Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Portugal: tan preto, tan lonxe

viernes, 02 de octubre de 2015
Portugal: tan preto, tan lonxeEstes últimos días de setembro estivemos en Portugal. Os portugueses son nosos irmáns, xente acolledora e amable; para nós, os galegos, a barreira idiomática non existe. Despois do visto sospeitamos que as nosas vidas van paralelas. Nos últimos anos as clases dominantes realizaron as mesmas barbaridades. Vimos quilómetros e quilómetros de Portugal: tan preto, tan lonxecosta estragados pola especulación inmobiliaria (centenares de vivendas baleiras ou a medio construír) e obra pública innecesaria ou, cando menos, cuestionable (autoestradas case baleiras, como o aeroporto de Castellón).

Alí conseguimos desconectar do bombardeo persistente dos nosos medios de comunicación. A situación de Grecia ocupou portadas durante semanas. Despois as eleccións en Catalunya invadiron todo o espazo informativo, ata o aborrecemento. Pero apenas sabiamos, porque os medios non o contan, que no país veciño tamén hai un proceso electoral en marcha que ten, para eles e para toda Europa, unha grande transcendencia. O día catro de outubro serán elixidos os 230 deputados da Asemblea da República e o presidente Cavaco Silva, segundo o resultado, designará o novo primeiro ministro de Portugal.

Resulta sorprendente que non se informe deste proceso electoral. Somos veciños e vivimos de costas. Tan preto e tan lonxe. Con todo, as nosas vidas son moi semellantes. O ambiente político e as mensaxes electorais pódense superpoñer. Tamén o pobo portugués foi castigado, coa escusa da crise, e desposuírono de dereitos civís, de protección laboral e do amparo do Estado de benestar construído nas últimas décadas. A dereita portuguesa (da mesma forma que a española e a catalá) impuxo as súas políticas sen piedade e aplicou severos recortes que afectaron á educación, á sanidade pública e ás pensións. E non rebaixaron a débeda nin unha décima, que era a teórica xustificación para esixir tanto sacrificio. É a mesma estratexia: destruír o público para xerar espazos de negocio.

Xa entrou o outono e os días son máis curtos. Pero tivemos sorte e houbo días de sol e praia. A rexión de Aveiro é espléndida e a cidade é unha postal. En Viseu, cidade do interior -situada entre a serra da Estrela e a do Caramulo-, visitamos os seus monumentos e paseamos polas súas rúas. As grandes cadeas comerciais aínda non o invadiron todo e aquí pódense ver (igual que en moitos pobos da Galicia interior) tendas como as de outrora con escaparates curiosos e rechamantes. En Coimbra, logo de visitar a antiga Universidade e a catedral vella, vimos a casa do gran José Afonso (mito da canción portuguesa, heroe da Revolución dos Caraveis -aínda recordo con emoción o 25 de abril de 1974, cando aquí viviamos os estertores da ditadura franquista-), aquel que cantaba:

Grândola, vila morena
Terra dá fraternidade
Ou povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.

Pois iso. Que o pobo ordene e mande. Que expulse do poder ás termitas que destrúen todo o público desde dentro. O que suceda en Portugal tamén nos afecta a nós.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES