Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O desazo da vellez

viernes, 18 de septiembre de 2015
Os anciáns loitamos ás veces coa soidade. Cada idade necesita o seu entorno, no que se instala e no que se abre á realidade, e moi especialmente á social. Pero esa apertura, cando corresponde á cronoloxía das persoas, crea un ambiente axeitado para dar respostas congruentes aos nosos desexos e satisfacer a nosas esixencias culturais, mediante a adecuada comunicación.

A “adecuación da comunicación” é esencial, porque poñer un vello a bailar, por exemplo, e facer que un neno estea quieto, non parece xerador dese ambiente axeitado. Posto que, cando nos encontramos con situacións que parecen desmentilo, como nos presentan nalgunhas retransmisións televisivas, o ridículo está servido como expoñente dun estado de ambigüidade costumista, que, a maior inri e con non pouco paradoxo, acentúase nas crises.

Si..., e sobre todo, nas que W.R.Daros, un intelectual arxentino, denomina CRISE CULTURAL, da que di que “no discurso público empregouse para aludir á alarma e ansiedade desencadeada por unha aparente falta de cohesión normativa, pola ilegalidade ou a ambigüidade dos preceptos destinados a regular ou asistir a selección de formas, significados ou esquemas de conduta preferidos”. ( Pasemos un repasiño pola nosa sociedade!).

Este estudoso afirma tamén que son varios os factores que causan estas crises; pero espertou o meu interese a inclusión, dentro deles, do feito de que por cada norma “promovida por determinadas autoridades, aparecen outras exhortacións contraditorias dende outras fontes – non menos autorizadas – promovendo un estado de ambigüidade normativa, inconsistencia, falta de claridade e indefinición”.

Xa que todo isto desacouga aos subsistemas sociais (económico, cultural, docente, sanitario, etc.), aos membros dos mesmos, eu engadiría que a bailada das necesarias referencias no quefacer do home / da muller desnortan os comportamentos máis elementais, que, por intranscendentes que parezan, están enraizados en horizontes de preferente atención, aínda que estes están expostos a ser presentados como ilusorios, e incluso, ás veces, relativizados desde perspectivas xeracionais e ideolóxicas (os principios morais, por exemplo, que valeron para os anciáns non valen para a xente nova, nin a temática habitual duns interesa aos outros), pese a que o rigor e seriedade científica, menos volátil, segue mantendo a epistemoloxía da física clásica como válida no seu campo macro, sen prexuízo da aplicación da cuántica nas estruturas micro, é dicir, asigna a cada manifestación cultural o seu lugar; na elude.

Pero..., que relación ten isto co desazo e coa soidade específicos do ancián?. Penso que abonda introducir aquí, a modo de suxestión, algunhas consideracións, partindo de que a soidade, un concepto que, pola súa complexidade, só me vou referir á social, que supón a difícil referencia a un grupo que axude ao individuo a compartir intereses e preocupacións, así como a perda de relacións con persoas significativas, como poden ser membros da propia familia, motivacións ideolóxicas, integrantes doutras xeracións, etc. Non ten nin faladoiro todo isto que con tanta teima, dende perspectivas diferentes, se fomenta na nosa sociedade, esquecendo que a persoa humana, en si mesma considerada, ten un valor ontolóxico moi superior ás cualificacións dos seus propios instrumentos sociolóxicos de comunicación e convivencia.

Se a soidade, PER SE, comporta desazo, desánimo para emprender os necesarios proxectos que debe realizar–en maior ou menor medida–o home, como ser esencialmente proxectivo, isto vese incrementado no ancián, non só polas súas propias limitacións, senón fundamentalmente porque a nosa sociedade, en vez de darlle a oportunidade de seguir realizándose, lévao de excursión, en potenciais greas electorais. E cando regresa, busca obsesivamente unha nova saída, evidenciándose como vítima inconsciente dunha necesidade artificial creada por intereses mercantís, con indiscutible prexuízo para atender as necesidades esenciais. (Lembren a avalancha de ofertas comerciais nos sitios de destino).

Non é de estrañar, por tanto, que os anciáns sintan con frecuencia neste contexto social, ademais da soidade e o desazo, un medo máis ou menos difuso, como explica Daros, causado polo seu desencaixe nunha sociedade que os envilece apartándoos da propia realización e utilizándoos como dispositivos electorais ou recheos estatísticos nos concellos con problemas demográficos.

E sería falaz contra–argumentar que os beneficios do estado de benestar contradín o aquí afirmado, porque non neutralizan a soidade nin son unhas graciosas achegas, senón o cumprimento dun contrato bilateral por parte do denominado estado de benestar, de cuxos beneficios participan todas a xeracións e que hai que recoñecer como un gran avance, froito do esforzo de todos os cidadáns, ao menos presunta e legalmente. Ademais, a soidade e o conseguinte desazo non é exclusivo da pobreza.

Pero, insisto, o ancián está moito máis exposto aos perigos derivados da ameaza da “orde social, do que depende a seguridade e a supervivencia (en caso de invalidez e vellez)” (Daros), e tamén adoita ser vítima dunha difusa e inconsciente exclusión social, que incluso a pode sentir en compañía, si esta elude a correspondente comunicación. É algo que expresou moi ben Ramón de Campoamor nestes versos:
“Sin el amor que encanta, / la soledad de un ermitaño espanta. / ¡Pero es más espantosa todavía / la soledad de dos en compañía”.

Por outra parte, o desazo evidenciado na vellez é sintomático dun desarraigamento do proceso de constitución da personalidade, que se interrompe no seu curso normal cun matiz de desalento. Explícome: A realidade humana, o home, a muller, é esencialmente persoal, ten o que Zubiri denominou PERSONEIDADE, pola que entende ese carácter de ser persoa propio das estruturas da realidade humana; pero isto non deberíamos confundilo coa PERSONALIDADE, que ven a ser a maneira que cada persoa ten de configurarse a través da vida, de toda a vida, de tal xeito que cadaquén adquire a su propia personalidade, que non acadaría se antes non fora persoa, xa que aquela ven a ser a modulación da condición de persoa (da PERSONEIDADE) no transcurso da nosa vida, pola apropiación de novas propiedades, realizándonos mediante elas.

Estamos, pois, no caso do desazo, en presenza dunha interrupción da formación da personalidade nunha liña de comportamento. E isto ten consecuencias: Imaxinemos a unha persoa que na súa vellez evidencia propiedades persoais significativas, como un exemplo estremo, froito da súa madurez no decurso dos anos vividos ata ese momento. Acaso non se coñecen persoas que foron capaces de producir excelentes achegas á sociedade en idade moi avanzada?. Pero interrompéndose o proceso de realización, non é probable que se produza esa dobre achega: á sociedade e ao seu enriquecemento persoal.

Todo o dito podería articularse nun contexto moito máis amplo: na conciencia dramática do sufrimento humano. Exemplos desgraciadamente abondo, témolos estes días nos refuxiados sirios. E con carácter xeral, podemos afirmar, sen temor a equivocarnos, que a causa está na FALTA DE VONTADE, DILIXENCIA E EFICACIA DAS NACIÓNS E ORGANISMOS INTERNACIONAIS.

Como di Popper, o universo aberto tamén no histórico, pode ser conducido polas nosas decisións libres ao Paraíso ou ao Inferno. Imaxínanse cantas causas de desazo poderían ser evitadas se os xestores da política mundial, e de cada país, fixeran algo por superar os dramas da historia, do sufrimento dos seus cidadáns, e se esforzaran en neutralizar a perversidade humana, en vez de converterse en escravos do Poder...?.

O político intelixente e ben intencionado non espera a que a convulsión social resolva os problemas a berros, ulisca nas tendencias e estrutura marcos de solucións, como suxire moi agudo Víctor Hugo, nunha cita que ofrece o Dr. Monserrat. Di así: NON HAI NADA MÁIS PODEROSO QUE UNHA IDEA Á QUE CHEGOU O SEU MOMENTO. Pero parece que o home perdeu o olfacto, seguramente por iso anda tan acompañado dos cans, que ocupan o sitio dos anciáns nas cadeiras.

Moitas outras ideas deberían ser aportadas; mais penso que son abondo para percibir a onde pode levar o desazo a unha persoa, xerado na soidade dunha sociedade chea de frivolidades e con axentes da xestión pública de comportamentos triviais, que arrastran á desconfianza a quen os elixiu e interrompen millóns de procesos de personalidade.
Pois..., cantas persoas ven truncados os seus proxectos de vida por verdadeiras estupideces elevadas á categoría de heroicidades?!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES