Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espírito que onde queira sopra

domingo, 27 de septiembre de 2015
Nas lecturas da celebración comunitaria deste domingo vese moi ben a relación que hai entre a primeira parte do evanxeo e a lectura do Antigo Testamento. Comentarei só algunhas cousas. Son mensaxes antigas, mais que non deixan de ter moita actualidade. Pois as cousas boas non perden valor co paso do tempo.

Ben. Cóntasenos no Libro dos Números do Antigo Testamento que Moisés tiña un grupo selecto de setenta anciáns. Eran anciáns, uns pola súa idade unida ó saber, outros érano non tanto pola súa idade canto pola súa sabedoría e bo xuízo. Moisés valíase deles para tomar certas decisións e dirixir así axeitadamente o pobo. Baixo a autoridade de Moisés estaba quen sería o seu sucesor e que de momento atendía sobre todo á defensa do pobo fronte a posibles agresións exteriores. Chamábase Xosué. Pois ben, cóntasenos que un par de persoas, que non pertencían estritamente ó Consello dos Anciáns, se puxeron pola súa conta a “profetizar”, é dicir, a animar relixiosamente o pobo. Poderíase pensar que operaban en certo modo algo así como “francotiradores”, naturalmente a favor do pobo e coas mellores intencións do mundo. Eles, pola súa parte, sabíanse movidos polo Espírito de Deus. E ben sabemos que o Espírito é xeneroso, amplo, infinito, super-infinito...

Mais no seo dunha sociedade fortemente xerarquizada como era aquela, a cousa resultaba algo estraña, e resulta que un rapaz vailles contar ós xefes, ós responsables xerárquicos, o que estaba a pasar. Xosué enrabéchase contra Eldad e Medad (así se chamaban os dous entusiastas animadores relixiosos) e ínstalle a Moisés a que os reduza de novo ó seu posto de simples subordinados. Pero Moisés tiña seguramente máis trato con Deus e máis experiencia da súa grandeza e amplitude de miras ca Xosué. Sabía que Deus non se esgota nunhas persoas concretas, nin nun grupo humano determinado. Sabía que Deus é infinitamente meirande có mundo e cá humanidade toda. Era consciente de que o seu Espírito enche a realidade toda e sopra como quere e cando quere a través de milleiros e milleiros de acontecementos e por medio das máis diversas persoas, por insignificantes que poidan parecer.

En consecuencia, Moisés non se deixa levar polo ímpeto xerárquico e excluínte de Xosué e respóndelle desta fermosa maneira: “¡Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!”.

A verdade é que a min me parecería tamén moi ben que vós mesmos vos animásedes a imitar, algunha vez polo menos, ós voluntariosos Eldad e Medad na súa sinxeleza e afouteza, comunicándovos mutuamente as vosas experiencias relixiosas, os vosos desexos, a vosa concreta vivencia cristiá. Pois formarmos unha comunidade cristiá significa que somos un grupo humano de irmáns que nos sentimos movidos por unha común fe en Deus, Pai noso e de tódolos homes e mulleres do mundo, e en Xesús, fillo benquerido seu e irmán noso. Canto máis espírito fraternal e de mutua acollida e colaboración teñamos, tanto mellor.

Xa desde un punto de vista simplemente organizativo e de eficacia funcional, as cousas van normalmente mellor en calquera empresa humana canto máis implicación e corresponsabilidade exista. Lembro que, sendo eu aínda mozo, se me quedou moi gravada unha frase do sucesor na dirección dunha famosa Congregación Mariana de Cuba, que foi considerada como modélica naqueles tempos. O fundador desta Congregación denominada “Agrupación Católica Universitaria” era un xesuíta, que se chamaba Felipe Rey de Castro e que era curmán de miña nai. Pois ben, trala súa morte repentina a mediados do século pasado, o seu sucesor contábame que o fundador desa Agrupación lle dixera unha vez, ante a complexidade das actividades que se desenvolvían nela, o seguinte: “Este tipo de obras ou se levan co dedo maimiño ou non hai maneira de levalas”. É dicir, hai que saber confiar nos demais e delegar responsabilidades e actividades noutros. Así a carga lévase mellor. E ben sabemos que Deus non escatima en espallar os seus dons, o seu Espírito, entre cantas e cantos estean dispostos a acollelos.

Moisés sentíase polo menos feliz, sendo como era aínda un personaxe do Antigo Testamento, coa axuda espontánea e entusiasta dos que semellaban ser simples e indisciplinados “francotiradores”.

En realidade, o exemplo de Moisés revive en certo modo en Xoán Bautista, canto tamén el se sentía feliz ó ver que Xesús, a quen el bautizara, era agora quen atraía as multitudes e ía formando e reunindo pola súa conta apóstolos e discípulos. “Cómpre –non tiña reparo en proclamar o Bautista- que el medre e que eu diminúa”.

Se Moisés ou Xoán Bautista tiñan esta amplitude de miras, esta conciencia da grandeza do Deus que se comunica a cantos queren acollelo, en Xesús esta actitude era naturalmente fonda e plena. Pois Xesús, como fillo benquerido, posúe experiencia directa e íntima, non limitada ou recortada, da grandeza de Deus Pai. El sabe da súa infinita bondade e xenerosidade, que se quere comunicar a tódalas persoas por medio precisamente da persoa de Xesús, manifestación última e definitiva de Deus Pai ó mundo.

Por todo isto, podemos entender ben a reacción de Xesús ante o que Xoán lle comunica de que hai alguén que profetiza e que bota demos no nome de Xesús sen que pertenza ó grupo dos seus apóstolos e discípulos e, polo tanto, segundo pensa o mesmo Xoán, sen ter dereito a facelo. Con este modo de pensar e de proceder resulta ser de feito Xoán, nesta ocasión polo menos, continuador da incorrecta actitude de Xosué no Antigo Testamento. Así, pois, como Moisés non conxeniara coa actitude de quen sería o seu sucesor como guieiro do pobo de Israel, así tampouco podía aprobar Xesús o celo excluínte de Xoán.

As palabras coas que corrixe Xesús a Xoán reafirman en realidade a maneira de ver as cousas, ampla e xenerosa, de Moisés. Pois Xesús replicaralle claramente a Xoán: “O que non está contra nós, está connosco”.

Para rematar, unha breve alusión aínda ó P. Seixas no centenario do seu nacemento que estamos este ano a celebrar. Moito dese espírito amplo e xeneroso de Xesús alentaba tamén nel cando dicía aquelas palabras que poden servir como resumo do seu modo de pensar e de actuar aquí en Vigo, mais tamén antes noutros lugares onde estivo: “Este é o meu programa: para min todos son irmáns, de calquera relixión, raza ou posición económica”.

É a frase que figura, desde hai preto de nove anos, na estela de pedra que se ergue en honor seu na rúa “Padre Seixas” de aquí de Vigo.

Como vedes, un sinxelo e clarividente programa, verdadeiramente cristián, tamén para todos e cada un de nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES