Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aproximación a un Inventario dos Santuarios da Terra Chá (I)

jueves, 06 de julio de 2006
Aproximacin a un Inventario dos Santuarios da Terra Ch (I) Aproximacin a un Inventario dos Santuarios da Terra Ch (I) INTRODUCCIÓN
O profundo sentido social que segue habendo en torno ós santuarios móveme a tentar facer un breve inventario destes recintos sagrados na comarca chairega. Este vai centrarse en tódolos concellos da Terra Chá agás os concellos de Meira, O. de Rei e Pol, que pertencen eclesiasticamente a diócese de Lugo. De tódolos xeitos sobre estes tres concellos penso que é conveniente, aínda que non sexa o motivo central do traballo, facer unha breve referencia daqueles centros sagrados que son receptores na actualidade dunha gran afluencia de devotos.
O inventario vai ter como finalidade esencial o servir de guía para tódalas persoas que teñan necesidades de índole espiritual e material e sintan polo tanto o desexo imperante de acudir a un destes recintos para obter o acougo ós seus problemas. Antes de comezar co inventario, é mester levar a cabo unha breve análise sobre o concepto que hai do santuario como unha das manifestacións máis importantes da relixiosidade popular e das promesas máis reiterativas, que se realizan neste centros sagrados, para que as persoas teñan un coñecemento previo daqueles actos que van levar a cabo. No inventario imos distinguir varios aspectos:
1º.- Localización do santuarios no ámbito parroquial.
2º.- Sentido temporal reflectido no día ou días da festividade.
3º.- Peticións ou rogativas por parte dos devotos.
4º.- Promesas que se realizan cunha maior asiduidade no santuario.

I.- O CONCEPTO DO SANTUARIO
O santuario é un sitio de culto representado por unha ermida, capela ou igrexa parroquial ó que veñen devotos de distintas comunidades, algúns para pregar á divindade a concesión dunha serie de rogativas de base material e tamén espiritual, e a maioría para levar a cabo as promesas ofrecidas, logo de que a divindade lle outorgou as rogativas requiridas. "Los santuarios son percibidos como espacios sagrados, de los cuales irradia la salud material o espiritual..." (1). "El santuario es el punto de referencia o término al que los romeros dirigen sus aspiraciones físicas y espirituales" (2). Nos santuarios se venera á divindade simbolizada por Xesús, Cristo (Eccehomo) e unha serie de intercesores como distintas advocacións da Virxe e diferentes imaxes de santos. "Os focos de sacralidade dun santuario son as reliquias e as imaxes de Deus, a Virxe e os santos" (3).

II.- AS ROGATIVAS POR PARTE DOS DEVOTOS
En xeral os devotos ofrécense por si mesmos ou para lograr algunha intercesión para outras persoas que non poden acudir ó santuario por algunha doenza. Entre as rogacións máis específicas distingo as de índole espiritual e material. Nestas últimas sinalo as seguintes: por doenzas humanas relacionadas con diferentes partes do corpo humano; por doenzas de animais: preferentemente eguas, vacas e cochos; polos fillos recen nados; por acadar boas colleitas e por calquera perturbación que puidera existir no ámbito familiar.

III.- AS PROMESAS OFRECIDAS ÁS IMAXES SAGRADAS DOS SANTUARIOS
A unidade básica de relación entre o devoto e a imaxe sagrada para resolver unha serie de problemas é a promesa. Esta consiste normalmente nun contacto directo e sagrado de forza moral entre a persoa e Deus por medio de Cristo ou dunha serie de mediadores, como son as distintas advocacións da Virxe e os santos. A promesa a divindade reproduce dun xeito claro o sistema social vixente no que alguén fai algo a cambio dunha posterior axuda cando chegue o momento adecuado.
Nos santuarios chairegos podemos distinguir basicamente dous modelos de relación entre os devotos e a imaxe sagrada.
1º.- A promesa xeralmente é condicional, é dicir, a divindade concede a petición ó devoto e logo este cumpre a promesa; trátase dun cumprimento "a posteriori". Este tipo de promesa recibe o nome de "Petición condicional" (4).
2º.- Algúns devotos veñen pregar a mediación da divindade ante un problema determinado, realizando unha serie de rituais e ofrendas. Neste caso os distintos rituais e ofrendas, que os devotos levan a cabo, teñen lugar antes de que lles sexa concedida a petición. Este tipo de promesa recibe o nome de "Devoción Peticionaria" (5).
As promesas máis frecuentes que se realizan nos santuarios da Terra Chá son as seguintes:

A.- A realización dunha gran variedade de rituais
1.- O concepto de ritual: O ser humano encóntrase suxeito a unha gran cantidade de vicisitudes e perigos. Por tal motivo leva a cabo unha serie de rituais, xa que está convencido da súa eficacia e de que é posible vincular a súa acción a un sentido valioso para a súa vida persoal. Arnold M. Rose sinala que os rituais distínguense polos seguintes elementos:
a.- Posúen unha regularidade e periodicidade ó estar vinculados con certas festas.
b.- Teñen sentido para certo número de persoas.
c.- Soen presentarse dun xeito dramático.
d.- Producen "consensus" de sentimentos mediante unha experiencia participativa (6).

2.- O estudio sobre os diferentes rituais
2.1.- A celebración de misas: En case tódolos santuarios chairegos os días da súa festividade celébranse algunhas misas desde primeiras horas da mañá ata a unha o unha e media da tarde, en que ten lugar unha misa solemne oficiada por varios cregos de freguesías limítrofes. Nalgúns santuarios celébrase outra misa polo serán.

2.2.- O ritual da procesión
En rematando a misa solemne celébrase a procesión que percorre o perímetro do santuario. Tódalas imaxes que saen na procesión santifican o espacio que percorren, proporcionando unha enerxía positiva a tódolos seres, tanto persoas como animais, que se encontran en dito espacio. Nalgúns santuarios aínda hai devotos, que van por baixo das andas das imaxes de pé ou de xeonllos.

2.3.- O ritual de vir andando ó santuario
Antano moitos devotos viñan ó recinto sagrado andando desde o seu lugar de orixe, como sacrificio previo antes de entrar en contacto co sagrado. Na actualidade, aínda que a maioría fan a viaxe en coches de liña e particulares, segue habendo algunhas pervivencias deste ritual nos santuarios da Terra Cha.

2.4.- O ritual da circunvalación
En chegando ó santuario os devotos entran en contacto co sagrado. Por iso un gran número deles dan unha ou máis voltas ó redor do mesmo, de pé, descalzos ou de xeonllos. Nas súas mans poden levar ex-votos de cera que representan o corpo humano e partes do mesmo:pernas, brazos, pés..., así como ex-votos de animais: cochos, eguas e vacas. Tamén adoitan levar unha imaxe pequena, que simboliza a Cristo, á Virxe, o a un Santo. O dar voltas ó redor do santuario ten o valor dunha penetración e toma de contacto nun nivel relixioso. Na Grecia clásica tal rito facíase cun fin apotropaico e catártico (7).

2.5.- OS RITUAIS DE CONTACTO
O desexo de todo devoto é entrar en contacto coas imaxes e demais elementos e obxectos ligados ó santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza. Entre os rituais de contacto máis habituais sinalo os seguintes:

2.5.1.- O ritual de poñe-lo santo
O crego, encargado do santuario, ou unha persoa ligada ó mesmo fan unha cruz cunha imaxe pequena do Santo-a, Virxe... por riba das cabezas dos devotos quenes bican dita imaxe e deixan unha esmola, mentres o poñente recita unha xaculatoria.

2.5.2.- O ritual de contacto activo coa imaxe estática
Na maioría dos santuarios chairegos algúns devotos pasan panos e outros obxectos pola imaxe sagrada e logo pásanos polas partes doentes dos seus corpos cunha finalidade profiláctica e curativa.

2.5.3.- O ritual do coitelo do S. Adrián
Nalgúns santuarios da Terra Chá algúns devotos piden ó encargado ou encargados de cumprimentar os diferentes rituais e ofrendas, que lle toquen a imaxe do S. Adrián cuns coitelos de madeira. Logo estes danllos outra vez ós devotos que os pasan por as partes doentes dos seus corpos facendo cruces. O coitelo no seu contacto coa imaxe queda sacralizado, podendo deste xeito os devotos cortar simbolicamente as súas doenzas.

2.5.4.- O ritual do contacto co "oco de chan" e "coa ventá cega" do santuario do S. Adrián e S. Xulián (Carballido-Pacios, Begonte)
No lado dereito da entrada deste santuario hai un oco no chan, no que algúns devotos, que teñen doenzas nas extremidades inferiores (reuma, artrite, varices...) introducen un intre os seus pés, mentres pregan ó santo cunha oración. No interior do mesmo santuario hai "unha ventá cega", na que bastantes devotos introducen a súa cabeza cunha finalidade profiláctica e preventiva (8).

2.5.5.- O ritual da fonte
A carón e preto dalgúns santuarios hai unha fonte que leva o nome da imaxe sagrada que preside o santuario. Nela bastantes devotos beben a súa auga e lévana en botellas para as súas casas empregándoa en distintos fins: doenzas humanas, cortes dos animais, cultivos, etc... Nas fontes dalgúns santuarios hai devotos que empregan un ritual que consta de dúas partes:
1ª.- Lavan as partes doentes dos seus corpos cuns panos. A auga ten unha función ambivalente, xa que implica morte - enfermidade- e rexeneración -saúde-. "El agua mata por excelencia porque disuelve, suprime toda forma, borra el pasado, pero también regenera, porque la disolución va seguida de un nuevo nacimiento" (9).
2ª.- Logo os panos déixanse colgados nos ramallos dunhas árbores (acivros, carballos...) e tamén por riba dunhas silvas. Hai a crenza de que axiña que os panos vaian podrecendo as doenzas das persoas irán desaparecendo. Esta segunda fase do ritual simboliza a expulsión do estado de enfermidade e polo tanto a paulatina recuperación do estado de saúde. Por outra banda o que se está levando a cabo con este ritual é imitar dun xeito deliberado aquilo que se pretende acadar. "Es frecuente que los ritos consistan en una imitación de los efectos que la gente desea producir" (10).

B.- Ademais dos rituais descritos os devotos levan a cabo outra serie de promesas que sinalo a continuación:

1.- As misas.- Algúns devotos cumpren esta ofrenda que o crego da freguesía, á que pertence o santuario, encárgase de levar a cabo normalmente nese recinto no transcurso do ano.

2.- A ofrenda en metálico.- Amosa os seguintes xeitos:
2.1.- Ó poñe-lo santo, xa que os devotos deixan unha esmola ó poñente.
2.2.- No transcurso das misas que se ofician no santuario nos días da súa festividade.
2.3.- Nos cepillos da esmola que hai no santuario.

3.- A ofrenda en especie.- Antano na maioría dos santuarios chairegos os devotos levaban de ofrenda cereais, pitas, polos, queixos e productos derivados do cocho:unllas, linguas, cachuchas, lacóns etc. Isto era debido en gran medida a escasez que había de diñeiro, fundamentalmente nos núcleos rurais, o que propiciaba que aquelas persoas que ían ofrecidas a un santuario levasen algúns productos base da súa economía de subsistencia. Co aumento do nivel de vida este tipo de ofrenda foi decaendo paseniño. Na actualidade a ofrenda en especie queda reducida a uns poucos santuarios da comarca. Esta ofrenda é poxada por un sancristán ou fregués da parroquia, na que se encontra o santuario, ó rematar os oficios relixiosos da mañá. Algunhas persoas aínda acoden ás poxas mostrando un gran interese por obter algún producto que tivo relación coa imaxe sagrada do santuario. "En muchos de los santuarios estas ofrendas en especie se venden en subasta pública...los devotos muestran gran interés en comprarlas porque su contacto con los santos las ha convertido en reliquias" (11).

4.- Os ex-votos de cera. Estes dons utilízanse normalmente como signos e recordos dos bens recibidos, polo cal deben colocarse nun espacio manifesto. "As paredes de moitas ermidas i eirexas aparecen cobertas de ex-votos, reproducción en cera de membros humáns (pernas, brazos, maos, corazón, ollos), como agradecimento polo que foran curados..." (12).
4.1.- Candeas. Os devotos ofrecen candeas normais, da súa mesma altura e candeas pequena e grosas ("velóns"), que normalmente se colocan acesas no interior do santuario.
4.2.- As figuras de cera. Estes exvotos son obxectos artesanais que simbolizan o corpo humano e algunhas das súas partes:pernas, brazos, testas, mans, peitos..., así como algúns corpos de animais: cochos, vacas, xatos, ovellas, eguas, que os devotos levan ós santuarios en testemuño do seu agradecemento pola influencia positiva e benéfica que os seres sagrados exerceron na cura dunha doenza humana ou animal ou para solicitar a súa protección no decurso da vida.

NOTAS
1.- PRAT I CAROS, Joan.: "Los Santuarios Marianos en Cataluña: una aproximación desde la etnografía", en La Religiosidad Popular, III, Hermandades, Romerías, Santuarios, Anthropos, Barcelona, 1989, p.227.
2.- RODRÍGUEZ BECERRA, Salvador.: "De Ermita a Santuario: Reflexiones a partir de algunos casos de Andalucía", en Romarías e Pereginacións, Actas do Simposio de Antropoloxía, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 1993, p. 111.
3.- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: "Os Santuarios e os seus símbolos", en Romarías e Peregrinacións, Ob. cit, p. 88.
4.- WILLIAM CRISTHIAN, A. Jr.: Religiosidad popular. Estudio antropológico en un valle español, Madrid, Tecnos, 1978, p. 134.
5.- WILLIAM CRISTHIAN, A. Jr.: Ob. cit, p. 134.
6.- ANTHROPOLOGICA. Instituto de Antropología de Barcelona, nº6, E.Daimón, Barcelona, 1977.
7.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espiritual, Ed. Galaxia, Vigo, 1972.
8.- BLANCO PRADO, José Manuel.: "La devoción popular en el santuario de S. Adrián y S. Julián (Carballido-Pacios) (Begonte)", en Boletín do Museo Provincial de Lugo, T.I, Servicio de Publicacións da Diputación Provincial de Lugo, 1983, p.149.
9.- FIDALGO SANTAMARIÑA, J. Antonio.: Antropología de una parroquia rural, Cuadernos do Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social, Serie Galicia Campesina 1, Ourense, 1988.
10.- FRAZER, J.G.: La rama dorada, Ed. F.C.E, México, 1969, p. 41.
11.- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Las Romerías / Peregrinaciones y sus símbolos, Ed. Xerais de Galicia, Vigo, 1987, p. 277.
12.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espiritual, Galaxia, Vigo, 1972.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES