Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un bo e xeneroso

miércoles, 16 de septiembre de 2015
Leutores, si olvidando do mundo os traballiños/ vos fordes de paseo de Vilanova ó val,/ entrade respetosos, entrade caladiños,/ na primorosa ermida da Virxe do Cristal.

Si escasos de fortuna bicades a súa pranta,/ si a visitala vades faltiños de salú,/ secorreravos logo a milagrosa Santa;/ no mundo non hai outra que teña máis virtú.

De tristes agarimo, de probes esperanza,/ dos namorados guía, sostén do labrador,/ canto de Dios quixere, tanto de Dios alcanza;/ non hai quen lle non deba consolos e favor.

Cando eu era pequeno, por miña nai levado,/ da aparición pedinlle a lenda celestial;/ si cal a deixo escrita non for do voso agrado,/ a culpa non botedes á Virxe do Cristal.

Así remata o epílogo do que sen ningún chauvinismo localista constitúe unha das principais lendas da cultura popular galega elevadas á literatura universal, como é a Virxe do Cristal que Curros inmortalizou, logo de tela recollido da súa vilanovesa nai.

Onte, o pobo de Vilanova e tódolos devotos e admiradores (que hai moitos que sen profesaren activamente a doctrina, renden sinceros votos de admiración á enigmática imaxe) da Virxe do Cristal, estivemos coma cada 15 de setembro de festa. Pero este ano dun xeito ben diferente, porque dous protagonistas principais non están presentes. Un, dende hai preto de medio século e a outra dende hai 385 anos, cando por causas non descifradas caeu nas mans dunha pastorciña co fin de limpar a posta en dúbida polo seu amado, da súa pureza cristalina e virxinal.

Dende que desapareceron ámbolos dous, don Adolfo e a imaxe vítrea, levo escrito en diversas ocasións que a gran diferencia entre a pequena Virxe do Cristal e o resto das advocacións marianas que hai no mundo é radical porque mentres unhas responden a feitos máis ou menos contrastados ou a lendas máis ou menos ben contadas, logo simbolizadas por figuras máis ou menos artísticas e elaboradas pola man do home, o gran misterio da Virxe do Cristal é que aínda hoxe ninguén é capaz de descifrar cómo aquel "oviño" de vidro fundido foi fabricado "alá polo ano de gracia de mil seiscentos e trinta".

Onte, malia contar no calendario como día de celebración, non deixou de ser, polo tanto, un día triste para Vilanova dos Infantes e para as terras de Celanova, porque ninguén lle viu mudar de manto á pequechiña imaxe no medio da Barronca, nin o San Roque e o San Sebastián se axeonllaron fronte dela na praza do Recreo, coma o facían denantes.

Pero tamén foi un día de esperanza porque un bo e xeneroso, Manuel Granai, nos demostrou que os milagres existen e que cadaquén os interprete ó seu xeito e á súa maneira. Senón, que llo pregunten á propia Virxe do Cristal.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES