Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un acorde na noite

martes, 01 de septiembre de 2015
Chove en Santiago... os versos de Lorca na voz de Rosa Cedrón ocupaban o pensamento de Xavier mentres percorría a rúa do Franco concentrado no son das súas pegadas sobre o chan mollado.

Coincidindo coa medianoite chegaba á Alameda. A luz tenue dos farois alumeaba as árbores do perímetro do parque creando un fermoso sendeiro que se adentraba na néboa. Cruzou Xavier a Porta dos Leóns que preside a entrada ó Paseo da Ferradura e percorreu os primeiros metros mantendo fixa a mirada, como o facía o propio Valle-Inclán dende o seu banco. Pouco antes de alcanzar a primeira curva do paseo decatouse da presenza daquela muller, a sombra elegante que unha vez máis contemplaba a noite coa única compaña da súa arpa. Levaba anos topándose con ela. A Rúa Nova, Praterías ou Bonaval eran algúns dos escenarios onde Xavier se cruzara con aqueles ollos verdes, de efecto hipnótico, que el soía observar na distancia, prudente. Hoxe estaba sentada de costas, cabelo loiro baixo os hombros, no banco de madeira que arrodea a árbore dos namorados. Aquel robusto eucalipto contribuía a acentuar a expresión de fraxilidade na silueta da arpista. Das cordas emerxía unha melodía delicada, notas suaves que se presentaban sen présa, como aquel orballo que daba son á noite. Só o luar parecía escoitala, mais ela semellaba non precisar máis. O movemento controlado daquelas mans finas parecía ser o único que a mantiña no presente. O resto do seu ser parecía estar noutro lugar, noutro momento. Algo había naquel diálogo co instrumento que resultaba engaiolante. Ambos entes parecían absortos nunha conversa que os mantiña alleos ó que acontecía ó seu arredor, incluída a presenza de Xavier.

Por un intre a arpista permaneceu en silencio, fixos os ollos na fachada da catedral que se adiviñaba ó fondo, como se nela estivesen escritos os seguintes compases. Logo daqueles segundos de pausa continuou cun novo acorde, un son máis intenso que resultou ser premonitorio ó facer que Xavier recuperase da memoria aquela fermosa lenda celta da Arpa de Dadga. O Deus Dagda era un ser especial, provedor da abundancia e posuidor, entre outros, do poder de restituir a vida. A lenda conta que durante a segunda Batalla de Magh Tuiredh o arpista de Dagda caeu prisioneiro dos fomorianos. Furioso, Dagda dirixiuse ó campamento inimigo acompañado do Deus Lugh e do guerreiro Oghma para rescatar ó arpista e recuperar a arpa máxica coa que Dagda controlaba o inicio e fin das estacións. Os tres lograron adentrarse no salón de banquetes onde os fomorianos agocharan a arpa roubada. Cando a localizaron, Dagda chamouna cun poderoso cántico que fixo que a arpa voase de novo ás súas mans. Despois de recuperala o Deus-druida tocou nela os tres nobles acordes que todo mestre destre instrumento debe coñecer: os acordes da risa, o lamento e o sono. Gracias a este último acorde os fomorianos caeron nun profundo letargo que permitiu a Dagda e ós seus acompañantes fuxir sen maiores contratempos.

A lembranza da historia de Dagda facía que Xavier observase á arpista con ollos diferentes. Preguntábase cal daqueles tres acordes estaría a executar naquel momento, e unha sensación de benestar percorría o seu corpo dando resposta a aquel interrogante. Observou de novo aquela arpa, que semellaba conversar coa natureza a través daqueles acordes, quizais do mesmo xeito que o facía a arpa de Dagda, marcando os últimos compases dun verán que chegaba ó seu fin. Nunca ata aquel momento Xavier tivera tan clara a misión daquela arpista. Nunca había esquecer que existe un instrumento sen o cal o resto da orquestra, o resto do mundo, carecen de sentido.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES