Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre o dogmático e o crítico... a bulla

viernes, 21 de agosto de 2015
Recoñezo que non é nada fácil dar razóns suficientes deste barullo ao que nos teñen sometidos os partidos políticos en España, os tradicionais e, agora, os emerxentes con vocación partidista ou a mercé de pintorescos pactos. En todo caso, non está de máis apuntar algunhas ideas que poden axudar a comprender esta situación, que non é exclusiva de España, aínda que aquí, pola mesma idiosincrasia dalgúns políticos, a falta de altura política cun verdadeiro sentido de estado dos dous grandes partidos e a problemática constitutiva e constitucional da unidade nacional cuestionada, adquiriu unha importancia que esixe posturas ben definidas e documentadas.

Penso que as razóns fundamentais do barullo político están nun pasado non inmediato, que, incluso no caso español, deveñen potenciadas polas nosas singularidades. O marco das explicacións sitúoo especialmente en Europa. E parto dunha xeneralidade que non vou a xustificar, senón sinxelamente suxerir. É a seguinte: CANDO O DOGMÁTICO DA PASO AO CRÍTICO, NA REALIDADE SOCIAL, RÓMPENSE EQUILIBRIOS E DESTRÚENSE SEGURIDADES, QUE CONDUCEN A NOVOS E TÍMIDOS ENSAIOS.

Por iso, antes de dar un paso a outra referencia, eu aconsellaría unha reflexión acerca dos grandes relatos da modernidade, e, principalmente, para xunguirnos a esta temática, ós ideolóxicos, como, por exemplo, ó marxismo e ó capitalismo. Neles viviuse un certo dogmatismo de verdades absolutas; pero os fracasos que os puxeron en evidencia ante as probas da historia, precisamente nas máis diversas experiencias político–sociais, espertaron un espírito crítico que fixo acto de presenza en todos os campos nos que estaba enraizado. E esta actitude crítica puxo de manifesto que esas “verdades absolutas”, no mellor dos casos, non tiñan outra consistencia epistemolóxica que non fora a dunhas opinións máis ou menos verosímiles.

Se facemos unha extrapolación dos coñecidos como post–modernistas, principalmente do filósofo francés Jean-François Lyotard, podemos utilizar como marco explicativo todo o relativo a caída dos meta–relatos, é dicir, o fin das utopías do progreso indefinido da Modernidade, das interpretacións teolóxicas da historia, e incluso doutros grandes relatos da Ilustración en xeral.

Saber para Lyotard é saber–facer, saber–vivir, SABER–OIR, etc., por iso o saber científico ten límites que lle impiden acadar todo o saber. Define este filósofo o marxismo como ciencia e tamén como programa de emancipación, e, así considerado, afirma que foi o último que non hai moito tempo que perdeu o vigor epistemolóxico do dogmático, e non parece que haxa interese en recuperalo, porque a experiencia dos socialismos reais non verificou a súas teses fundamentais.

Pero como Lyotard fai unha distinción entre marxismo e comunismo, habería que dicir que este último segue tendo certo papel nas sociedades, ben sexa para soster réximes totalitarios, con embarazosas burocracias, en países fora de Europa, ou como soportes ideolóxicos de algúns partidos minoritarios naqueles considerados como democracias:

Trátase do desenrolo de diferentes e matizados discursos que, para manter a súa autonomía no medio social no que pretenden facerse valer pragmaticamente, introducen transformacións máis ou menos concordantes coas súas condicións de existencia, termando dun fundamento simulado e cautelosamente recursivo no meta–relato referencial.

Por outra parte, o capitalismo, sobre todo coa dinámica que connota nel o prefixo NEO, e o cualificativo de FINANCEIRO, está facendo méritos para provocar máis ou menos perceptibles reaccións ANTICAPITALISTAS. Pero tampouco se pode excluír a existencia dun certo dogmatismo residual, como no ámbito do comunismo, alimentado polas circunstancias propicias nas que se desenrola máis que polo que xustifican os seus resultados en función do interese xeral, non certamente do particular dalgúns capitalistas. Exceptuemos, non obstante, o capitalismo empresarial con función social.

Debemos, ademais, lembrar que este barullo no que estamos metidos ten moito que ver coa perda da coherencia que se mantiña nas sociedades anteriores: Os membros das institucións políticas, hoxe en día, toman por monteira os principios éticos, substituíndoos, non poucas veces, por ocorrencias que eles chaman laicas; a economía é dona e señora do sistema produtivo e dos mercados, xerando instrumentos políticos para xustificar identificacións ideolóxicas extravagantes; debilítanse deliberadamente as experiencias comunitarias; con obxectivos frecuentemente espurios está configurándose unha especie de monoteísmo (non relixioso, que xa estaba aí) “biopsíquico” e económico, en cuxo altar ofícianse xestións dun progreso matizado ideoloxicamente; (...). E todo isto nun ambiente aturulado polos optimismos que encerran as ofertas partidistas e, ademais en España, de grupos indefinidos, á procura de amañar unha IDENTIFICACIÓN NEGATIVA.

Engademos a isto, unha clase de corrupción á que nunca, ou poucas veces, facemos alusión: A corrupción DO HUMANO. Dela ocúpase Eladio Chavarri, na súa obra “Perfiles de nueva humanidad”, na que escribe: “Identifícoa sen máis co IN–humano. O prefixo IN ten en castelán o dobre sentido negativo e privativo. A distinción é fina e adoutrina, expresión sucinta de grandes especulacións filosóficas. Doulle aquí un significado especial. Digamos que a negación atinxe á abolición... , mentres a privación arrebátanos a humanidade que se nos debe”.

Acaso non constitúen unha corrupción do humano utilizar as formalidades como cebos para outros fins, primar a aplicación de criterios que xustifiquen as inxustizas distributivas, introducir teimosamente maniqueísmos partidistas e ensaiadas apoloxéticas protectoras de inconfesables iniquidades, etc., etc.?. Pois de todo isto teñen os nosos tempos hiper–críticos (que paradoxo!!!) abundante colleita.

Sen dúbida, o inhumano maniféstase, ante todo, nos CONTRA–VALORES, disimulados nas actitudes que marxinan a ética e nos conseguintes excesos comunitarios, corrosivos da xigantesca malla das relacións socias, cuxa perturbación xera dor e desorientación no cidadán, vítima de constantes brétemas que lle ocultan as vías de saída.

Cabe preguntar, pois, onde estarían as terapias, a todo isto, de “atención primaria”, enriquecidas por algún prognóstico xeracional esperanzador, posto que a apelación aos discursos e informacións partidistas embarullan e quebran as esperanzas. Deberían estar no medio cultural e familiar en sentido amplo; pero, hoxe en día, tamén aquí a lista de espera desespera.

Se aceptamos e valoramos todo o exposto, non é difícil deducir disto que estamos en presenza dunha quebra de AUTENTICIDADE, á que tamén alude Eladio Chavarri no que denomina MÁSCARAS SOCIAIS: As numerosas aparencias públicas que non responden a realidade, como é o caso do estudante que non aparece polas aulas, o sindicalista sen reberetes de xustiza, o traballador sen interese polo que fai, o político sen rastro de servizo público, a cerrazón nas nosas opinións (conservadores e progresistas acantóanse nas súas propias), etcétera.

Estas, na miña modesta opinión, sonlles algunhas das razóns polas que se desencadea a bulla nesta etapa histórica que nos tocou vivir entre actitudes dogmáticas, aínda con vestixios relevantes, e as críticas a miúdo dexeneradas en hiper–críticas, con evidentes cargas de inautenticidade, que poden axudarnos a dar razón dun desconcerto e desorientación, que, inconfesables pola hipocrisía de moitos pseudo–liderazgos, ocultan a verdadeira realidade, en vez de catalizar os sentimentos de responsabilidade, e non evitan a xeración dunhas ilusións que non teñen outro fundamento que o de ser agradables aberracións de esperanzas e promesas infundadas.

Quousque tandem, responsables políticos?. Sí..., ata cando?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES