo das Rodas, a fonte de Baixo onde nace o rio Lavadoiro que atravesa a parroquia desde as Veigas dos Ramos ata xuntarse aos outros dous compañeiros, o Xarondo e o Requeixo, preto da Ponte da Rebeira e xa mesturados os tres saen gaioleiros cara a San Salvador despedindose dos Vilares na Presa de Merra.

A fonte de Piabade, auga arelada por meu bisavó Vicentiño de Vilargabin para curar a enfermidade.

As penas do Pico a onde me subía para ver todos os lugares ciscados ata os Penedos de Sta Cruz.

E están aquí as caliveras de pedra labradas por Eustaquio Castro dos Manchás que presiden os restos enterrados dos que foron a nosa semente.

E teño a sorte de ter a miña nai, as nosas nais que traballaban coma mulas sin apenas dereitos, as nais que nunca enfermaban porque non tiñan tempo, andaban xunguidas ao home e parecían estar en todas partes da mañanciña á noite.

Grazas a elas, ás nais, ás mulleres, as madeiras vellas e os pisos de pedra sempre estaban limpos.

Grazas a elas, ás mulleres, ás nais, os leitos sempre amañadiños para o sosegó e o descanso e grazas a elas as cuitas e as dores tiñan un lugar onde calmarse.
As mulleres de mil brazos, peladoras de patacas, segadoras, atadoras, muiñeiras, lavadoras, fregadoras, costureiras, cociñeiras, coidadoras, amadoras, parteiras, aleitadoras, cantadoras, bailadoras, pastoras…

Ainda ben cadraba que as nais non tiñan tempo a enfermar!
Cando a miña nai, Avelina do Laxoso, xa tivo tempo de enfermar , ela que pouco aprendera a ler na escola do ferrado pediume un libro porque as panochadas da tv non a entretiñan. Así con setenta e pico de anos estreouse con memorias dun neno labrego, detrás de Neira Vilas, foi García Márquez, Perez Galdós, Pardo Bazán…poesía non me traías que non a entendo dixo a miña nai, pero si que a entendes mamá, esta que vou ler hoxe para ti mira que doadiña é:

Querote nos peitos da Chaira,
Nas veas do rio requeixo
Querote nos cabelos
Das leiras de centeo
Querote como a boa gaita
Quere a madeira de buxo
Querote igual que as casas
Queren os lousados
Ou a lareira quere a leña de carballo
E a troita quere as augas frias do rio
Querote como o pan quente saido do forno
E como o fume que sae das chemineas
Nas mañas frias da chaira.
Querote coma os felgos do monte
Mollados de xeada,
Como as follas húmidas
Nas herbas dos prados
E as cabras do monte saltando os valados
Querote como as bolas
Encarnadas dos acivros
os ourizos das castañas
e as landras dos carballos.

Este é un libro homenaxe ás cousas pequenas, ás “herbas pequerrechiñas” dun lugar, a unha parroquia tamén “herba pequerrechiña” no mundo.

É un monumento ás ausencias, ás pudias que para sempre floreceron, ás lavercas que para sempre cantaron, ás grandes voces que para sempre falaron, ás mulleres que para sempre choraron, ás brasas e aos alentos que para sempre quentaron, ás muxicas que tamén quedaron acesas e á sombra de todas as cousas que estiveron e están. É un camiño que trae a xente, que algún día levou.

Podería ser calquera tribo, pero é a miña, Os Vilares, “nimbos” de luz da Chaira que encheron de perfume o mundo.

As vidas das persoas teñen todas o mesmo valor, pero é certo que hai quen polo seu traballo ou polas súas obras ten máis sona que outras. É indubidable que hoxe en día, Xosé María Díaz Castro, o poeta do Vilariño, hónranos a todos os vilaregos, Os Vilares todos xa forman parte das cousas que agardaban ao poeta na súa soleira.

O sol na Corda enterrado, o ladro perdido dun can, o tempo enterrado nos sucos e perdido nos camiños…Díaz Castro o poeta das cousas pequenas achéganos á terra sucada, camiño de tantas vidas.

Nin dos montes nin dos mares somos nós, os dos Vilares, trapeiros, baluros e chairegos, erguemos esta parroquia entre todos, un traballo colectivo e comunal do que nos sentimos fachendosos

Somos todos, os que están, os que nos fomos e temos aquí os pais, os queaqui se criaron ou viñeron de vacacións, os que xa non están, pero deixaron brasas e vellas cousas. Os que se foron e non volveron, e mandaron cartos para seguir construíndo, e tamén os que non os puideron mandar. Os que se foron e montaron os seus negocios, e tamén os que non os montaron e traballaron en fábricas ou no que puideron, para sacar a familia adiante. Uns puxeron o sacho e a maquinaria moderna, outros coceron o pan e outros coa pluma escribiron poemas de cen versos na outonía. Todos fixeron “terra sucada”, terra do ceo arrincada, Os Vilares, lareira de soños na que arde a ilusión do porvir e o amor a todo o que foi.

- Intervención de PASTORA VERES na igrexa dos Vilares, o 2 de outubro, no 25º cabodano de Díaz Castro.
- Pastora Veres está a impulsar o proxecto multimedia OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS
Veres, Pastora
Veres, Pastora


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES