Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Minifundismo social

viernes, 25 de septiembre de 2015
Eu téñolles as miñas eivas. Pero tamén as poño nos demais. Así como todos...!. Pois estes días tan embarullados politicamente, non me podo desprender da idea de que invertemos os procesos e as dinámicas sociais, porque en vez de concentrar parcelas de convivencia, dividímolas, fragmentámolas.

Xunguidos ao revés, os españois vivimos moi ben: Cando non temos, presumimos esaxerando; cando contamos cuns sistemas de convivencia contrastables, singularizamos a hermenéutica para introducir irrisorias trivialidades; cando levamos algún tempo vivindo en paz, o noso infantilismo xera discordias; cando acadamos un certo grao de preparación, comunicámonos nunha linguaxe inculta e deliberadamente agresiva, etc.

E como nos sentimos moi posuídos de nosoutros mesmos, rendemos homenaxe a ignorancia e non se nos ocorre pensar que tamén os outros, sen pisar moqueta, teñen algunha razón. Por iso, se unha decisión comporta a atención a suxestións alleas, non se toma en consideración, elúdese con aire de autosuficiencia, amparándose na PRUDENCIA IMPRUDENTE ata que a realidade nos esmaga as narices, e logo, se un pode, ou o obrigan, fuxe, e deixa o problema ó seguinte, que pasa unha campaña disimulando a súa incompetencia e indecisión co recurso ao anterior, aínda sen aprender como se adquire e perde a cidadanía.

A miña eiva esténdese en consecuencias, porque ademais de todo o dito, penso que temos o gran defecto de profundar cos sentimentos dende os nosos minifundios sociais, políticos e ideolóxicos, en vez de facelo cunha razón que supere as singularidades dos grupiños, sobre todo cando as circunstancias o demandan.

Pero xa que me levou ao ámbito metafórico, partindo da propiedade rural minifundista en Galicia, resaltemos algunha analoxía: as fincas teñen marcos, que cando o posuidor dunha finca lindeira non era moito de fiar, cada ano andaba uns centímetros, dando lugar aos numerosos litixios entre uns e outros, e cando a herdaban varios herdeiros, todos querían ir a ela e cubríana de marcos ata que en cada porción era imposible realizar labores de cultivo sen molestar ao estremeiro. Así a roña estaba garantida.

Pois non intenten sacarme da cabeza que iso mesmo ocorre coas parcelas ideolóxicas ou, máis ben, pseudo–ideolóxicas, nas que a nosa sociedade está fragmentada ou vai camiño de estalo. E da mesma maneira que os donos desas pequeniñas propiedades rurais estaban convertidos nunha especie de bodegueiros, con evidentes carencias de aveños para levar a cabo os cultivos, os titulares no minifundio social, político e ideolóxico carecen dos instrumentos imprescindibles para acadar o seus pintorescos obxectivos e dedícanse ao ruído e as máis extravagantes prácticas de exhibicionismo político. Conviña telo moi en conta á hora de votar!!!.

O máis rechamante de todo isto é que todos din que queren levantar o país–e tamén ousan dicilo os bodegueiros ideolóxicos...!–; pero os dous grandes latifundistas no acertan a poñer os intereses de España, dos españois, por enriba dos seus, e, como fixeron moitas casas grandes de Galicia, van desfacéndose das súas propiedades, ou deixándoas abandonadas a mercé das convulsións meteorolóxicas dos tempos políticos, e se encontran algún bodegueiro non teñen inconveniente en alugarlle algo da parcela ideolóxica a cambio dun chusco de poder.

O minifundismo agrario, ateiga os rexistros da propiedade; o minifundismo social ateiga de carteis propagandísticos os espazos públicos. A solución daquel pretende poñerse nas concentracións; a deste último non parece fácil, porque hai que coordinar singularidades e isto dificulta a constitución de relevantes espazos de propósitos compartidos. Que sería o intelixente; pero élles moito pedir!. Todo pola patria...!.

Se nos serve de consolo, tamén parece que a UE, carente de estruturas fortes que articulen os seus membros con eficacia, vai camiño de caer nesta dinámica social. Nin tan sequera é capaz de establecer uns criterios e dispor dunhas estruturas para resolver o problema dos refuxiados, que ela mesma, do brazo de EE.UU., causou. E perdoen os secuaces, que prefiren o fracaso estrepitoso que recoñecer erros nos seus líderes, ós que un sinxelo cursiño de Dereito Internacional actualizaríaos para o seu traballo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES