Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moitas saídas musicais en España

viernes, 11 de septiembre de 2015
Levan coa música desde que escoitaban a Mozart no ventre da nai. Soportaron a explotación laboral infantil de compaxinar dúas carreiras académicas desde primaria. Ou desde a escola infantil para nais cobizosas e pais despistados. Houbo familias que gastaron por riba das posibilidades para comprar un instrumento, pagar estudos e cursos de especialización, aloxamento, viaxes.
Agora están titulados. Hiperformados. E non perden o sentido do humor. Din que aquí a música ten moitas saídas: Lavacolla Barajas, Oporto, El Prat. Porque España é así. O custosísimo edificio cultural levantado en poucas décadas de democracia pode colapsar: non hai educación musical na sociedade. A música vai desaparecendo en primaria, en secundaria e iso que os expertos aseguran que é irrenunciable na base educativa das persoas. E que nenos e rapazas deberían ter a oportunidade de tocar un instrumento, de cantar, de coñecer, entender, é dicir, amar a música. Pero ai!, “Non canta na cha ninguén...”, España é unha chaira cultural e non hai tradición musical nun país que escoita tan pouco, que berra tanto, que ama o ruído e despreza a beleza. E onde hai xente que exhibe sen pudor o seu analfabetismo musical.

Os heroes que chegaron á meta nos conservatorios despois dunha esixente formación, miran cara ao futuro… e non ven nada. Non hai oportunidades para os músicos en España, estraño país que expulsa o talento, que perde cerebro a chorros e onde non hai sitio nin cartos para a cultura. Din: 'Quero tocar aquí... pero non podo'. Xente que roza a excelencia no esixente campo da música representa outra xeración perdida. Miles de músicos novos, pulidos no crisol de moitos anos de esforzos e sacrificios emigran e están a tocar nalgunhas das orquestras máis prestixiosas dunha Europa que musicalmente empeza nos Pirineos. A pesar do altísimo talento que hai aquí e sobrevive nos escasos oasis dalgunhas orquestras e bandas. A de Silleda, por exemplo, tan recoñecida, tan premiada.

Entre os máis dañinos analfabetos musicais están algúns gobernantes. Como os que perpetraron, aproveitando a crise, a letal porcentaxe do 21% contra a cultura, o cine, o teatro, a danza, a música. E iso que enchen a boca cun patriotismo feo onde non colle a defensa do noso, das mellores conquistas culturais, dos cerebros máis educados e excelentes.

Graciñas a Deus, os músicos aínda sorrín. Felicítanse porque como aquí medraron tanto os aeroportos non han faltar saídas con destino Viena, Boston, Londres, Jonköping, Paris, Rotterdam, Estocolmo, Nueva York... Lonxe de España, onde a música está en tempos de silencio. Onde a primavera musical é así de silenciosa. Sen músicos, sen beleza. Pero con moitas saídas. Nos aeroportos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES