Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Piñeiros. O estanco. Emilio e Ermitas

viernes, 18 de septiembre de 2015
Non hai historia grande se non hai micro relatos veraces e obxectivos que partindo desde o pobo, desde as experiencias vivas e vividas, sirvan logocomo fontes para que o científico poida elaborar uns macro relatos ben acaídos nunha historia mais ampla.Unha cousa é certa. Primeiro é a historia sucedida ereal. Logo xa virán os historiadores.

Cando estudamos algo cómpre centrarmos ben o cando, o onde, o como e quen foron os protagonistas. Falarei dos anos 1968-1978. Pero somos herdeiros dunha historia que vén xa de moito atrás. Este meu pequeno relato sobre PIÑEIROS, O ESTANCO, EMILIO E ERMITAS é como un aglutinador nunha encrucillada de camiños que confluían nese intre e nese lugar desde os núcleos do hábitat dos arredores e no movérense cara ao exterior na súa vida cotiá: Cornido, A Veiga, O Cerrallón, A Cruz, As Lagoas, O Feal, Ansede, O Ponto, Freixeiro, etc...

A ESTRADA DE CASTELA.Constituíu por séculos a principal entrada por terra a Ferrol. Era un fluír e refluír de vida cotiá. Era a canle vertebradora e dinamizadora. Por onde ela ía pasando repartía e compartía vida en cada paraxe. Aproximémonos a ela moi esquematicamente.

1.-A parada dos distintos coches de línea: Cal-Pita, Viveiro- Ferrol-Betanzos-Coruña. El Ideal Gallego:Coruña-Ferrol. (Aínda non existía a estrada de As Pías). O Villalbés, Ferrol Vilalba.Castromil, Ferrol-Betanzos-Santiago. El Rápido, Ferrol-Santiago por Irixoa- Curtis. Seguro que deixo algún.

2.- O tranvía Ferrol-Neda, mais tarde, Buses urbanos. Nun xeito moi principal, nos dous sentidos, cun horario continuo e ben programado. Habíaos especiais: OBus nº 2. O Bus das cestas, O dos obreiros. O dos estudantes... O número 1 só chegaba a Freixeiro. E había outro á Faísca con menos frecuencias.

3.- Eran importantes outros servizos:Correos. Os fornecedores de mercancías e mercadorías máis diversos. E daquela xa empezaban os taxis para a nova Residencia S. José.

4. Outro dato curioso que hoxe non se entende. Os camiños de Cornido e da Veiga estaban moi cheos de lama e anegados moitas veces. A xente viña en katiuscas, madreñas ou como podían. Cando chegaban ao Estanco xa tiñan alí un sitio para deixaren aquel calzado e puñan os zapatos, que portaban adecuadamente, para iren á cidade, ao baile, etc. A vida tamén tiña as súas dificultades.

E aquí aparece a importancia do Estanco de Piñeiros. O Estanco era todo.Unha tenda universal incríbel. Sabían das necesidades da xente e tiñan de todo. Abría de seis da mañá a once da noite, sábados e domingos.Tamén era taberna. Nas tertulias e no vaseo falábase de todo. Por alí pasaban os comentarios da vida grande e pequena. Opinións, noticias, avisos, necrolóxicas, accidentes, chismes e chistes, por certo algúns excelentes. Porque había verdadeiros actores. Recordades a Perille o dos buses?

Ao ser parada de todos os autobuses había esperas, subidas e baixadas. Todo o día era un movemento de xente, verán e inverno.

Tenda para todo.“Apúntamo na libreta”. Crédito, filantropía, fidelización da clientela, solidariedade, etc.? Había pufos? Claro que si. Pero ficaron na libreta e a libreta era secreta e confidencial.

Cantas necesidades socorreron caladiñamente e con paciencia! Canto se despachou ao fiado! Eu mesmo pedín favores para axudar a persoas e familias en necesidade e ao non ter eu cartos naquel intre para socorrelas tamén dixen ben de veces: “Emilio, Ermitas, apúntasmo na libreta?”.

Isto funcionaba, son testemuña e quero dicilo, porque detrás había unhas persoas concretas: Ermitas e Emilio. E xa antes Andrés e Pilar, os tíos deles. O Andrés de hoxe, daquela, era aínda “Andresito”.

Emilio fora funcionario de correos e sabía de todo. Tiña unha formación excelente. Equivalente, para defenderse na vida, a unha diplomatura de hoxe. Ademais de seren “xente de peso” tiñan bonhomía: “Condición de quen é boa persoa. Simplicidade amable”.Así a define o dicionario.

Cando me mandaron para Piñeiros-Narón, eu nin coñecía o sitio. Vin só. Ninguén me presentou e comezamos caladiñamente a tarefa. Así, sen máis. Era unha parroquia de recente creación.Todo comezaba ex novo. Non tiñamos nada. Só estabamos as persoas e nelas me fun centrando.

Sor Josefa, a primeira Superiora da Residencia San José, que tamén estaban aquí de moi pouco, díxome: “Para calquera información seria, formal, de calidade, con discreción e de fiar, fale cos do Estanco. Con Emilio e Ermitas. Vaille ser de moita utilidade.”Recollín a mensaxe.

A relixiosa vía a parroquia desde a capela e da xente que ía alí á misa. E ela sabía desta limitación. Sabía que Parroquia era unha realidade distinta, máis ampla e non podía ser unha prolongación da Residencia de Ancianos. Eran dúas institucións diferentes. Importantes ambas. Pero cada unha coa súa idiosincrasia e misión.

Eu tamén quixen ir pouco a pouco traballando por min mesmo cada relación con cada persoa para as diversas opcións. O meu pensar e a miña misión era moi diferente segundo o lugar. Tiña de ter un proceder pastoral distinto e prudente segundo servise á comunidade e aos anciáns da Residencia ou, pola outra banda, ir tentando crear os alicerces dunhas barriadas distintas, con problemáticas pouco parecidas e mesmo con historias de dor e sufrimento. Porque tampouco eran iguais O Ponto, Piñeiros e O Feal. E xa non digamos Freixeiro e a Estrada de Cedeira, que incluso hoxe xa son absolutamente distintos. Mirando cara atrás con bondade, sen ira e con agradecemento, creo que acertamos en case todo. E foi posíbel grazas a todos e a sabérmonos respectar e querer. Non nos traizoamos nunca nin nos intres máis difíciles. Daquela unha parroquia tiña moitas funcións que hoxe, grazas a Deus, son xa propias dunha sociedade civil e desenvolvida democraticamente, con maioría de idade e plena liberdade.

Xa sería ben que alguén tivese a idea de facer mesmo unha tesiña universitaria destas paraxes e lugares curiosísimos da Estrada de Castela. Nelas está condensada a meirande parte da historia de Ferrolterra no seu fluir de entradas e saídas á cidade, das que os da urbe non era apenas conscientes. Ficabámoslles lonxe. Si. Estes establecementos merecían un bo e serio estudo psico-sociolóxico.Unha selección incluso de hemeroteca. Lembrades a famosa pizarra de avisos ao público dos Solloso, na Ferrolana? Nela estaba condensada a vida social, económica, etc. Citemos aquelas necrolóxicas, feitas con tanta arte e mestría. E os avisos das patacas novas, dos pitiños e polas, etc? Iso é merecente de facermos unha boa recollida de fotografías e comentarios antes de que desaparezan as persoas que aínda gardan memoria. Porque non fica moito tempo. E os e as que de verdade poden falar a fondo, xa van indo en idades avanzadas e a memoria tamén lles vai esmorecendo.

Tamén podiamos falar do Cabalo Branco e de tantos outros de Narón e Ferrol. En Neda e Xuvia, que eu coñecín menos. Vicente Araguas ten falado tan axeitadamente que é unha delicia lélo.

Valería a pena recoller as crónicas dos xornais da época escritas da man dos correspondentes Lobeiras, Souto Iglesias e outros máis. Aquí viñan preguntar o máis inesperado. Centro e fonte de información, lugar de referenciapara todos e para todo. Mesmo para a Garda Civil. Pero, ollo!... Tamén era un filtro da información a favor dos veciños. Son testemuña directa de como se teñen desfeito acusacións infundadas ou mesmo se ten axudado a xentes a pórse a salvo en épocas difíciles, correndo riscos serios. Hoxe xa se podería falar. Moitos segredos de daquela foron para a tumba. Por liortas non xustificábeis da Compañía, o telefone chegounos moi tardiamente e non había máis remedio que achegarse e preguntar.

Moita xente fixemos camiño xuntos con moi diversos pensares. Hoxe faleivos con moito agarimo e gratitude de Ermitas e Emilio. Anteriormente glosei a figura senlleira de Pepe Grandal. Seguirei facendo eses micro relatos por se alguén quere algún día afondar na nosa historia común. Unha aperta e moita gratitude.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES