Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sin foguetes nin orquestras, tamén pode haber festa

jueves, 20 de agosto de 2015
O xoves pasado deume por ocuparme das festas, non improvisando, senón expresando algo que tiña pensado repetidas veces. A razón de traer a conto aquelas e estas reflexións é que arredor do 15 de agosto, pero en xeral durante todo o verán, estamos en pleno férvelle-férvelle festivo.

Quixera volver sobre o tema, sempre sen tratar de impoñer o meu pensar a ninguén e sabendo que é discutible canto eu poida expresar.

Só o ser humán tén capacidade de facer festa. Os animais brincan, pero festas non fan. Penso que estou no certo afirmando que en todas as culturas e desde tempos moi remotos a festa é un compoñente moi importante, inseparable das actividades do ser humán. Temos necesidade de festexar como expresión do noso talante celebrativo relacionado coa natureza, coa relixión, con acontecementos individuais ou dunha colectividade.

Sinto de antemán que haxa tanta xente que non tén gana de festas; porque iso normalmente é sinal de que están sufrindo dun ou doutro xeito e de que a vida está sendo pra eles unha carga. Tamén se da o caso de algúns que escapan das festas porque escapan de andar entre os outros. Tamén iso é outra desgraza ou outra enfermidade.

Pero paréceme que hai outro perigo: Quen medra fronte a unha pantalla, xa sexa de tele ou de ordenador, e agora das tablets e dos sofisticados teléfonos móbiles, vaise pechando á relación cos demais e atopando nestes elementos válvulas de escape e, lamentablemente, cambiando a capacidade de festexar pola de pagar espectáculos. Así, cando se xuntan pra divertirse, o medio de diversión é o botellón.

Referíame ó comezo a esa efervescencia festiva que enche os meses de verán, sen darme conta de que estaba caendo nunha tentación moi común que é a de reducir o significado dunha palabra tan rica como é a palabra "festa" ás celebracións con foguetes e orquestras.

Ese é un tipo de festas; pero hai moitos máis; porque parece ser que festa é calquera celebración gozosa que se fai en compañía ou que tén certo carácter comunitario. Por iso entendemos que festa tamén son as celebracións de cumpre-anos, onomásticas, reencontros cos amigos, navidades, sacramentos, fin de carreira, etc.

O que tamén se observa que van avanzando son as comidas veciñais. Pero tamén con isto hai que ter ollo e ver que é o que celebramos, se a comida ou a veciñanza; porque tamén se percibe que, salvo lamentables excepcións, nunca tan ben se comeu e nunca tanto se correu detrás dun pincho..

Se nos fai falta e nos vén ben e nos nace de dentro, non deberemos, logo, de deixar de festexar aínda que sexa no inverno.

Pero volvendo ás festas das parroquias, entendo que tamén son importantes por moitas razóns, entre as que non son de menor importancia a expresión de unión que reflexan e ó mesmo tempo a unión que crean. Celebrando a unión, medra a unión.

Outra cousa diferente será se non hai máis formas de facer festas ca con orquestras máis ou menos caras, e foguetes máis ou menos de palenque. De feito xa van aparecendo formas novas pasando da festa ó festival a unhas horas que poden valer pra vellos e nenos e terán que seguir aparecendo máis e afianzándose algunhas que apuntan con timidez.

Cada día van sendo máis as parroquias rurais que se van quedando con menos veciños e sobre todo con menos mozos e nenos, de maneira que xa se lles fai moito costa a riba facer fronte ós gastos que trae consigo unha destas festas tradicionais, pra despois, se cadra, atoparse no campo de festa un puñadiño moi pequeno de xente.

Nestes casos, ¿non haberá posibilidade de que se xunten varias parroquias pra costearen conxuntamente os gastos? Sei que non é doado; porque iso da "nosa parroquia" aínda pesa moito, témome que por pouco tempo, pero hai que acudir á creatividade, e tratar de tomar parte activa nos cambios, xa que do contrario, sempre serán os outros os que programan pra nós.

Por outro lado, sigo pensando que é ben importante que os veciños se xunten pra festexar polo menos unha vez ó ano, e tamén sei que unhas empanadas, uns lacóns, uns queixos, uns pasteis, unhas botellas de viño entre as que haxa algunhas que fagan ¡pum! tampouco custa tanto e así tamén pode ser festa prás mulleres que doutro xeito non dan cociñado, fregado e cambiado os manteis, especialmente se hai festa máis dun día. Pero vou calar, que igual me estou metendo en camisas de once varas e merecendo que me miren de traveso os sindicatos de músicos profesionais e de fogueteiros.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES