Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Graciñas, amigo ou amiga

jueves, 24 de septiembre de 2015
Desde que comecei a publicar algunhas cousas escritas por min, hai tantos anos que xa non me dá vista para ver o primeiro da ringleira, dicía e aínda digo que non son escritor, senón escribidor, pretendendo facer unha diferenciación e identificar escritor con profesional e escribidor con afeccionado, ou amador como se di ultimamente. Claro que tamén cheguei á conclusión de que o profesional debe seguir sendo sempre bo afeccionado, porque se deixa de selo, mal asunto.

Sospeitaba iso, pero encargouse de dicirme que estaba no certo un fotógrafo profesional cando despois da misa dunha voda, xa hai tamén ben anos, ofreceume a súa cámara fotográfica dicíndome: “Mira por aquí a ver que ves”. Mirei e díxenlle: “Debe ter un bo obxectivo, que colle moito campo, non?” El respondeume: “Non sei, eu cada vez que miro vexo mil pesetas”. A broma acendeume a luciña de que aquel profesional xa debera deixar de ser afeccionado. Entón no mesmo son de broma, pero con retranca, tamén lle contestei eu: “Pois se me casase, buscaría un fotógrafo que me cobrase o xusto por un traballo feito con gusto”.

Á miña maneira de ver esta diferenciación abarca moitos campos, case todos; por exemplo: o do maxisterio, o da medicina e incluso o de dicir misa e celebrar todos os sacramentos.

No caso dos escritores profesionais, cando me atopo con algún escrito non científico, senón narrativo e despois de varias voltas non o dou entrado, antes de pensar na miña incapacidade como lector, váiseme o pensamento a que pra escribir pra min mesmo abondaríame coa axenda.

Quería chegar por este camiño á conclusión de que cando escribimos algo pra publicar, escribimos prós outros.

Pois agora quería non escribir pra ti, amigo ou amiga, que me estás lendo; senón escribirche a ti e darche as grazas porque me prestes atención e me dediques parte do teu tempo, tendo outras cousas máis importantes que facer. A ti que fas iso comigo ou por min, forzosamente teño que sentirte como amigo ou amiga, aínda que non te vexa, porque me estás facendo un agasallo e colaborando a que non queime o embrague traballando en seco.

Fai uns días pedín a relación de entradas nestas cousiñas que van aparecendo cada xoves en Galicia Dixital, porque, se non tivese lectores, tería que tomar moi en serio non seguir perdendo o tempo nin ocupar indebidamente un espazo.

Como non é ese o caso, de momento, déixame que vos dea as grazas e nunca vos sintades na obriga de lerme, xa que a amizade que se sustenta na obrigación é pouco fiable, como tampouco o é o coidado que se lles dea a uns país vellos só por non perder a mellora do testamento.

E nada máis, que entre amigos tampouco convén andar con moitas voltas. Deséxoche saúde e sorte a ata outro día, se Deus quere.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES