Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dolorosa lucidez de Chirbes

jueves, 27 de agosto de 2015
Hai xa uns días que morreu Rafael Chirbes. Foi unha morte inesperada e prematura. Estaba en plena madurez e publicando os mellores libros da súa traxectoria. Sento a súa perda coma se fose un familiar ou un amigo. Sígoo como lector desde hai moitos anos e nunca me defraudou. Outros autores deixaron de interesarme e funos deixando aos poucos. Con Chirbes sucedeu ao contrario: cada novo libro que publicaba resultábame máis impactante e conmovedor. Non é un escritor complacente: esixe esforzo e atención, que se ven recompensados de sobra.

A literatura española perde un dos seus valores máis interesantes, a voz máis crítica e lúcida para narrar a vida deste país dos últimos anos. Nunca estivo de moda e só chegou a ter notoriedade nestes últimos anos, despois de que unha das súas obras (Crematorio) fose levada á pantalla. Os seus libros, todos eles, son dunha dolorosa lucidez. A súa mirada sobre o noso pasado recente non é nada complacente. Non comparto o seu pesimismo radical, pero celebro e agradezo a súa honradez extrema e o seu firme compromiso coa verdade.

Cando publicou Los viejos amigos (1), en 2003, afirmaba nunha entrevista (2): “Non hai dúas Españas, só hai unha, a outra non existe. O que ocupou as terras quedouse coas terras ocupadas e o que ocupou a cátedra coa camisa azul quedou con ela”. Nesa excelente novela utiliza unha sucesión de monólogos. Un grupo de amigos reúnese; repasan as súas vidas, as súas traizóns e as súas frustracións e descobren que, todos eles, son expertos en infidelidades varias e, nalgúns casos, cómplices daquilo que quixeron combater. Amigos da mocidade nos anos da Transición, chegan á madurez instalados na resignación e na renuncia aos seus soños. O autor móstrase implacable no seu relato: son xente que vive soa e vai morrer soa.

Nos seus últimos libros publicados -Crematorio (2007), En la orilla (2013)-, describe, con toda crudeza, a corrupción que medrou como un cancro en toda España e, de forma notoria, no Levante español (na cidade imaxinaria de Misent (3)), onde se centra a trama destas dúas novelas. Relata como o soño da Transición de construír unha sociedade máis culta, igualitaria e xusta, convértese nun pesadelo de cloacas, augas estancadas e vidas putrefactas. Hai expertos en corruptelas que se converten nos donos do curral, pero tamén hai cómplices satisfeitos, asesores e políticos sen escrúpulos, avogados a soldo e familias -con fillos rebeldes- que viven, con todo o luxo, da corrupción e comen a diario sen importarlles “o porca que queda a cociña”. Os personaxes de Chirbes tamén falan sobre o deterioro das ilusións, sobre o desgastar dos corpos e a decrepitude que provocan a vellez e a enfermidade: “como os corpos, as ilusións morren e apestan”.

A morte tamén está moi presente nas súas obras. En La buena letra (1992), libro fermoso e desolador, a protagonista repasa a súa vida, as breves alegrías e as miserias da convivencia familiar: “Todo parecía que ía durar sempre, e todo se foi rápido, sen deixar nada”. Tamén fala dos seus mortos: “Foron a miña vida. Xente á que quixen. Cada unha das súas ausencias encheume de sufrimento e quitoume ganas de vivir”. Nunha entrevista Chirbes dixo que a vida é moi curta: “pensas que estás madurando e o que pasa é que estás morrendo”. Na súa última novela publicada -En la orilla- afirma, con ironía, que a vida humana é o maior malgaste económico da natureza: “cando parece que poderías empezar a sacarlle proveito ao que sabes, morres, e os que veñen detrás volven empezar de cero”. Chirbes era, desde hai anos, un mestre. E foise antes de tempo.

ENLACES:
1. http://elpais.com/diario/2003/06/21/babelia/1056153017_850215.html

2. http://elpais.com/diario/2003/06/21/babelia/1056153015_850215.html

3. http://lamarinaplaza.com/2015/08/17/las-verdades-incomodas-que-rafael-chirbes-dejo-sobre-deniamisent/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES